
Eva e Juan Carlos, na súa explotación en Cabrui (Mesía)
Gandería As Cargas SC, ubicada en Cabrui (Mesía) é unha das 80 ganderías que entregan o leite a Pascual en Galicia. Levan facéndoo 20 anos. En setembro instalaron 2 robots de muxido buscando maior flexibilidade no traballo e un maior control dos animais en produción.
Á fronte desta explotación familiar atópase o matrimonio formado por Eva García e Juan Carlos Dono. “A granxa era dos pais do meu home. El incorporouse no ano 1994 estando aínda os seus pais. Logo casámonos e seguimos os dous coa explotación”, conta Eva.
Na actualidade dispoñen dunha cabana gandeira total de 250 animais, dos que 110 son vacas en muxidura. Non teñen previsto polo de agora seguir aumentando o número de cabezas, á espera de saber se a gandería pode ter relevo nun futuro. “Temos dúas fillas, unha xa está traballando e a outra está estudando, pero non sabemos aínda o que pode pasar; a vida dá moitas voltas”, evidencian.
Maior flexibilidade horaria
A granxa aténdena os dous socios e unha empregada e a incorporación dos robots de muxido fai 4 meses supúxolles unha mellora na flexibilización laboral. “Tiñamos unha empregada xa desde o ano 2018 e seguímola tendo 6 horas ao día. É unha veciña dunha parroquia próxima”, relata Eva.
O robot flexibiliza o traballo, pero non podes abandonalo
“Co robot cambias unhas rutinas por outras. Se non tes que muxir tes que estar pendente doutras cousas. O robot flexibiliza o traballo, pero non podes abandonalo, sobra que facer”, asegura.
A recría, mellor atendida
A recría foi unha das beneficiadas da maior dispoñibilidade de tempo, con máis atención. “Facemos nós a recría toda na granxa. Nesas dúas horas que botabamos antes na sala agora aproveitamos para facer outras cousas, porque ao mesmo tempo que estás muxindo podes estar facendo tamén outras tarefas”, argumenta.
Usan o establo vello para parte das xovencas
Parte do proceso de recría das xovencas complétase na nave vella e dada a limitación que impoñen os robots, axustan a cantidade de animais de reposición ás necesidades reais da granxa.
“Nós non vendemos recría, consumímola toda nós. Insemina o meu home e pon moito seme sexado; iso permítenos poñer carne a certas vacas”, explica Eva.
Adaptación aos robots
As Cargas SC traballa con dous lotes no robot, un de xovencas e outro de multíparas. “Xa tiñamos dous lotes na sala. Nese aspecto non foi cambio ningún”, indican.
O propio robot actúa como área de separación, mediante a porta selectora de saída, o que é moi práctico en caso de tratamentos ou inseminacións.
Un mes antes empezamos a pasar as vacas para que se adaptaran a entrar ao robot a comer o penso; así foinos moito máis doado despois
Para facilitar a adaptación ao novo sistema de muxido, un mes antes de empezar a muxir no robot empezaron xa a pasar as vacas para que comeran o penso. “Así, no momento de facer o cambio os animais xa estaban acostumados a entrar e foinos moi fácil a transición”, relata Eva.
Producir as propias forraxes
Mesía é unha importante zona agrogandeira dentro de Galicia e na parroquia de Cabrui quedan aínda media ducia de explotacións, polo que a dispoñibilidade de superficie é un condicionante para o crecemento das granxas existentes. “Nós non temos previsto medrar; a nosa idea é aguantarnos nos niveis actuais; non temos previsións de aumentar”, avanza Eva.
En Gandería As Cargas defenden que o crecemento dunha explotación sempre ten que ir acompasado co terreo dispoñible, de maneira que poida producir as súas propias forraxes para alimentación do gando. “Esta é unha boa zona de millo, pero dependemos do clima”, matizan.
Esta é unha boa zona de millo, pero dependemos do clima
Traballan na actualidade 70 hectáreas de terreo. A millo botan 35 hectáreas e o resto está a prado. Nas fincas de millo fan tamén rotación con cultivo de inverno. “Normalmente sempre se lles bota algo; é raro que queden baleiras dun ano para outro sen lles tocar”, explican.
Contratan case todo o traballo agrario para poderen centrarse deste xeito na atención dos animais e botan man das distintas alternativas que hai na zona para cubrir as distintas labores. “Traballamos coa cooperativa Aira, que nos sementa o millo e grada a terra, cun veciño que nos bota purín e cunha empresa de servizos para picar o millo e ensilar”, detalla Eva.
En canto ao carro mesturador, teñen o servizo contratado cunha CUMA que hai na parroquia de Cabrui. A ración das vacas de leite leva 23 kg de silo de millo, 21 de silo de herba, medio quilo de palla e 11 quilos de penso (5 no robot e 4 no carro).
Lonxevidade do gando e calidades do leite
As Cargas SC está a lograr 38 litros de produción media por vaca e día, cun 4,50% de graxa e un 3,50% de proteína. “Para ter máis calidades temos algunhas vaxas jersei polo medio; adáptansenos ben aos cubículos e aos robots”, relata Eva.
Co paso ao muxido robotizado conseguiron un incremento de produción de 4 litros por vaca e día, un proceso que aínda están a completar. “Empezamos en setembro, aínda non pasaron todas as vacas polo robot”, explican.
Non somos de cambiar de empresa; entregamos o leite a Pascual desde fai 20 anos
As camas do gando son de carbonato con serrín, buscando comodidade e hixiene. “Somos de aguantar bastante os animais, a non ser que teñan algún problema non nos desfacemos deles porque si”, relatan.
“Poñer o robot foi un cambio moi grande para nós, pero as vacas tampouco están peor”
A Gandería As Cargas SC instalou recentemente dous robots de muxido Boumatic Gemini Up. Entre as vantaxes deste modelo está que é o único no mercado con entrada do brazo por atrás, o que permite que a vaca estea moito máis tranquila.
“Gustounos a colocación pola parte traseira que fai este robot, accedendo con dúas copas, o que o converte en moi rápido, e tamén polo servizo técnico que ofrecen”.
A sala de muxido estábase quedando antiga e buscabamos un cambio no xeito de traballar
A sala de muxido da explotación tiña xa 20 aos e contaba só con 10 puntos. “A sala xa se nos empezaba a quedar pequena e a pedirnos cousas, polo que optamos por instalar os robots para traballar un pouco máis cómodos. Foi un cambio moi grande para nós e para as vacas, que tampouco están peor”, asegura Eva.
Galego









Control OJD