Gandería Castedo SC, relevo xeracional e novas instalacións para seguir producindo leite

Marcos e Álex tiñan claro que querían adicarse á gandería, pero a explotación familiar estaba limitada por un establo antigo e incómodo, tanto para o gando como para traballar eles, así que hai tres anos construíron unha nave nova na que poder seguir medrando

Álex e Marcos, xunto ás súas vacas na nova nave de produción na parroquia de Muxa

Álex e Marcos, xunto ás súas vacas na nova nave de produción na parroquia de Muxa

A piques de arrincar a campaña de ensilado de herba, retrasada este ano pola inestabilidade do tempo, Marcos e Álex Castedo poñen a punto a maquinaria logo de atender as máis de 100 cabezas de gando que teñen na explotación.

Na parroquia de Muxa, onde viven, a menos de 5 km do núcleo urbano da cidade de Lugo, só quedan hoxe dúas ganderías leiteiras e unha delas é a súa. Son dous irmáns que decidiron dar continuidade á explotación familiar modernizando as instalacións e apostando polo muxido robotizado para facer o traballo na granxa compatible co da empresa de servizos agrarios que tamén teñen.

“Coas vacas empezaron os nosos pais hai moitos anos. Tiñamos en produción entre 35 e 40 e unhas 80 ou 90 cabezas totais. Pero o establo era antigo e estabamos moi limitados, porque estaba ao lado da casa, no medio do pobo, e a finca está rodeada por catro camiños, así que non tiñamos para onde medrar, por iso decidimos trasladarnos a esta finca separada das casas e facer unha nave nova con vistas a poder ampliala nun futuro”, explica Álex, o irmán máis novo, que ten só 23 anos, 10 menos ca Marcos.

Fixemos un investimento duns 700.000 euros pero se fora hoxe, coa suba dos materiais, a obra teríanos saído moito máis cara

Xunto a eles dous, na sociedade está tamén a súa nai, Carmen López, que lles axuda a atender a granxa nas épocas nas que eles están máis centrados nas campañas agrarias.

“A mellor vacina contra a mamite”

CASTEDO SC (LUGO) camas area benestar animalO 12 de marzo cumpriron dous anos nas novas instalacións, un cambio absoluto tanto para eles como para o gando. “No establo vello tiñamos as vacas en tres sitios distintos, unhas estaban en cubículo de goma, outras estaban presas e outras tiñámolas en cama quente nun engadido que fixemos e había que andar movéndoas para muxilas nunha sala que non tiña nin sala de espera, era todo moi incómodo. Para poder seguir producindo leite tiñamos que saír de alí como fora”, recoñecen.

Agora, ademais de atender o dobre de gando na metade de tempo, os resultados son visibles tamén na saúde dos animais. “O establo vello era moi baixo e aínda que tiñamos ventiladores, notábanse pouco, porque o que facían era mover o aire quente que había dentro. Nos meses de verán ao mellor de 40 vacas que muxiamos tiñamos 8 ou 9 con mamite. Ter que tirar todo ese leite e pagar os tratamentos supoñía estar perdendo moitos cartos”, explica Álex.

As vacas son as mesmas pero foi pasar ás camas de area e ao robot de muxido e as mamites desapareceron

Pero eses problemas, conta, acabáronse ao cambiar o gando para a nova nave. “Foi a mellor vacina”, di. “Tiñamos moito medo a seguir arrastrando eses problemas pero o cambio foi radical, foi como se cambiaramos as vacas”, afirma.

A súa experiencia demostra, di, que “as instalacións, tanto de descanso do gando como de muxido, son esenciais para reducir a incidencia da mamite porque as vacas son as mesmas pero os casos de mamite acabáronse”, argumenta. “Nese aspecto, nós a día de hoxe non cambiaríamos as camas de area nin o robot por nada do mundo”, asegura.

