Gandería Casa Manolón SC, mellores instalacións en busca de maior confort para o gando

Situada en San Pedro, é a explotación láctea máis grande de Tineo, un dos municipios con maior produción de leite de Asturias, e acaban de acometer a construción dunha moderna nave para recría e vacas secas

CASA MANOLON SC (Tineo) Emilio

Con 260 vacas en muxido e obrigada a comprar a maior parte da alimentación para o gando por falta de superficie, Gandería Casa Manolón SC notou de cheo o encarecemento dos custos de produción. Falamos con Emilio González sobre como afrontan o futuro nas actuais circunstancias e sobre a situación do sector en Asturias.

Emilio é un gandeiro vocacional que soubo dimensionar a pequena gandería familiar ata convertela nunha das máis grandes de Tineo. “No ano 1999 cando acabei os estudos de FP da rama agraria decidín quedarme na casa coa miña nai e o meu avó, que eran os que estaban á fronte da gandería. Tiñamos 18 vacas de leite na corte que había debaixo da casa”, conta.

“Entón decidín facer a primeira nave para 60 en muxido e comprei vacas para enchela. No 2006 fixemos xa unha ampliación e subimos a 120 e en 2013 fixemos outra nave máis. Medramos moi rápido e estamos a muxir agora mesmo unhas 260 vacas”, engade.

Ampliar en tempos de crise

CASA MANOLON SC (Tineo) racion alimentacion

A actual situación de falta de rendibilidade das ganderías lácteas frea en moitos casos investimentos e obras de mellora necesarias ante as dificultades evidentes para poder sufragalas con marxes negativas na venda de leite. É unha situación que mantén estancado ao sector, á espera da evolución e as perspectivas para o próximo ano.

Queremos ter bos animais e que sexan duradeiros e para iso deben ter o máximo cow confort

Pero Casa Manolón SC non se deixou asustar pola situación actual. Este mesmo verán acaban de construír unha nave nova para albergar ás vacas secas e a unha parte da recría e que lles permitirá tamén poder asumir os picos de produción habituais, que se producen debido á acumulación dun maior número de partos en determinadas épocas do ano

Os picos de produción obrígaos a muxir máis animais en determinadas épocas do ano

“A intención non é muxir moitas máis vacas das que estamos a muxir hoxe, unhas 260. Non estamos obsesionados con muxir máis animais, senón con sacar máis rendemento aos que temos”, asegura Emilio. Por iso, di, “decidimos pegar un salto de calidade no gando, apostando un pouco máis pola xenética a base de seme sexado, o que nos fixo crecer un pouco máis da conta”, recoñece.

Aposta polo seme sexado e a xenómica

CASA MANOLON SC (Tineo) recria

Casa Manolón empezou a poñer seme sexado en xovencas hai 10 anos, pero a súa utilización era máis esporádica. Con todo, nos últimos 3 anos xeneralizaron o seu uso tanto en xovencas como nas mellores vacas do establo. “Actualmente o sexado deu un salto de calidade en canto a fertilidade, e hoxe en día é unha boa solución para garantir recría suficiente e avanzar máis rápido na mellora xenética do rabaño”, afirma.

A nosa taxa de substitución é do 30%, iso cubrímolo con sexado e ao resto poñémoslle carne para rendibilizar mellor os tenreiros

Ata o de agora Casa Manolón regulaba o seu excedente de recría mediante a venda dalgunhas xovencas a outras ganderías pero “o problema do mercado das xovencas é que custa moito crialas e usas seme caro pero moitas veces esas cousas non son despois valoradas”, lamenta Emilio, polo que prefire optar pola produción cárnica.

Cruces cárnicos de wagyu

A utilización xeneralizada de seme sexado, combinado coa realización de probas xenómicas para detectar aqueles animais con maior potencial, permitiu a esta explotación asturiana revalorizar a venda de tenreiros mediante a inseminación con cruces cárnicos naquelas vacas de menor nivel xenético. “Temos un acordo con Campoastur para poñer wagyu. Deixamos de poñer azul belga e imos empezar a inseminar con esta raza xaponesa. Eles vannos a levar todos os tenreiros, tanto machos como femias”, explican.

