Gandería Casa de Polo SC, as vantaxes de compatibilizar robot e sala de muxido

Manter os dous sistemas supón maior custo pero permite eliminar case por completo os retrasos no lote automatizado sen ter que facer descartes no gando. Falamos cos socios desta explotación de Barreiros para que nos conten como traballan

Tino, María José e Toño, na parte do establo na que instalaron o robot de muxido

Tino, María José e Toño, na parte do establo na que instalaron o robot de muxido

Nos últimos anos o número de explotacións que optaron por incorporar robots de muxido multiplicáronse por toda Galicia, buscando en moitos casos unha flexibilidade que a sala non permite e supoñendo deste xeito unha mellora na calidade de vida das granxas.

Na Gandería Casa de Polo SC de Barreiros foi algo que notaron. “Agora acabamos antes pola noite, entre as 8 e media e as 9 temos todo listo. Adiantamos unha hora con respecto a antes. E pola mañá tamén acabamos antes e iso permíteche facer outras cousas. Antes a persoa que estaba muxindo até as 11 da mañá non daba saído da sala”, lembra María José Díaz, que xunto ao seu irmán Faustino e ao seu home Antonio Dorrego conforman esta explotación familiar de Vilamar.

“Levabamos dous ou tres anos pensando en colocar o robot, porque a sala que temos é a primeira que se puxo, de só 10 puntos, e con 100 animais en produción o tempo de muxir alongábase e eran máis de dúas horas e media a cada muxidura. Así que tiñamos que decidir, ou ampliar a sala ou pasarnos ao robot. Economicamente era máis barata a ampliación e mellora da sala, pero pensamos que podía ser un maior alivio na carga de traballo o robot, por tempo libre e por liberdade horaria”, engade Tino. 

Vimos que o robot podía supoñernos unha mellora no aspecto persoal para ter máis dispoñibilidade e acurtar os tempos de traballo

Unha das características diferenciais desta gandería é que, malia ter instalado o robot desde fai meses, seguen mantendo tamén a sala en funcionamento, dado que o número de cabezas actual non lles permite poder prescindir dela polo momento. 

“Movémonos entre 95 e 100 vacas en produción e témolas en dous lotes, 63 están no robot e outras 30 ou 35 muxímolas na sala. Se a explotación segue tendo rendibilidade non descartamos instalar outro robot na outra parte da nave, pero implicaría facer obras para ampliar a capacidade actual, porque nesa parte temos só 40 cubículos e só con eses animais sería pouco gando para sacarlle partido ao segundo robot. Pero poñer os dous robots de golpe abultaba moito o investimento necesario e por iso decidimos poñer un inicialmente”, explica Tino.  

O tempo de muxir reduciuse de dúas horas e media a unha hora

Seguen muxindo un terzo das vacas na sala de 10 puntos montada fai 20 anos

Seguen muxindo un terzo das vacas na sala de 10 puntos montada fai 20 anos

Polo momento o que fan é manter o dobre sistema de muxido e distribuir as tarefas. “Seguimos mantendo os horarios de muxido en torno ás 7 da mañá e ás 7 da tarde. Antes iniciábamos antes pola tarde porque nos levaba máis tempo, pero agora o que facemos é que mentres unha persoa inicia o proceso de muxido na sala outra atende o robot, fai o mantemento das camas e dá o leite aos becerros. Agora o tempo de muxir é unha hora e iso permítenos flexibilizar un pouco os horarios, aínda que procuramos que non sexa máis de media hora a diferenza dun día con outro”, conta María José. 

Se a explotación segue tendo rendibilidade non descartamos instalar un segundo robot na outra parte da nave, pero colocar os dous robots de golpe implicaba ter que facer obras de ampliación e abultaba moito o investimento

Ao ter os dous equipos funcionando os custos tamén se incrementan, recoñece Tino, porque, por exemplo, “os produtos de lavar a sala son os mesmos con 33 vacas que con 100”, di. Pero tamén ten outras vantaxes, como a de poder escoller os animais que se envían ao lote de muxido automatizado. 

Non acostumamos facer moitos cambios, a vaca que pasa ao robot procuramos mantela nese lote e non movela despois á sala 

“Non acostumamos facer moitos cambios, a vaca que pasa ao robot procuramos mantela nese lote e non movela despois á sala, pero nun primeiro momento si que escollimos todos aqueles animais máis novos e separamos os descartes de desvelle e as vacas que estaban acostumadas á oxitocina ou que tiñan algún outro inconvinte para estar no robot”, contan. 

Boa adaptación 

Contan cun cento de vacas en produción divididas en dous lotes: o do robot e o da sala

Contan cun cento de vacas en produción divididas en dous lotes: o do robot e o da sala

Deste xeito, “a adaptación foi moi aceptable”, afirma Tino, “ben é certo que os instaladores nos incidiron moito en que había que ser prudentes e agardar un tempo a que os animais entrasen ben ao robot a comer o penso sen muxírense para poñelo a funcionar”, matiza.