Teñen pensado instalar un segundo robot

CASTEDO SC (LUGO) robot de muxido DeLavalNeste momento teñen completa a capacidade do primeiro robot, con 60 animais, e para poder seguir medrando terían que dar o salto ao segundo robot. O deseño da nave xa foi concebido para iso, pero polo momento as circunstancias do sector non os anima a dar o paso.  

“A adaptación ao robot foi moi boa”, din. “Nós non compartimos a idea de que as primeirizas sexan as que mellor se adaptan. Na nosa granxa non foi así, foron os animais adultos, e algúns deles con 4 ou 5 lactacións nas instalacións vellas”, aseguran.

Empezamos a recriar máis pensando en vir para a nave nova e cando nos demos conta xa estaba o robot saturado

Non son partidarios tampouco de saturar o robot con moitas vacas porque puntualmente tiveron un pico de primeirizas co que chegaron a estar con 68 animais e o seu rendemento baixou. “Mandamos os mesmos litros agora con 60 vacas ca cando muxiamos 68”, asegura Álex.  

Tampouco son partidarios de medrar a base de ter que mercar moitos animais fóra da explotación e, de feito, nos últimos 3 anos practicamente duplicaron o número de vacas en produción sen ter que mercar case ningunha.

A respeto do establo vello, o incremento de produción foi de entre 7 e 8 litros por vaca e día

A media de produción sitúase na actualidade cerca dos 40 litros por vaca e día, con 3,70% de graxa e 3,30% de proteína. A respecto do establo vello, o incremento foi considerable, de entre 7 e 8 litros por vaca e día.

 “Alí o espazo era super reducido, había moitos animais e as vacas non estaban cómodas e o verán era horrible, porque era unha nave moi baixa con moi pouca ventilación e con uralita por arriba. E o muxido que fai o robot non é comparable tampouco co que podiamos facer antes na sala, que era tamén moi antiga”, di.

Manter rutinas dentro do posible

CASTEDO SC (LUGO) racion vacas produciónO traballo agrario en determinadas épocas do ano, tanto para eles como para outras explotacións a través da empresa de servizos agrarios que teñen, obrígaos a variar puntualmente as rutinas e horarios, algo que posibilita o feito de non ter que estar pendente das horas de muxir.

Facemos as cousas sempre máis ou menos do mesmo xeito, sen facer grandes cambios, pero en épocas de moito traballo na empresa de servizos vémonos obrigados a adaptar os horarios

Procuran tamén manter a mesma composición na ración, que fan con carro mesturador propio. Leva 30 quilos de silo de millo, 16 de silo de herba e 6 quilos de penso no carro, máis outros 6 de punteo do robot.

Desde finais de ano, debido ao encarecemento do prezo do concentrado, decidiron reducir un quilo diario por vaca, entre robot e carro, e que compensaron con silo de millo sen notar practicamente descenso de produción. “Coidamos os silos que facemos e procuramos facer os mellores ensilados posibles, ademais de manter sempre limpos os frentes e non meter na ración nada en malas condicións, que vaia quente ou que poida dar problemas ao gando”, aseguran.

O prezo do leite non subiu na proporción na que subiu todo o resto, nós estamos pagando agora 2.000 euros máis en penso ao mes do que pagabamos hai catro meses

Para as secas e as xovencas en preparto fan outra ración con 5 quilos de silo de millo, 10 quilos de palla picada e 3 de penso, mentras para a recría non fan carro, senón que empregan bolas de silo e herba seca, ademais de concentrado.

Reformar o establo vello para a recría

CASTEDO SC (LUGO) xovencas recríaO establo antigo acolle agora a recría e teñen idea de reformar as instalacións para cambiar os cubículos por cama quente e dividir o espazo en distintos lotes en función da idade para que non haxa competencia. “Tal como os temos hoxe, todos xuntos, hai veces que se xuntan animais grandes con outros moito máis pequenos”, explica.

Ademais das 24 xovencas que ocupan o espazo no que antes estaban as vacas en produción, seguen mantendo 3 animais no Rancho Las Nieves de Zaragoza, onde facían a recría antes de construír a nave nova. “Antes non tiñamos sitio onde facela aquí, agora si, pero estabamos contentos cos resultados e queremos seguir mantendo a praza no Rancho”, aclara Álex.

Soubemos programar o sexado para ter máis recría pero non soubemos parar a tempo

Aínda que practicamente duplicaron as vacas en produción, non tiveron necesidade de mercar animais, posto que programaron con anterioridade o crecemento mediante un aumento da recría propia. “Empezamos a poñer sexado e incluso non soubemos parar a tempo e mesmo chegamos ao punto de ter que vender algunha xovenca porque non tiñamos xa capacidade no robot para pasalas á nave de produción”, explican.

CASTEDO SC (LUGO) zona recría becerrasNa actualidade seguen poñendo a primeira dose de sexado a todas as primeirizas, co que cobren practicamente as necesidades de reemprazo da granxa, e cruzamentos cárnicos con limusín en moitas das vacas adultas.

De Zaragoza, en función de cando empreñen e os días que pasen alí, veñen chegando aquí as xovencas con entre 1.800 e 1.900€ de gasto, iso sen contar o valor inicial da becerra

“Aínda que teñas saída para a recría, o prezo non che compensa. Nós logramos vendelas a 2.100 euros, pero con moito traballo. Eran animais bos que xa pariran e dos que había datos contrastados de produción que dá o robot. Nese aspecto non é o mesmo mercar un animal así ou traer un de fóra, de Francia ou de Holanda, totalmente a cegas, porque non sabes o que traes. Aquí vas sobre seguro, porque ves os litros, a graxa e a proteína que dá”, razoa Álex.

Un establo desconectado da rede eléctrica

CASTEDO SC (LUGO) nave instalacións2Nas novas instalacións Marcos e Álex investiron uns 700.000 euros entre a construción da nave e a fosa de xurro, a instalación do robot de muxido e a colocación de 15 kw de placas solares para alimentalo.

Até agora funcionaban desconectados da rede eléctrica, pero en ocasións pola noite, sobre todo no inverno, tiñan que suplementar cun xerador de emerxencia porque as baterías non daban acumulado enerxía dabonda.

“Cando montamos a nave saíanos moi caro traer a luz e instalar un transformador, por iso optamos por autoabastecernos con placas solares, pero agora déronnos unha alternativa máis económica e estamos poñendo o tendido eléctrico. A idea é seguir valéndonos das placas de día e botar man pola noite cando nos faga falla da liña en vez do xerador”, explica Álex.

“Tivemos que subir 15€ a hora na empresa de servizos para compensar a alza do gasóleo”

Álex, nun dos tractores que teñen na empresa de servizos agrarios

Álex, nun dos tractores que teñen na empresa de servizos agrarios

A maiores da gandería familiar, Álex e Marcos atenden a empresa de servizos agrarios. “Nas campañas non nos aburrimos”, bromean. Desde que pasaron o gando para a nave nova aumentaron aos clientes e mesmo mercaron máis maquinaria. “Temos máis tempo para poder traballar fóra porque o traballo na granxa ao estar automatizado lévanos moito menos tempo”, di Álex.

Teñen clientes en toda a zona do entorno de Lugo e chegan mesmo a Sarria facendo traballos para outras explotacións. “Facemos de todo menos recoller o millo, porque non temos picadora”, aclaran.  

Ao aumentar á carga de traballo colleron un empregado todo o ano. Cando máis traballan é na campaña de ensilado de herba, na que poden chegar a segar unhas 400 hectáreas e a recoller con autocargadores o dobre.

100€ máis por hectárea de millo

A suba do prezo do gasóleo estano a notar moito. “Acabamos de mercalo a 0,95 e xa case nos parece barato a ese prezo, porque hai nada chegou a estar a 1,40.  Pero aínda así é practicamente o dobre do que custaba hai un ano. Iso obrigounos a repercutilo no prezo por hora de traballo aos nosos clientes, que tivemos que aumentala en 15€ só para compensar a suba do combustible, o aceite e as rodas”, explica Álex.

