Gandería caprina Val de Conso: A experiencia de empezar dende cero na montaña de Ourense

Antonio Tucci e Paula Jarque chegaron a Galicia na busca dun entorno no que poder levar a cabo a súa propia ganadería caprina. Formaron así Val de Conso, en Vilariño de Conso, onde teñen 150 cabras nunhas 180 hectáreas. A agricultura rexenerativa e o ecoloxismo son as bases do seu manexo, ademais de lidiar coa fauna salvaxe e outros problemas

Antonio e Paula nun dos montes que pastorean coas cabras

Antonio e Paula nun dos montes que pastorean coas cabras. Foto: Cedida

Antonio Tucci e Paula Jarque chegaron a Galicia na busca dun entorno no que poder levar a cabo a súa propia ganadería caprina, un exemplo de “novos entrantes”, ou agricultores e gandeiros que se incorporan dende outros sectores. No seu caso, crearon a Gandería Val de Conso, no concello ourensán de Vilariño de Conso, onde teñen 150 cabras nunhas 180 hectáreas. A agricultura rexenerativa e o ecoloxismo son as bases do seu manexo, ademais de lidiar coa fauna salvaxe e outros problemas

Antonio Tucci e Paula Jarque son de Nápoles e Madrid, respectivamente, e chegaron a este municipio da montaña de Ourense coa idea de levar a cabo a súa explotación caprina. Nestes momentos a súa granxa conta cunhas 120 cabras e unhas 30 chivas que manexan nun total de 180 hectáreas entre as que se atopa un monte comunal, e varias fincas privadas.

Trátase dun proxecto gandeiro en vías da certificación ecolóxica, que aplica os principios da agricultura rexenerativa. Pastorean as cabras, lévanas aos rediles, e durmen na nave todos os días, ademáis de agrupar os partos na primave ra que é cando máis alimento teñen dispoñible.

Arrancaron con cabras de carne, pero sempre tiveron o gando caprino de leite en mente, e ante a busca dunha maior rendibilidade fixeron o cambio. Falamos con eles para ver cal é o proceso que seguiron ata chegar a madurar o seu proxecto, en paralelo á crianza da súa filla.

-Que levou a unha madrileña e a un italiano a vir vir a unha a unha aldea de Vilariño de Conso, na montaña de Ourense, para dedicarse á gandería? Que balance facedes despois de tres anos?
(Antonio) Despois de dar varias voltas por Galicia, moito a partir do traballo de formación que fago, gustáronnos varias zonas e andivemos investigando nas que había máis posibilidades. O que vimos é que aquí parecía que había un nicho en canto a explotar o monte posto que o pouco que quedaba aquí eran vacas de carne e ovellas. Deste xeito, había moito monte dispoñible, ninguén o aproveitaba, entón pensamos que podíamos ser nós quen lle dera unha oportunidade coas cabras.

O balance destes tres anos, xa camiño de catro, é positivo. Aínda que foi difícil entrar polo feito de ser novo e vir de fóra, o recibimento foi bó, especialmente polo feito de ter unha nena xa que aquí hai un problema grande para manter a escola aberta pola falta de nenos e nenas. 

Aquí a maior parte das fincas son privadas, a xente non te coñece e non sabe como vas ser, e entón hai certa reticencia ao principio. Despois destes anos pasa o contrario, case nos ofrecen máis fincas das que podemos levar. A verdade é que estamos bastante contentos a pesar das dificultades que ten emprender nun proxecto novo, a dispoñibilidade económica, o tempo que implica, etc.

(Paula) Tamén foi un pouco de ‘non pensalo moito’, un pouco de loucura, e de ganas de atopar un sitio para facer o que queres facer sen ter que facer un investimento económico forte. Outro motivo importante foi a crianza da nena nun entorno amable. De feito aquí, co tema dos nenos temos axudas, así como un punto de atención á infancia que desde o comezo puido ir gratis; entón nese sentido moi ben.