Deixamos de poñer azul belga porque os partos complícanse e as vacas baixan á produción de leite

Unha das vantaxes do cambio de raza é a maior facilidade de parto. “Os cruces con azul belga en vacas frisoas teñen varios problemas: o primeiro é que moitas veces os partos son difíciles e complícanse e o segundo é que hai estudos contrastados que din que as vacas inseminadas con belga minguan a produción de leite. En cambio, os tenreiros cruzados de wagyu son moito máis pequenos e non dan eses problemas”, argumenta.

Desconxestionar as instalacións

CASA MANOLON SC (Tineo) bebedero

A produción media do rabaño de Casa Manolón SC oscila ao longo do ano entre os 37 e os 40 litros por vaca. “Depende un pouco dos días abertos, que nos adoitan cadrar máis no verán, onde a maiores hai unha baixada de produción pola calor”, recoñece.

A produción media oscila entre 37 e 40 litros ao longo do ano, cun 3,70% de graxa e un 3,40% de proteína

Na primavera e inverno son as épocas nas que alcanzan mellores niveis de produción, que esperan mellorar tamén co traslado dunha parte do gando á nave nova. “Temos moita concentración de animais actualmente no establo de produción e ao desconxestionalo esperamos que a produción aumente”, indica.

O ano que vén “ou cando se poida, tal como se están poñendo as cousas”, matiza Emilio, pretenden reformar tamén a parte máis antiga da nave de produción, construída en 1999 e ampliada en 2006, para aumentar o tamaño dos cubículos, en busca dunha maior comodidade para as vacas.

Hai que facer os cubículos en función das vacas que tes; é coma se fas un garaxe para un Clío e metes un Q5

Na nave nova puxeron cubículos flexibles e serán un test que lles sirva para decidir se os poñen tamén nesoutra parte que pretenden reformar, avanza. “Ao principio iamos poñer cubículos de ferro, que valían antes do verán a 90€ a unidade, pero de súpeto subiron a 150€ e puxéronse ao mesmo prezo que os de plástico, por iso os puxemos. Así sérvennos tamén a modo de proba e o ano que vén cando reformemos os cubículos da outra nave xa saberemos como funcionan e se vale a pena poñelos ou non”, argumenta.

Ventilación e claridade

CASA MANOLON SC (Tineo) ampliación separadores flexibles ventilacion techo nave

Na construción da nova nave puxeron tamén moita énfase na ventilación. “As vacas senten moito a calor e no verán notamos caída de produción e de fertilidade. Por iso gústanos incidir na ventilación. Arturo, de Cimpro, que foi quen deseñou a nave, aconsellounos facer a nave máis alta que a xa existente, índonos á altura máxima que puidemos, de 6 metros nos laterais, e introducir unha apertura de 1 metro no teito cunha pendente do tellado do 15% para incentivar o efecto cheminea”, destaca.

As vacas senten bastante a calor e no verán notamos caída de produción e de fertilidade

A amplitude dos cubículos é outro dos factores destacados. Teñen 1,30 metros de centro a centro e 3 metros de longo por vaca. “Queriamos meter a máxima comodidade posible para poder ter vacas duradeiras independentemente do tamaño do animal. A min gústanme as vacas grandes, creo que comen máis e producen tamén máis. E para poder telas o que hai que facer é deseñar os cubículos acordes ás vacas que tes. É coma se fas un garaxe para un Renault Clío e queres meter un Audi Q5, podes metelo, pero vas rozalo por todos os lados; pois aquí é o mesmo”, compara.

Recriar na propia explotación

CASA MANOLON SC (Tineo) zona boxes recria2

A nova nave de Casa Manolón está dividida en varias partes. Unha delas será destinada a recría. Por falta de espazo esta gandería asturiana envía desde hai dous anos ás súas tenreiras con 2 ou 3 semanas de vida ao Rancho Las Nieves, en Zaragoza, do que regresan 2 meses antes de parir.

Pero a intención a partir de agora é recriar o 50% dos animais na propia granxa e manter o outro 50% externalizado como ata o de agora. “Queremos empezar a recriar máis nós aquí. A idea é mandar 80 tenreiras ao ano ao Rancho e facer outras tantas nós aquí”, explica Emilio.