“Estivemos tres semanas coas portas do robot abertas para que as vacas pasasen e ao entraren dispensábaselles unha pequena cantidade de penso. Empezamos con 57 animais e cando vimos que o paso diario polo robot xa era continuo puxémolo a funcionar, pero até entón non as muxiamos no robot, seguíamolo facendo na sala. Cando tes o robot instalado o que queres é velo funcionando canto antes, pero ás veces non é convinte apurarse”, recomenda Tino en base á súa experiencia. 

Estivemos tres semanas coas portas do robot abertas para que as vacas entraran a comer o penso pero seguiámolas muxindo na sala. Cando tes o robot instalado o que queres é velo funcionando canto antes, pero ás veces non é convinte apurarse

Na maioría dos casos a adaptación ao sistema de muxido automatizado é un periodo longo e moitas veces traumático para moitas ganderías, algo que non foi así na Casa de Polo. “Durante esas tres semanas mirabamos no ordenador que houbera entradas ao robot a todas as horas, non só cando nós estabamos aquí. Cando as entradas xa estaban repartidas durante o día e a noite puxémolo a funcionar e as vacas aceptaron perfectamente o sistema de muxido no robot. Non pasamos noites aquí sen durmir, o único que fixemos despois durante dúas semanas foi adiantar pola mañá unha hora a chegada ao establo e volver despois de cear revisar antes de ir para a cama”, relatan. 

Un modelo con circulación guiada

Na primavera instalaron un robot de muxido da marca Delaval con porta selectora

Na primavera instalaron un robot de muxido da marca DeLaval con porta selectora

Tino, Toño e María José consideran que o éxito desta gandería no cambio de sistema é un mérito compartido, pola súa paciencia e espera á hora da adaptación dos animais e pola mellora e evolución que sufriron os robots de muxido nos últimos anos. “O que podemos dicir é que os últimos modelos de robot xa lograron grandes avances en colocación. Hoxe os robots son capaces de muxir a todos os animais, agás que teñan grandes defectos na conformación da ubre, pero é moi raro que non logre colocar, porque inténtao e inténtao ata que o consegue”, describe Tino. 

No seu caso, eles optaron por un modelo da marca DeLaval con porta selectora que baixo o seu punto de vista “fai que o traballo do robot sexa máis efectivo, porque non ten que perder tempo en rexeitar a ningún animal que entra, porque as vacas van xa preseleccionadas, polo que pode asumir máis carga de animais que con tráfico libre. Eu penso que quizais para as vacas sexa máis cómodo o tráfico libre, pero a circulación guiada é unha vantaxe para o gandeiro porque reduce os retrasos. Non sei se isto puido influir tamén en que o tempo de adaptación ao principio fose menor no noso caso, porque a porta manda ás vacas que teñen permiso para muxirse á sala de espera e iso fai que obrigatoriamente teñan que pasar a muxirse e iso pode axudar a evitar os retrasos”, argumenta. 

A porta selectora fai que o traballo do robot sexa máis efectivo. Nós mantemos sempre entre 60 e 63 vacas no robot e traballa cun 20% de tempo libre

En Casa de Polo manteñen unha media de entre 60 e 63 vacas no lote de muxido automatizado e o robot traballa cun 20% de tempo libre, polo que ten marxe de sobra para recuperar os retrasos puntuais que se producen. “Os permisos de muxido fíxaos o gandeiro ao seu criterio e nós témolos postos en función de tres parámetros: produción, días en leite e horas transcorridas desde a última muxidura, facendo unha distinción entre as primeirizas e o resto dos animais”, detalla Tino. 

Efecto limitado sobre a produción

As camas son dunha mestura de carbonato cálcico, serrín e cascarilla

As camas son dunha mestura de carbonato cálcico, serrín e cascarilla

Nesta gandería de Barreiros o efecto da instalación do robot sobre a produción non foi especialmente salientable, en parte tamén porque seguen muxindo na sala a aproximadamente un terzo dos animais en lactación, pero tamén porque xa partían de medias de produción altas. “Na sala e con dúas muxiduras estabamos en 38-39 litros e na actualidade co robot facendo medias de 2,7 muxiduras estamos en 41 litros. Non notamos un incremento moi elevado. A nivel de tanque a media subiu un litro e pico contabilizando o total das vacas”, explican.