-Cando se empeza desde cero unha das maiores dificultades é o acceso á terra. Como foi a experiencia no voso caso?
(Antonio) Efectivamente foi, como dicía antes, difícil ao principio e creo que foi mellorando a medida que vas demostrarándolle á xente que estás aquí para traballar e para facer un ben, sobre todo para atender fincas que están abandonadas. Hai moita xente que esta realidade lle doe, ver esas fincas a monte ou a touza, con rebolos e demáis. Neste sentido, a superficie que collemos ao principio, a pesar dalgún contratempo, pouco a pouco foi mellorando. 

Tivemos un gran recibimento da xente da aldea. Convertémonos en comuneiros e iso levounos a acceder a máis monte

A partir diso, ofrecéronnos unha finca moi pequeniña que está aí cerca, que ten 1000 m, e para aí levamos as cabras. Logo fomos levando os animais a outros sitios máis perdidos, que nos delimitaban  por onde ir e non, e co tempo fóronnos ofrecendo máis fincas e mesmo a nave na que estamos (antes os animais estaban nun cortello máis pequeniño). Hai que destacar que todo a extensión que temos é cedida.

(Paula) Logo dicir que tivemos un gran recibimento da xente da aldea. Convertémonos en comuneiros e iso levounos a acceder a máis monte.

Claro, iso foi moi importante. O que nos dixeron foi ‘se tedes cabras, o monte deixámosvolo a vós’, e axudounos moito porque tiñamos moitas parcelas pero que quedaban pequenas. O incoveniente no minifundio é que temos fincas onde non collen as cabras, e aparte, dicir que todo o inverno as cabras pastorean polo monte comunal; pasamos todo o día con elas e á noite volven á nave, pero esa superficie resúltanos de moita utilidade.

-As redes sociais no rural son claves, sobre todo cando ves de fóra. Como está sendo o proceso no voso caso? Que lle recomendarías neste sentido á xente que é nova entrante no rural?
(Paula) Eu a verdade é que creo que non me levaba moi en coas redes, aínda non sei utilizalas ben, pero é certo que cos tempos que corren non podes dicir ‘non o fago’. Ao final aínda que sexa por darte a coñecer porque a xente vexa o traballo que fas, e tamén cara a venda directa axúdanos moito.

Eu si que recomendo á xente que está no rural que faga o seu punto de difusión porque si que interesan as historias da xente nova que vai ao campo, tanto se provés dun mundo xa rural ou non. 

(Antonio) E tamén pola conexión porque anunciarte polas redes chegas a máis xente, mesmo con proxectos parecidos. Ao final aquí na aldea somos 10 veciños e no concello uns 400.

(Paula) E a nivel divulgativo ten a súa utilidade. No noso caso aparte de ser un proxecto de coidado da natureza e de facer as cousas doutra maneira, tamén fas un traballo de achegar as cidades ao campo, creando unha ventá que amose o día a día diario no proxecto.

Cabras pacendo no monte comunal. Foto: Cedida

Cabras pacendo no monte comunal. Foto: Cedida

-A formación é outro dos puntos claves. Cóntanos como foi o voso proceso formativo e que necesidades detectades.
(Antonio) No meu caso o proceso foi un pouco á inversa, por así dicilo. Eu dedícome á formación e ao asesoramento de explotacións (antes máis que agora), e formeime en agricultura e ganadería ecolóxica despois de estudar bioloxía; e despois fixen formacións complementarias, pola miña conta, en agricultura rexenerativa. 

É por iso que o meu caso é un pouco ao revés: aplicar o que sabía e aprendín no proxecto porque eu non veño dunha familiar conectada co rural, de feito en Italia a miña familia era de industria. Sen embargo, si que miro que o meu caso non é o máis habitual e si que hai unha gran necesidade de formación. Pola miña parte, si que penso que máis que unha formación fai falta un seguimento e un asesoramento por parte da administración ou recuperar ese papel que tiñan as oficinas de extensión agraria e que desapareceu por completo. Agora o que hai de cara a administración está enfocado a todo o tema de papeleo, que vai moi ben, pero en termos de asistencia para a innovación, etc., prácticamente desapareceu, non só en España.

