Gandería Casa García, transición á produción de carne en ecolóxico

Cun manexo en extensivo e o gando repartido en distintas ubicacións nos concellos de Láncara, O Corgo, O Páramo e Lugo, Montse García atópase á fronte desta explotación familiar con 80 reprodutoras de raza rubia galega

LANCARA Ganderia Casa Garcia MontseNo lugar de A Eirexe, na parroquia de Toirán, en Láncara, atópase a gandería Casa García, na que sempre houbo vacas de carne. Montserrat García está á fronte desta explotación familiar que herdou do seu pai e foi ampliando até contar hoxe con 80 reprodutoras de raza rubia galega que atende coa axuda do seu home e un empregado.

Montse ten hoxe 43 anos e leva incorporada desde os 18. Nestes 25 anos pasaron de 30 vacas a 80 e a medida que a cabana gandeira ía medrando tamén o facía a superficie, até manexar hoxe unhas 100 hectáreas de terreo en distintas ubicacións dos concellos de Láncara, O Páramo, O Corgo e Lugo.

Contan con 23 hectáreas en Toirán e 15 no Corgo e o resto están repartidas polos concellos limítrofes de Lugo e O Páramo

Como a superficie está dispersa, contan cun pequeno camión para trasladar o gando. “Se non fora polo camión sería inviable cambialas de sitio nalgún caso porque non é posible que vaian camiñando”, explica.

Gandería en extensivo

Para a transición a ecolóxico non están a reducir o número de cabezas, senón aumentando a superficie da que dispoñen, tratando de facer un manexo o máis cómodo e sinxelo posible. “Botar o gando fóra non foi un problema para nós, porque xa o faciamos antes de estar en ecolóxico”, contan.

Botar o gando fóra non foi un problema, porque xa o faciamos antes de estar en ecolóxico

Dispoñen dunhas 100 hectáreas repartidas por distintas parroquias. Na maioría dos casos eran explotacións que foron pechando por xubilación. “Empezamos coa dos meus sogros e logo fomos collendo outras arrendadas a medida que ían cerrando por idade”, explica.

Teñen fincas en catro concellos, en parroquias como Toirán, Moscán, Pedrafita ou Romeán

“Estamos contentos de poder ir aproveitando esas instalacións e esa superficie, que doutro xeito quedarían a monte. Fomos amañando moi ben con todo o mundo, con contratos de arrendamento de 5 anos e incluso de 10”, detalla.

Invernos duros

No inverno as vacas teñen libre acceso ao establo para resgardarse do frío e a chuvia

No inverno as vacas teñen libre acceso ao establo para resgardarse do frío e a chuvia. É tamén onde ceban os xatos

“Buscamos parcelas un pouco grandes, cómodas de traballar, unhas para ter o gando, onde poidan estar fóra, e outras para segar”, engade Montse. Son eles mesmos os que se encargan de facer o traballo agrario, que consiste fundamentalmente na recollida de forraxe para o inverno.

Precisan duns 800 rolos entre silo e herba seca. “Facemos máis silo ca herba seca porque o silo usámolo para darlles no prado e a herba seca é basicamente para cebar os xatos no establo”, explica.

Precisan duns 800 rolos entre silo e herba seca por ano

A parroquia de Toirán atópase a 700 metros de altitude e os invernos son duros, mesmo con días de abundante neve. A gandería conta cun establo rodeado dunhas 8 hectáreas de terreo e no inverno as vacas teñen acceso libre ao interior para se refuxiar da chuvia, a neve e o frío. Tamén nas outras ubicacións as vacas e os xatos teñen instalacións onde se resgardar.  

Renovación das pradeiras

No verán as pradeiras acostuman secar bastante, diminuíndo a cantidade de pasto dispoñible, polo que é preciso suplementar a alimentación. “Aquí son seis meses de pasto e seis de silo e herba seca, por iso necesitamos coller bastante forraxe, porque o ano é moi longo”, asegura.

Aquí son seis meses de pasto exclusivo e seis de alimentación a base de forraxe

A medida que van collendo novas fincas van renovándoas para incrementar a súa capacidade produtiva e a calidade do pasto porque na maioría dos casos eran parcelas que levaban tempo paradas.

Este ano abonaron exclusivamente con purín e esterco debido aos altos prezos dos fertilizantes. “Non usamos ata agora nin fertilizantes nin pensos ecolóxicos porque temos ata final de ano para facer a transición”, indican.

Pretenden facer compost para abonar as pradeiras

Co paso a ecolóxico pretenden incrementar a produción de esterco estrando con palla a corte na que ceban os xatos e á que entran as vacas a darlles de mamar, fresando de maneira frecuente para facer compost e estendéndoo despois cun remolque estendedor polas pradeiras.

Teñen tamén a posibilidade de empregar abono de pita ecolóxico procedente dalgunha granxa próxima, o que lles permitiría botalo directamente nas pradeiras sen ter que almacenalo, algo que vai prohibir a partir de agora a nova lexislación.

Cebo desde os 5 meses

LANCARA Ganderia Casa Garcia vacas rubia galegaCando os tenreiros teñen entre 4 e 5 meses métenos dentro para cebalos, aínda que seguen mamando até os 7 meses. “Temos que traer as vacas dúas veces ao día para darlles de mamar. É un traballo moi escravo”, evidencia Montse.

Nos prados os xatos teñen á súa disposición comedeiros selectivos con penso

Para introducilos no penso desde pequenos, nos prados os xatos teñen comedeiros con penso á súa libre disposición. “Entran con moita facilidade e comezan a comer penso xa a partir do mes e medio ou os dous meses”, explica. Tamén na corte, no momento do cebo, teñen o penso a discreción, ao igual que a herba seca.

Cambios no sistema de manexo tradicional

Sacrifican antes dos 10 meses e os xatos van marcados como Ternera Gallega Suprema. Comercializan directamente ao matadoiro de Novafrigsa, co que sen embargo non teñen fixado ningún prezo de referencia, senón que lles paga segundo o prezo de mercado que fixe a cotización do momento.

Aquí nunca tivemos vacas de leite, sempre foron de carne, desde a época do meu tataravó

Montse explica que o paso a ecolóxico non ten que ver con obter un mellor prezo de venda, senón que está motivado por “un convencemento persoal”. “Eu levaba moito tempo querendo dar o paso, pero por convicción propia, porque quero deixar algo que sexa sostible, porque desde o punto de vista da rendibilidade económica non sei se compensa moito, porque se me van baixar as canais e vou ter que gastar máis en pensos e abonos, por moito que as subvencións sexan un pouco mellores vai ser o comido polo servido”, razoa.

O paso a ecolóxico está motivado por un convencemento persoal, porque desde o punto de vista da rendibilidade económica vai ser o comido polo servido

O sistema de manexo tradicional que seguían até o de agora cos becerros na corte e traendo as nais a darlles de mamar vai ter que cambiar co paso a ecolóxico, xa que non se permite ter estabulados os xatos máis de dous meses.

Por iso, terán que valorar en cada caso e en función da época do ano se retrasan a entrada dos xatos ao cebo ou se adiantan a idade de sacrificio. “As canais non van ser as mesmas en canto a tamaño”, admite Montse. O habitual hoxe é que estean de media entre os 230 e os 260 kilos.

As vacas paren no prado

A día de hoxe non teñen ataques do lobo en ningunha das ubicacións. “Tivemos mastíns, pero foi polo pracer de telos, non por necesidade”, di Montse. Tampouco teñen problemas cos xabaríns. “Na zona do Corgo andan, pero os danos non son excesivos”, aclara.

 “As vacas están fóra e paren no prado, a non ser nos casos nos que vemos que están moi gordas, que as traemos para o establo para telas máis controladas”, explica.

Se vemos que a vaca está moi gorda traémola para o establo e vixiámola e non temos moitos problemas de cesáreas

Isto acontece sobre todo nos partos de primavera, nos que as vacas teñen durante a última fase de xestación moito pasto á súa disposición, o que fai que as crías medren moito.

Sen embargo, di Montse, os problemas de partos diminúen moito se as vacas están fóra e se moven. “Antes tiñámolas dentro para parir e había máis problemas pero desde que as temos sempre fóra foi un cambio radical, paren moito mellor”, asegura.

Distintos lotes

En función do momento do parto, establecen distintos lotes de entre 8 e 10 vacas “para que non pisen tanto no inverno e que os becerros que hai no mesmo lote sexan máis ou menos dun tempo”, explica Montse.

Neste momento teñen 5 grupos, dous deles de maior tamaño. Procuran non cambiar moito os lotes. “Tentamos facelo de maneira que mesturemos o menos posible os animais”, indica. Aínda que dispoñen de máis hectáreas ca reprodutoras, “non nos sobra nada de terreo”, admite. “Seguramente co paso a ecolóxico teñamos incluso que reducir a carga gandeira”, considera.