A nivel de tanque a media subiu un litro e pico contabilizando o total das vacas. Na sala e con dúas muxiduras xa estabamos en 38-39 litros

Un dos aspectos polos que destaca Casa de Polo é polo meticuloso manexo do gando. Procuran secar as vacas aos 7 meses de preñadas para garantirlles o tempo preciso de descanso e recuperación antes do parto e a taxa de reposición está situada no 22%. “Sempre que a vaca non chegue cunha produción moi excesiva procuramos respectarlles 60 días de periodo seco e nas que chegan ao secado con moito leite baixámoslles a 45 días. Pasamos das 2,5 lactacións de duración no establo, no último Control Leiteiro estabamos en 2,6 partos de media”, detalla Tino. 

As camas son dunha mestura de carbonato (65%), serrín (25%) e cascarrila (10%) e o nivel de células somáticas oscila ao longo do ano entre as 160 e as 180.000. En canto a calidades, en inverno sitúanse por riba do 3,90% de graxa e 3,35% de proteína, cunha media de todo o ano 2019 de 4,23% e 3,18% respectivamente, segundo a última memoria de Africor, para un total de 12.632 quilos por vaca de promedio de produción. 

Adaptando a xenética

Contan cunha cualificación morfolóxica media do rabaño de 81 puntos

Contan cunha cualificación morfolóxica media do rabaño de 81 puntos

Casa de Polo leva décadas traballando a xenética, unha labor xa iniciada polo pai de Tino e María José e logo continuada, manténdose hoxe como unha das ganderías da provincia de Lugo cunha cualificación morfolóxica media por riba dos 81 puntos e cunha cabana na que destaca a uniformidade dos animais.

Entendo que a morfoloxía é algo importante pero aspectos que antes se lle chamaban secundarios, como os sólidos ou as células, hoxe permítenche valorizar o leite

Sen embargo, nos últimos anos están a modificar os criterios de selección. “Entendo que a morfoloxía é un aspecto importante pero están a cobrar máis importancia outros aspectos aos que antes se lles chamaba secundarios e que a día de hoxe non o son tanto, como son os sólidos, as células ou as proteínas do leite. Por iso agora, sen esquecer a boa conformación e morfoloxía dos animais, estoulles dando máis importancia a eses outros factores que che permiten valorizar máis o leite. E agora coa instalación do robot miro tamén pezóns e velocidade de muxido, que cando muxiamos en sala non tiña tanto en conta”, explica Tino. 

Ás primeirizas póñenlles seme sexado cando teñen 13 meses e a gran maioría paren sen ter cumpridos os dous anos

A maior parte das xovencas insemínanas con seme sexado e en épocas do ano con boa fertilidade tamén o usan nas vacas de primeiro parto. “A partir do segundo parto xa case todo é angus e azul belga, no momento de inseminar descartamos moitos animais para poñerlles cruce”, engade. 

Ao igual que as inseminacións, a recría tamén a fan eles mesmos na explotación. “Entre as 10 e as 11 semanas destetamos e a primeira inseminación facémola entre os 13 e os 13 meses e medio, polo que unha porcentaxe elevada das primeirizas paren sen ter cumpridos os dous anos, agora a maioría”, contan. 

Carro de Clun para a ración de leite

Os silos da explotación e unha das pradeiras de raigrás

Os silos da explotación e unha das pradeiras de raigrás. Manexan en total 50 hectáreas de terreo. 

Esta explotación da Mariña é socia da Cooperativa Os Irmandiños, unha das que integrou Clun, que lles presta o servizo de carro mesturador para facer a ración diaria de alimentación dos animais en produción. “O carro de Clun ten un percorrido por esta zona e vén chegando á nosa explotación sobre as 11 da mañá. Facemos dúas racións diferentes para as vacas de leite en función de se se moxen no robot ou na sala. Os compoñentes son os mesmos pero varían as porcentaxes e a cantidade de concentrado. Ás que se moxen en sala dámoslles 23 quilos de silo de herba, 24 de sillo de millo e 11,5 de penso e ás do robot 19 de silo de herba, 22 de silo de millo e 7,5 de penso, máis os 6 quilos de punteo medio do robot”, detallan. 

Para o gando que non está en produción non empregan carro mesturador. “Ás secas e ás xovencas dámoslles nós. Neste momento non temos instalacións para ter todos os animais agrupados, polo que saen ás fincas con pasto e nas épocas nas que escasea suplementamos con concentrado e rolos de herba seca”, explican. 

O traballo diario da explotación fano entre os tres socios e contan co reforzo dun empregado para organizar as libranzas

Casa de Polo SC manexa 50 hectáreas de superficie total, das que 6 son de pasto permanente para secas e xovencas. Noutras 20 hectáreas botan millo e o resto son pradeiras de raigrás para ensilar. A maior parte dos traballos agrícolas fanos eles mesmos, agás o colleitado de millo e herba para ensilar e a sementeira, que subcontratan. “A maior parte do laboreo de fincas facémolo nós, pero dependendo de como veñan as campañas e o tempo botamos man de empresas externas para adiantar os traballos”, indica Toño. 