(Paula) Eu penso que en calquera traballo ou profesión ten que ter a iniciativa manter un interese formativo porque sempre hai novidades ou avances científicos que poden aplicarse e quizais no campo non estaba tan insertado isto. Por iso, desde o meu punto de vista é importante que a xente do rural aposte pola formación, e por unha formación que estea actualizada aos tempos que veñen. Por exemplo, no meu caso, fixera formación de comportamento animal tanto de cara os cans como as cabras, e si que a aplicamos bastante ao proxecto.

Captura de pantalla 2024-06-19 a las 11.26.15

-Que apoios recibises por parte das administracións? Foi excesivamente complicado acceder a axudas? Que habería que mellorar?
(Antonio) Nós tivemos bastante axuda. Neste sentido, estamos pendentes de que se aprobe a licitación de aldea modelo na nosa aldea por mor dos lumes do 2019 que chegou o lume ata case as casas, e aínda está sen facer. De feito, unha das cousas que se necesita mellorar son os tempos porque desde que comezou a plantexarse ata que se formalizou o proceso xa pasaron máis de dous anos, entón nós tivemos que buscarnos a vida mentres. 

“Os tempos para acceder a axuda no noso caso son eternos: Os dereitos da Reserva Nacional para os novos agricultores non chegan ata dentro de catro anos”

Despois, nós fixemos incorporación e o mesmo: para incorporarme eu pasou máis dun ano ata que se aprobou, pasaron uns cantos meses ata cobrar a primeira parte, logo solicitamos os dereitos de reserva nacional que van tardar uns dous anos para asignarnos, etc. En definitiva hai un impedimento desde o punto de vista económico para acceder a esas axudas porque tes que demostrar que ti te dedicas ao campo para solicitar esas axudas, e logo ditas axudas, como o caso dos dereitos, non chegan ata que pasan 4 anos de todo o proceso. Entón, mentres tanto, no noso caso, que fas? Pois tirar man da parella para que ela traballe e poder manter a familia e o gando porque ao principio o proxecto dá moi pouco. 

Igualmente a intención é manter a explotación sen axudas  aínda que a realidade é que o 40% das explotacións a nivel nacional dependen das axudas para a sustentabilidade económica. Entón, moi ben en que moitas das solicitudes que fixemos e que nos aconsellaron veñen aprobadas, pero os tempos son eternos, e iso é un inconveniente.

-A día de hoxe contas cunha gandería de caprino. Descríbenos como é a vosa grandería: número de animais, raza, base territorial….?
(Antonio) Nós actualmente temos algo máis de 120 cabras, máis unhas 30 chivas novas que acaban de nacer no mes de maio deste ano. En canto a raza, nós cando chegamos apostamos por un rabaño de carne e apostamos pola cabra galega. O que pasa é que non se acababa de adaptar nin ao noso manexo nin á nosa idea, e foi entón cando xurdiu a iniciativa de ter cabras de leite, tamén por un tema de rendibilidade.

(Paula) Nese primeiro momento, apostamos pola raza autóctona galega porque confíamos en que se adaptaba mellor ao medio, e comprámosllas a unha Comunidade de Montes que as tiña para o mantemento dos seus montes. Non cumpriron as expectativas que ían acorde ao noso manexo (facemos un manexo moi concreto) e quizais estas cabras estaban máis enfocadas a pastorear en liberdade. Ademais, o tema do leite sempre estivo presente na nosa idea, e coas galegas era absolutamente inviable.

cabras val de conso 1

(Antonio) Como en Galicia non hai ningunha raza autóctona de cabra de leite, agora temos un conxunto de cruces de razas autóctonas peninsulares, das cales temos desde cabra de Guadarrama (Serra de Madrid), Florida Sevillana, Malagueña e algún cruce máis. Deste xeito, mediante cruce estamos intentando ver cal é o cruce que mellor se pode adaptar ás condicións de Galicia. Despois, en tamaño de explotación, manexamos as 180 hectáreas de monte comunal aínda que non aproveitamos o 100% da superficie.