Non me gusta apuralas, gústame que as xovencas cheguen ao parto ben desenvolvidas

As tenreiras que non viaxan a Zaragoza son destetadas con 3 meses e inseminadas aos 14 ou 15 meses. “Estivemos inseminando un pouco antes, con 13, pero a min non me gusta apuralas tanto, gústame que cheguen ao parto ben desenvolvidas”, indica.

Zona de preparto en cama quente

CASA MANOLON SC (Tineo) zona preparto vacas secas

Outra parte do novo establo está destinada ás vacas secas, cunha área de cubículos na teñen previsto usar compost procedente da planta de Navia e outra zona de cama quente de palla para o lote de preparto, ao que os animais pasan 15 días antes de parir.

Nas vacas secas usarán compost procedente da planta de biogás de Navia, onde van empezar a enviar o xurro para o seu tratamento

Nos cubículos da zona de produción usan carbonato con serrín, debido a que van empezar a enviar o xurro producido na explotación á planta de biogás de Navia, xestionada na actualidade por Central Lechera Asturiana, e onde non está permitido o uso de area nos cubículos.

“Nós aquí temos pouca superficie e non temos terras suficientes para botar todo o xurro que xeramos. Agora o que facemos é abonar as nosas fincas e o que nos sobra vén buscalo algún veciño que ten gando de carne.

Só 50 hectáreas de superficie

Casa Manolón foi gañando tamaño nos últimos anos, pero o aumento no número de cabezas non foi acompañado dun incremento similar da superficie agraria para produción de forraxes, polo que se ve obrigada a comprar gran parte dos insumos cos que alimentar ás súas vacas.

Cubrimos só o 30% das nosas necesidades con forraxes cultivadas por nós, o resto é comprado, o que nos disparou os custos de alimentación

“Aquí nós temos que compralo case todo. Sementamos unhas 20 hectáreas a millo e o resto, unhas 30, está a pasto permanente. Con iso cubrimos ao redor do 30% das nosas necesidades de alimentación e o resto é todo comprado”, recoñece.

“Eu necesitaría sementar 60 hectáreas de millo para as vacas que teño pero para poder facerme con 60 hectáreas válidas tería que xuntar a superficie aproveitable de tres parroquias porque nin co que hai nesta e a do lado chegaría a esa superficie. Terreo agrícola aproveitable aquí hai moi pouco. As leiras son moi pequenas, moi pendentes e malas de traballar, para cultivos de millo non se adapta”, explica.

Compra de 1.200 toneladas de millo para silo

CASA MANOLON SC (Tineo) silo maiz

Este ano compraron un millón douscentos mil quilos de millo forraxeiro para ensilar, a metade procedente da zona asturiana de Otur e a outra metade de León. Desta forma os custos de alimentación son máis caros. “Aquí cústanos máis producir un litro de leite que noutras zonas e notamos moitísimo a escalada de prezos das materias primas”, admite.

Cunha subida de 20€ en tonelada, tiveron que gastarse 24.000 euros máis na ensilaxe do millo

O traballo agrario adoitan encargalo a empresas de servizo. “Podemos facer algún traballo puntual, pero non é habitual, nós centrámonos no gando. Coa alimentación e o muxido xa se che leva boa parte do día”, indica.

A gandería é atendida por 5 persoas: Emilio, a súa muller Mónica e tres empregados

Muxen nunha sala de 2×9 puntos en forma de espiña de peixe. Fano dúas veces ao día, ás sete da mañá e ás sete da tarde, e cada muxido lévalles tres horas e media, aínda que están a barallar pasarse a tres muxiduras diarias. “É unha decisión difícil, porque é un tema complicado en canto ás quendas de traballo e se se fai hai que facelo moi ben”, di.

CASA MANOLON SC (Tineo) carro mezclador e almacen

Dispoñen de carro mesturador propio, que acaban de renovar, incorporando un autopropulsado, o que lles facilita a elaboración das distintas racións. “Ás de leite agora facémoslles dúas veces ao día e temos tamén un arrimador automático de GEA, son dúas cousas que notamos cun aumento na produción, motivado por un maior consumo e inxesta por parte das vacas”, explica.

A min gústanme as vacas grandes, creo que comen máis e producen máis

Os animais en produción están a comer nestes momentos 22 quilos de silo de millo, 4 quilos de silo de raigrás, 3 quilos de alfalfa ensilada, 3,5 quilos de alfalfa en rama e 14,5 quilos de concentrado, elaborado a base dun núcleo que lles serve ASA e fariña de millo.