“Ter touro sería unha axuda, pero mentres o meu pai, que ten 83 anos, ande polo medio das vacas é un risco que non podemos correr”

Casa García foi unha das ganderías visitadas nas xornadas de primavera da Sociedade Galega de Pastos e Forraxes

Casa García foi unha das ganderías visitadas na reunión de primavera da Sociedade Galega de Pastos

Casa García non conta con sementais no seu rabaño por unha cuestión de manexo. “O meu pai ten 83 anos e aínda vai moito a xunto das vacas e temos medo por el, por iso non temos touro”, conta Montse.

De controlar os celos encárgase precisamente o seu pai, que exerce unha labor de vixiancia exhaustiva sobre o gando. “Mentres estea o meu pai, non se escapa nin o primeiro celo, veos todos”, bromea Montse.

Ao ter lotes distantes, necesitariamos tres touros

Recoñece que “o touro para iso é unha axuda, porque non tes que estar tan pendente, pero ao mesmo tempo pode ser un perigo”. Por iso, di, “mentres o meu pai ande coas vacas preferimos non arriscar, son moitos factores que tes que poñer na balanza”, razoa.

Inseminación artificial

Ese é o motivo polo que fan inseminación artificial, aínda que lles requira maior control sobre os celos e un maior traballo por teren que coller o gando para a inseminación. Procuran usar touros equilibrados, cunha conformación cárnica axeitada pero que non penalicen a facilidade de parto e o carácter leiteiro das vacas. 

Recrían practicamente todas as femias para eles, polo que non venden para vida

Teñen vacas cunha boa produción de leite e se unha, por algunha circunstancia, non pode aleitar o seu becerro, sempre ten outra vaca da que mamar. O mesmo ocorre no caso contrario, cando dá leite de máis que non é capaz de consumir o seu becerro cando nace, ese excedente sempre é aproveitado por outro dos xatos do grupo. “Ao estar fóra elas mesmas se van autorregulando, porque se unha vaca dá moito leite sempre hai quen lle rouba, nós non temos que andar muxindo nin facendo cousas desas”, asegura.

As vacas de Casa García son de raza rubia galega e están inscritas no libro xenealóxico, pero Montse é crítica coa xestión que se está a levar á fronte de Acruga. “A raza retrocedeu nos últimos anos, non sei se pode ir máis para atrás do que xa foi”, di.  

Conciliación real

Non é habitual aínda en Galicia que a muller sexa a titular da explotación familiar, pero para Montse non supón problema algún. “Tan só me atopei con dificultades nalgunha ocasión cando tiñamos empregados de orixe musulmana, aos que non lles entraba na cabeza que os mandara unha muller, para eles era un choque cultural moi grande”, asegura.

Montse conta hoxe coa axuda do seu marido, Pedro, e dun veciño amigo deles, Alberto, que leva seis anos empregado na gandería familiar

Montse está moi satisfeita de ter criado ao seu fillo no rural grazas a unha actividade, a gandería, que lle permite realmente conciliar. “Aquí podes organizar os teus horarios, noutro tipo de traballos non. Mentres foi pequeno, eu dispuxen de moito tempo para el”, asegura.

Eu non me tería podido adicar a criar ao meu fillo como me dediquei se non tivese vivido na casa cos meus pais

Tamén valora o vínculo que se crea nas casas nas que comparten teito distintas xeracións, como é a súa. “É certo que o casado casa quere, e que o de vivir cos pais ou cos sogros non acostuma funcionar, pero é certo que se perden moitas cousas polo camiño e os nenos non disfrutan o mesmo dos avós, ademáis de permitir un modo de crianza máis comunitario. Nós chegamos a convivir catro xeracións, de 103, 83, 43 e 9 anos, pero non é o habitual xa hoxe no rural. É unha excepción pero ten un toque moi interesante”, defende.

A parroquia de Toirán ten 62 casas habitadas e só hai 3 nenos

Os pais de Montse estiveron emigrados 12 anos en Madrid, pero ela xa naceu en Toirán. Martín, o seu fillo, ten agora 9 anos e é un dos poucos nenos que hai hoxe na parroquia, pero Montse non teme que queira marchar para a cidade. “Penso que hai cousas que se maman e eu procuro facer que valore o rural. Nunca obrigando, pero si ensinando”, matiza.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información