A sección ‘Noticias de empresa’ inclúe informacións de actualidade empresarial, así como as notas de prensa de firmas colaboradoras.

Gandería Casanova, unha transición exitosa ao robot de ordeño VMS de Delaval

Delaval organizou en Baleira (Lugo) unha xornada técnica para presentar novidades no seu sistema voluntario de ordeño (VMS). O evento incluíu unha visita á Gandería Casanova, que incorporou o robot hai oito meses

Gandería Casanova, unha transición exitosa ao robot de ordeño VMS de Delaval

Os integrantes de Gandería Casanova, á esquerda, xunto con Carlos Fariñas e Antonio Lenza, de Delaval, á dereita, durante a visita á granxa na xornada técnica celebrada en Baleira.

Coincidindo co vixésimo aniversario do robot de ordeño VMS de Delaval, a firma está a realizar en toda a península unha serie de xornadas técnicas, acompañadas de visitas a ganderías. O obxectivo é achegarlle a gandeiros, técnicos e veterinarios tanto as últimas novidades do sistema como a experiencia práctica das granxas que traballan co robot. En Baleira (Lugo), vén de desenvolverse a última xornada, na que participaron técnicos de Delaval e a Gandería Casanova.

A Gandería Casanova (Millares, Baleira), que instalou hai oito meses o robot de muxido, está a protagonizar unha transición exitosa da sala ó novo sistema de traballo. Miguel Pérez, que xestiona a granxa conxuntamente co seu irmán Daniel e coa súa nai, Purificación Fernández, conta como foi o cambio e as melloras que experimentaron.

“Antes chegaba a hora do muxido e tiñamos que estar todos alí. Agora se falta unha persoa non pasa nada”

“Antes chegaba a hora do muxido e tiñamos que estar todos alí. Se te pasabas un pouco de hora, xa ías preocupado porque hai que ser meticuloso cos horarios. Agora se falta unha persoa non pasa nada. Tes que estar pendente á mañá e á noite para ver se hai algún animal que non está entrando no robot, pero lévase ben, sen stress”, destaca Miguel Pérez. “Se un día, hai algunha vaca que leva 10-12 horas sen entrar, é tamén un indicador de que pode ter algo, ou unha coxeira ou algún problema”, valora.

A experiencia de Gandería Casanova pon de manifesto a posibilidade dunha transición eficaz da sala de muxido ó robot. A granxa conta con 60 vacas en muxido e en 15-20 días logrou que practicamente todas se adaptasen con normalidade ó novo sistema.

“Cando cambias ao robot, pásache pola cabeza que o teu gando non vai querer entrar, pero o gando adáptase”

“Era unha das cousas que máis nos preocupaba” -recoñece Miguel.- “Cando unha granxa se cambia ao robot, sempre che pasa pola cabeza que as túas vacas non se van adaptar, pero ao final o gando adáptase, algunhas vacas máis e outras menos, pero dos 60 animais que temos en muxido só hai 2 ou 3 mais recelosos a entrar e dos que tes que estar máis pendentes. Son vacas de cuarto ou quinto muxido, moi habituadas á sala, pero sabemos que en canto as cambiemos por xovencas, ese problema a medio prazo vai desaparecer”.

Inicios
Tras a instalación do robot, a granxa seleccionou un primeiro lote duns 20 animais cos que comezou a traballar co novo sistema VMS, incorporando tódolos días dous ou tres vacas máis. “Ao cabo duns 15 ou 20 días, xa entraban tódolos animais ben no robot. Pensabamos que a transición ía ser máis difícil. Había comentarios de que o primeiro mes tiñas que estar toda a noite pendente, pero iso non foi así. Nós quedabámonos un pouco despois de cear, vendo que todo fose ben, pero despois dormiamos a noite enteira”.

Outra cuestión que tamén estaba na rumoroloxía e que preocupaba á granxa era o tema das alarmas por posibles fallos no robot. Oito meses despois de comezar a traballar co VMS, esa preocupación xa desapareceu. “En oito meses, só tivemos dous pequenos problemas dos que nos deu aviso o sistema. Ao final, estamos falando dunha máquina que traballa as 24 horas e que pode ter avarías, igual que as podes ter na sala de muxido. O importante para nós é ter un bo servizo técnico, como é o caso”.

Melloras
Os animais están nunha media de muxidos de 2,75 por vaca e día. Outro dato importante é que a produción medrou entre 4 e 5 quilos por animal e día, un aumento que achacan ao robot e a outros cambios de manexo. “Nas novillas de primeira lactación é onde máis se nota a mellora”, valora Miguel. “Unha das claves do robot é que en función do intre de lactación, podes regular os permisos de muxido individualmente para darlle prioridade ós animais que estean en picos produtivos”, subliña.