 “O prezo actual do leite é insuficiente para os custos que temos”

CASA MANOLON SC (Tineo) arrimador

Casa Manolón SC entrega a súa produción de leite a Central Lechera Asturiana, que anunciou unha revalorización do prezo pagado aos seus gandeiros socios en Asturias, pero aínda así Emilio asegura que o actual incremento desorbitado dos custos de produción segue poñendo en xaque o futuro de moitas granxas.

“O prezo actual do leite é insuficiente para os custos que temos. O leite tería que incrementar aínda máis o seu prezo porque senón é moi difícil aguantar. E aquí non hai outra cousa, o día que desaparezan as vacas hai que coller as maletas e marchar”, sentenza Emilio.

Aquí non hai outra cousa a que dedicarse, ou o leite ten un valor que nos permita seguir producindo leite ou teremos que coller as maletas

Por iso, di, “a min dóeme que o leite non teña un valor que che permita vivir dignamente, porque con iso estás a dar vida a estas zonas, e sen embargo, tanto o leite como a carne son produtos banalizados”, quéixase.

Encarecemento de materias primas e materiais

CASA MANOLON SC (Tineo) silos e tolvas materias primas

“Notamos moitísimo o incremento de prezos das materias primas, unha barbaridade. O custo de alimentación por vaca está hoxe en 7,25€/día, iso só de comida, sen contar todos os demais gastos”, detalla Emilio, que prevé que a situación empeore no principio do ano.

O custo de alimentación por vaca sitúase nestes momentos en 7,25€/día e prevese que siga subindo en xaneiro

Pero a maiores dos custos de alimentación do gando, outros gastos como o combustible ou a factura eléctrica tamén aumentaron. Do mesmo xeito que o custo dos materiais, que encarece notablemente as obras de mellora no establo.

O peor é a incerteza, porque non sabes o que vai pasar en 3 ou 6 meses

“Pechamos a contratación da nave nova en febreiro. Nese momento xa empezaban a subir os materiais, pero despois disparouse todo. Entre a cuberta de panel sándwich e a estrutura metálica da nave hoxe serían uns 60.000 euros máis. Se esta situación me colle hai un ano seguramente non a fixese”, admite.

Traballan habitualmente con empresas galegas

La encamadora, que colocan en la pala telescópica, es de Corbar Maquinaria

A encamadora, que colocan na pala telescópica, é de Corbar Maquinaria, de Sarria

Emilio confiou a montaxe da nave, construída con estrutura metálica, a Comeg, a empresa de Monforte de Lemos, da que destaca a súa profesionalidade. Casa Manolón recurre tamén a empresas galegas para comprar maquinaria, como é o caso da encamadora, comprada a Corbar, de Sarria.

O sector non evolucionou en Asturias como o fixo en Galicia; ter un mellor prezo de leite fixo que non nos esforzásemos en mellorar

A falta de empresas especializadas en Asturias, considera Emilio, débese á falta de desenvolvemento do sector produtor nos últimos anos, contrariamente ao que ocorreu en Galicia, asegura. “Eu vexo que a produción de leite en Asturias non evolucionou como o fixo noutras zonas e o sector quedouse un pouco atrasado. Ter un mellor prezo fixo que os gandeiros non nos esforzásemos en mellorar para ser máis eficientes porque os números daban, pero en Galicia, por exemplo, as ganderías tiveron que aumentar o seu volume de produción e a súa eficiencia produtiva porque as súas marxes eran menores”, razoa.

Hai unha burocracia tremenda que te machuca á hora de tramitar calquera permiso

Outro hándicap á hora de facer obras de ampliación e mellora das instalacións, este seguramente compartido a ambos os dous lados do río Eo, son as autorizacións e a lentitude na tramitación por parte das Administracións públicas. “Cumprir a lei si, iso está ben, pero hai unha burocracia tremenda que te machuca, é desesperante, máis dun ano de permisos. Din que hai que dar vida aos pobos, pois que faciliten as cousas aos que quedamos, polo menos que non che poñan pedras no camiño. Empecei no 2016 a facer o estudo ambiental para esta última ampliación e veume aprobado hai tan só dous meses”, relata.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información