Temos moito diñeiro metido en maquinaria

Iso implica que na vindeira campaña de sementeira de millo o custo por hectárea se vaia encarecer uns 100 euros só en horas de traballo, sen contar coa subida do fertilizante ou os fitosanitarios, calcula.

“O traballo ben feito nótase despois no silo”

Silo de millo da explotación

Silo de millo da explotación

Sen embargo, consideran un erro reducir a superficie forraxeira polo encarecemento do gasóleo ou os abonos. “Cando máis millo se debera botar é precisamente este ano porque, cal é a alternativa, mercar penso?”, pregunta Álex. Pero “moitas veces a xente só mira o prezo, non se fas ben ou mal o traballo, iso case parece que é o de menos e eu non comparto esa idea, porque o traballo ben feito nótase despois no silo e dincho as vacas”, afirma.

Este ano é cando máis forraxe habería que botar porque, cal é a alternativa, mercar penso?

“Por iso, nós priorizamos o noso ensilado e a nosa sementeira, porque senón iso valo pagar despois durante todo o ano. E o que non podemos facer é desvestir un santo para vestir outro, desatender o noso por atender un cliente”, argumenta.  

“Nós poñemos un día para recoller a herba nosa en función do estado no que se atopa, buscando ensilala no seu momento óptimo, non deixamos para nós os días que non queren os demais, e para labrar o millo igual, aínda que xogamos coa vantaxe de que polo tipo de fincas que temos aquí, nós temos que labrar cedo, polo que moitas veces labramos antes de arrincar a campaña para o resto de clientes”, engaden.

50 hectáreas de superficie

Unha das fincas que deixan para labrar millo

Unha das fincas que deixan para labrar millo

Gandería Castedo SC dispón de 50 hectáreas de superficie agraria, das que destinan a millo a metade. Son autosuficientes en forraxes e mesmo terían capacidade para alimentar un maior número de animais, xa que esas terras quedan baleiras unha vez recollen o millo. “Nesta zona son fincas pequenas porque non hai concentración”, quéixanse.

Collimos algunha terra a maiores, pero máis que porque nos fixeran falta, por compromiso

No resto das fincas, destinadas a pradeira, fan tres cortes para forraxe. “Limpamos o que hai en marzo, facemos un segundo corte a finais de abril ou principios de maio e logo, dependendo de como veña o tempo, sacamos outro para silo ou senón para herba seca”, detalla Álex.

Usar o purín cando hai que usalo

CASTEDO SC (LUGO) fosa purín2O pozo do xurro, con capacidade para un millón e medio de litros, permítelles gardar o purín para as épocas nas que verdadeiramente é necesario. “Agora baleirámolo para botar o millo e logo xa almacenamos de novo para o primeiro corte de herba, que o facemos sen empregar abono químico, só con purín, que iso co prezo que ten este ano o nitróxeno é un importante aforro”, aseguran.

No establo vello non tiñamos fosa e desperdiciabamos o purín

“No establo vello –contan– non tiñamos pozo do purín, senón que se almacenaba nas canles que había debaixo das parrillas. Tiñamos capacidade para 12 días, uns 20.000 litros, pero tiñamos que estar continuamente sacándoo para as fincas. Iso facía que o desaproveitaras moitas veces, porque de inverno cando chove moito ou xea había que sacar igual e cando era a época de abonar a herba ou o millo non o tiñamos. Agora empregámolo cando hai que usalo e notóuselles ben ás fincas”, din.

A area mentres está no cubículo son todo vantaxes, pero en canto sae del todo son inconvintes

O pozo está cuberto, e dispón dunha rampa pola que poder entrar unha vez ao ano cunha telescópica a baleirar a area que se acumula no fondo procedente das camas. Ata o de agora están a botala en fincas ás que mesmo lles vén ben, por tratarse de solos moi barrentos que se volven moi pesados en momentos de choivas abundantes. “Polo momento a esas fincas axúdalles a area, pero si que é verdade que noutras circunstancias sería un problema”, recoñecen.  

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información