O traballo diario da explotación fano entre os tres socios e teñen organizados os turnos de libranza para que poidan coincidir Maria José e Toño. “Descansamos cada segundo domingo e cada segundo festivo. Cando eu libro quedan eles dous e cando libran eles temos un reforzo dun empregado que me vén axudar para deste xeito quedar sempre dúas persoas na gandería”, explica Tino. 

Casa de Polo SC (Barreiros) Tino, Toño e María José“Sufrimos unha baixada dun céntimo e medio este ano no prezo do leite que se non fose pola covid-19 seguramente non se tería producido”

Casa de Polo SC entrega a Lactalis desde fai 8 anos e conta con certificación de benestar animal. “Lactalis está deixando de recoller ás ganderías que non estean certificadas. Fai anos isto parecía que era só para explotacións de élite pero hoxe cada vez somos máis os que temos este tipo de certificados. Eu vexo positivas as certificacións, porque é un xeito de oficializar e recoñecer o que xa se estaba a facer ben nas ganderías e é un estímulo para manterse no lugar óptimo. Hoxe importa a calidade do produto, pero vai ter tanta importancia ou máis tamén a imaxe das ganderías e o entorno. Estamos nas mans do consumidor e temos que dar a imaxe que os consumidores nos piden”, argumenta Tino.  

Estamos nas mans do consumidor e temos que dar a imaxe que os consumidores nos piden

El destaca a profesionalidade coa que traballan os produtores de leite en Galicia e agarda que as industrias valoren ese esforzo a través do prezo do leite. “Teño esperanza que as empresas que se están asentando en Galicia, como Inleit ou Entrepinares, axuden a subir a media do Observatorio Lácteo e que os niveis de prezos máis baixos que sempre temos os gandeiros galegos se vaian recuperando”, di, malia as baixadas producidas este ano nos contratos. 

“Nós sufrimos un descenso dun céntimo e medio que se non fora pola covid-19 seguramente non se tería producido. Non sei se se aproveitou esta situación da pandemia para baixarnos o leite. Por sermos un sector esencial os gandeiros non notamos o confinamento no noso traballo pero si nas canles de venda, porque ademais da baixada no prezo do leite notámolo moito nos becerros e nas vacas de desvelle”, lembra. 

Teño esperanza que as empresas que se están asentando en Galicia, como Inleit ou Entrepinares, axuden a subir a media do Observatorio Lácteo que cobramos sempre máis baixa aquí os gandeiros

De cara ao 2021 Tino agarda “unha situación aparentemente tranquila no prezo do leite” pero alerta de “noticias preocupantes pola escalada de prezos esaxerada nos cereais e as materias primas” e teme “os efectos que isto poida ter nos vindeiros meses nos custos de produción das explotacións”. 

20 anos de decisións meditadas

Unha vaca na parideira de Casa de Polo SC

Unha vaca na parideira de Casa de Polo SC

Moitas veces no tamaño non está a rendibilidade. Unha explotación de tamaño medio, ben levada, que minimice as cargas financieiras e as necesidades de man de obra contratada, pode deixar a fin de mes tantos cartos coma unha moi grande, sobredimensionada para a capacidade das instalacións ou da alimentación dispoñible e que dependa da compra de forraxes. 

Na Casa de Polo o medre foi sempre paulatino e as decisións meditadas. Os pais de Tino e María José tiñan vacas de leite na Pedreira e Toño tamén as tiña na súa casa en San Xusto. Foi así como, cando Toño e María José se casaron, xurdiu a necesidade de facer un novo establo no que poder xuntar as dúas ganderías. 

A explotación actual naceu de xuntar dúas ganderías, a dos pais de Tino e María José, na Pedreira, e a que Toño tiña en San Xusto

Ao proxecto sumouse tamén Tino, que daquela traballaba de empregado para a cooperativa Os Irmandiños pero ao que sempre lle tirara o interese polo gando. Daquela unión naceu a SC actual e aquelas instalacións seguen sendo hoxe a base da explotación, aínda que con melloras e adaptacións acometidas nestes 20 anos, como unha ampliación acometida fai unha década para acoller as vacas secas pero que pouco a pouco se foi ocupando con vacas en lactación. 

Cando esta primavera colocaron o robot nesta parte do establo tiveron que facer unha serie de cambios e de obras para adecuar as instalacións ás necesidades do novo sistema, como ampliar o número de cubículos dispoñibles situando unha parte deles enriba do pozo do purín. Na outra ala da nave quedou a sala de muxido, que seguen usando a diario mentres non deciden pór o segundo robot. Requeriría tamén de obras de ampliación pero vista a experiencia positiva co primeiro dos robots instalados Tino, María José e Toño traballan xa con esa perspectiva de futuro.  

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información