“Unha das claves do robot é que en función do intre de lactación, podes regular os permisos de muxido individualmente”

A granxa apreciou tamén unha subida do fluxo de muxido, unha cuestión que considera importante para a saúde da ubre. “Achacamos a mellora do fluxo ó sistema de pulsación intelixente do robot e á preparación que fai do muxido, que nos pareceu moi boa”, valora Miguel.

Información
O suministro constante de datos que aporta o robot é outra dos cambios que a granxa considera positivo para o manexo. Cada catro días, a explotación ten programado o conteo de células somáticas por vaca, unha análise que lle permite facer un seguemento continuo dos animais.

“Vas vendo como evoluciona cada vaca, a súa produción, as células, o comportamento de cada cuarto e podes valorar en cada momento se é preciso actuar ou se o problema se vai correxindo. A pesar de non ver as vacas, tes máis información e control”, salienta Miguel. “Cando estás na sala de muxido, ves as vacas pero pódeseche escapar algo. Co robot é máis difícil que se che escape”, conclúe.

Daniel Pérez, explicando o funcionamento do robot.

Daniel Pérez, explicando o funcionamento do robot.

Características do robot VMS de Delaval

Delaval pronostica a expansión do uso do robot de ordeño en Galicia e no resto de España. “En Holanda, un 25% dos gandeiros traballa co robot e aquí a expectativa que temos é que vaia medrando o seu uso de xeito progresivo”, sinala Antonio Lenza, responsable da Distribución Noroeste de Delaval. Antonio e Carlos Fariñas, responsable do Marketing VMS, explicaron na xornada técnica de Baleira as principais características do robot de muxido de Delaval.

Acceso fácil á ubre. A instalación do VMS conta con foso, no cal o gandeiro está confortable e seguro á vez que lle permite unha visión completa da ubre. Tamén pode realizar un muxido manual da vaca de ser preciso.

Sistema actualizable. Desde a súa creación hai 20 anos, todos os equipos VMS son actualizables, pois presentan o mesmo deseño. As actualizacións do software son gratuítas e as do propio equipo son opcionais. Cada gandeiro pode decidir as que quere incorporar.

– Capacidade de muxido de máis de 3.000 quilos diarios.

– O sistema voluntario de ordeño está diseñado para garantir a hixiene e saúde da ubre. Leva dobre circuito e son independentes. A preparación de cada un dos tetos da ubre faina un conxunto copa- pezonera especial, que envía os restos de materia orgánica e os primeiros chorros por unha conducción ata unha unidade final. Este circuito é totalmente independente do que se emprega para facer o muxido, dotado de 4 pezoneras, 4 conduccións do leite, 4 medidores e a unidade final grande, que se encarga de enviar o leite ó tanque.

– O VMS mide o intervalo entre muxidos e a conductividade e nivel de sangue en leite. Ofrécese tamén de xeito opcional un contador de células somáticas que permite un seguemento individual de cada vaca, así como o cómputo conxunto das células no tanque, o que facilita o cumprimento das esixencias do leite AA.

– O robot é capaz de colocar as pezoneras a distintos tipos de animais, con ubres altas e baixas, ou con pezóns en ángulos de ata 45º. Esta característica reduce o sacrificio involuntario de animais.

Pulsación intelixente que oscila entre 60:40 e 75:25, axustando os tempos de muxido e masaxe en función do fluxo da vaca.

– O gandeiro pode facer un seguemento dos datos de muxido en tempo real tanto a pé do robot como no ordenador ou no móbil.

– O sistema ofrece diferentes configuracións do tráfico de muxido: libre, guiado, semilibre ou inverso.

Últimas novidades
– Dado o aumento de camas de area, a cámara do VMS incorpora, de ser preciso, un cristal de zafiro que non se raia coa area. A maiores, o robot lava a cámara despois de cada muxido.

– Introducción dun pulverizador de cascos.

– Ofrécese de xeito opcional unha cámara que puntúa a condición corporal despois de cada muxido, de xeito que se poida facer un seguemento individual da evolución dos animais.

– Sistema de alimentación automático Optifeeding, composto por un carro mesturador fixo, alimentado por silos, e por un mecanismo de distribución. Permite distribuír o alimento en 5-6 veces ó longo do día, o que aumenta o movemento dos animais.

– Herd Navigator. Sistema de análise que ofrece información de parámetros relativos á saúde da ubre, alimentación e reprodución. Medición de lactato deshidrogenasa (Ldh), progesterona e urea.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *