Gandería Cid: un exemplo de aposta polo sistema de mestura húmida para seguir medrando

Gandería Cid é unha explotación de vacún de leite de Barreiros, na Mariña lucense, unha comarca na que a falta de base territorial levou a un bo número de ganderías a recorrer ao sistema de mestura húmida para seguir medrando. Bonet Cid explícanos as vantaxes e os inconvenientes deste modelo

Gandería Cid: un exemplo de aposta polo sistema de mestura húmida para seguir medrando

Vacas no interior da gandería

A busca da eficiencia e da rendibilidade levou a un número crecente de ganderías de vacún de leite en intensivo a apostar polo sistema de mestura húmida. Na última década, este modelo estendeuse na Mariña lucense e no Occidente de Asturias da man de Comercial Agropres e da Cooperativa Os Irmandiños. O cultivo da terra por parte dunha empresa ou cooperativa, que se encarga de facer os silos e de servir a ración, permitiu a un bo número de ganderías destas comarcas aumentar os seus rabaños, malia contar cunha reducida base territorial e sen posibilidades de ampliala.

Gandería Cid, situada no concello lucense de Barreiros, é unha destas explotacións. Bonet Cid, terceira xeración de gandeiros, valora como “positiva” a súa decisión de pasarse ao sistema de mestura húmida no ano 2007, neste caso a través de Comercial Agropres, de Castropol, pioneira na comarca na implantación deste modelo.

Grazas a esta decisión, esta explotación puido medrar ata contar a día de hoxe con 185 vacas, das que arredor de 100 están en muxido, malia contar con 40 hectáreas de base territorial.

“A empresa encárgase de cultivar 19 hectáreas que dedicamos a millo, de sacar o xurro e de elaborar e servir a ración”, explica. Os ingredientes da ración son, principalmente, silo de millo, alfalfa deshidratada, palla, concentrado, vitaminas e minerais, a un prezo que se sitúa en arredor de 140 euros a tonelada. Cada vaca adulta en lactación de Gandería Cid come arredor de 50 kilos ao día de mestura húmida, unha ración cun 54% de materia seca, e que contén entre 30 e 32 kilos de millo forraxeiro e entre 10 e 12 kilos de concentrado.

“O custo de alimentación é máis elevado pero os custos de produción son similares aos dunha gandería intensiva convencional”

“O custo da ración por vaca e día -informa Bonet Cid- sitúase en arredor de 7 euros, pero se lle descontamos o aluguer polas fincas que nos paga Comercial Agropres queda en 6,7 euros”, para unha produción media de 38 litros por vaca e día. Recoñece que os gastos de alimentación son máis elevados ca nunha gandería intensiva que cultive as súas propias forraxes, pero subliña que “se descontamos que non teño que facer investimentos en silos e en maquinaria e que non teño case mermas nas forraxes, os meus custos de produción son moi parecidos aos dunha gandería intensiva convencional”.

Como principais vantaxes deste sistema de mestura húmida, este gandeiro salienta que “tes garantida a comida para o rabaño, cunha ración homoxénea, sen mermas nas forraxes por deficiente conservación dos silos e con menos problemas de descompensación nutricional”. Ademáis, xunto ao menor investimento en maquinaria, Bonet Cid destaca como un punto “moi positivo” que “prácticamente dedicamos o 90% do noso tempo a centrarnos no traballo como gandeiros, o que nos permitiu tamén incrementar a media de produción e mellorar o manexo”.

De feito, o único traballo agrícola que realizan en Gandería Cid é cando teñen que facer rolos de herba verde das 17 hectáreas de pradeiras permanentes e temporais que si xestionan eles. E é que para Bonet Cid, “nunha gandería profesional deberían separarse a parte agrícola, a gandeira e a recría, funcionando como tres empresas diferentes e buscando a rendibilidade por separado en cada unha delas”.

Producción e calidades do leite

Con este sistema de mestura húmida Gandería Cid alimenta as vacas en lactación, sepArando o lote de primerizas e vacas de segundo parto do lote de vacas adultas, para evitar a competencia pola comida. Ás vacas secas e en preparto aliméntaas con palla, concentrado e algo da ración unifeed, mentres que as xovencas preñadas basean boa parte da súa alimentación no pastoreo.

A media de produción nesta gandería está en 38 litros, con 180 días en leite e unha producción anual que ascende a un total de 1,2 millóns de litros. As calidades están nunha media de 3,8% de graxa e 3,38% de proteína. Véndenlle a producción a Leche Celta, cun contrato a 6 meses que vence en febreiro. A cooperativa portuguesa paga toda a entrega en A a un prezo base de 267 euros a tonelada, máis calidades, prima por cantidade e certificación, roldando o prezo final os 300 euros a tonelada.

Xenética e reproducción

En canto á reprodución, en Gandería Cid as vacas acadan unha media de 2,8 partos, situándose a taxa de reposición no 30%. Para as inseminacións utilizan principalmente de touros xenómicos, fixándose nos caracteres de tipo (patas e ubre), así como nos rasgos de saúde (células somáticas) e de produción.

“Non utilizamos touros números un: miramos máis o tipo que o ICO, e utilizamos como criterio que sexan positivos en leite (entre 1000 e 1200), que teñan máis dun 3 de puntuación en tipo e que non teñan problemas de consanguinidade coas vacas”, explica Bonet Cid. De momento realizan a recría na propia gandería, pero non descartan externalizala nun futuro.

Dende hai unha década esta gandería estivo utilizando embrións para mellorar a xenética do seu rabaño de xeito máis rápido e eficaz, pero a baixada dos prezos do leite levou a que durante o último ano deixaran de utilizar esta técnica reprodutiva.

A crise de prezos do leite tamén levou a esta explotación, ao igual que outras ganderías de vacún de leite, a aumentar as inseminacións con carne para mellorar os seus ingresos. “Estamos neste momento nun 25% de inseminacións con carne, principalmente con Azul Belga, e facémolo nas vacas que consideramos que teñen peor xenética ou que teñen dificultades para preñar”.

Gandería Cid é socia de Os Irmandiños, unha cooperativa que lles presta os servizos veterinarios e de certificación. “Non estamos no sistema de mestura húmida da cooperativa porque cando empezou o Cavi xa levabamos uns 4 anos con Comercial Agropres e, como estábamos satisfeitos, non cambiamos”, explica.

Futuro do sector

En canto ao futuro do sector, Bonet Cid confesa que o seu sentimento é de incerteza. “Estamos nunha época de transición na que non sabemos o que vai pasar e no noso caso recoñezo que estamos un pouco estancados á espera de ver a evolución dos prezos do leite”, asegura.

En calquera caso, esta gandeiro subliña que “estou nun sector que adoro e non me quedarei parado, senón que farei os cambios que haxa que facer para seguir sendo competitivo”. “Iso si, todo o que faga será con cabeza, cunha planificación e botando contas, porque tamén teño claro que a gandería de vacún de leite é un negocio e como tal tenme que dar diñeiro”, conclúe.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información