(Paula). En manexo, as cabras saen a pastar todos os días, aínda que dependendo da época do ano saen a pacer máis horas ou menos, e ademais xogamos co tema do redileo coas mallas das cercas eléctricas.

(Antonio) Intentamos pasar o máximo tempo con elas. Si que no inverno, pola falta de horas de luz vémonos máis obligados a pasar tempo con elas no monte porque nos prados non hai comida. A alimentación o 90% é nosa, se non comen fóra segámoslles herba, e logo dámoslle un pouco de cereal no amarre para o muxido ou para que veñan con máis ganas á corte.

-Como vos organizades no día a día da vosa granxa?
(Paula). Depende do momento do ano pero a nosa idea é que no inverno as cabras non estean producindo leite, senón aproveitar o pasto de primaveira e verán -que son máis nutritivos- para o muxido e para aforrar en penso. Polo tanto, en inverno é un pouco máis relaxado, entre comiñas, porque saímos a pastar todo o día e logo gárdanse. Botámolas a pastar non moi cedo polas xeadas e o frío, comemos fóra con elas, e logo recollemos cando se fai de noite. Teñen sempre algo de herba nas comedeiras en inverno porque senón son moitas horas no corral e poucas pastando fóra.

Na primavera e no verán, levantámonos cedo, muximos, e cando rematamos saímos de pastoreo -normalmente saio eu- e recollémolas a mediodía para que amamanten os cabritos e xa despois pola tarde van a redil, o cal dispón Antonio mentres eu estou coas cabras.

(Antonio). Ao longo día, as cabras teñen que volver polo menos unha vez porque como esas cabras dan moito leite, os cabritos teñen risco de empacharse e de ter diarreas que para os máis pequenos é un risco.

-Dise que a alimentación do gando caprino é das máis complicadas para manter un equilibrio nutricional. Como é no voso caso?
(Antonio) Iso é totalmente certo. As cabras, de todo o gando doméstico, é o que máis problemas dá. A xente ten a falsa idea de que as cabras comen todo, e si que o comen todo pero tamén morren por comelo todo; é dicir, é un animal que ten uns requirimentos nutricionais moi elevados, moito máis que as vacas ou as ovellas en canto a proteína e enerxía. Ademáis, é altamente selectiva e, polo tanto, na alimentación non a podes forzar a comer de todo aínda que si que é verdade que en pastos e en monte son capaces de atopar o bó dentro do malo, pero tamén a base de traballo. Igualmente para cabras de leite o complemento de cereal que lles damos venlles ben.

-Como é o manexo que facedes dos partos? Que vantaxes aporta a ganadería rexenerativa?
(Antonio) Nós facemos pastos agrupados polo momento, é dicir, como dicía antes Paula, intentamos que as cabras pairan na mellor época do ano en canto a climatoloxía e abundacia e calidade dos pastos. Practicamente as cabras comezan a parir cando está florecida a carqueixa que a alimenta moito. Intentamos que para no mes de maio, nunha parideira moi agrupada, é dicir, con todas as cabras que están preñadas facemos diagnóstico de xestación por ecografía -así tamén as controlamos de cara a alimentación- e en 20 días sabemos que paren todas as cabras.

(Paula) As cabras quedan apartadas un día e unha noite co cabrito recén nacido para que teñan a tranquilidade de conectar coa cría, e despois críanse todos xuntos nun espazo da nave onde están todas as nais e todos os cabritos. A partir do segundo día as nais saen fóra igual que o resto.

Captura de pantalla 2024-06-19 a las 11.28.18

-Tamén existe a crenza de que as cabras son moi delicadas a nivel de saúde, e supoño que aínda máis en ecolóxico. É así no voso caso? Que recomendarías para manter un bo estado sanitario?
(Paula) A verdade é que son moi duras e fráxiles á vez. Teñen un corpo resistente pero pode que un día teñan tose e ao día seguinte estea morta, e non sabes de onde veu.

(Antonio) É fundamental o tema preventivo e de control. Desde o comezo intentamos prescindir o máximo posible de calquera tipo de tratamento, e agora traballamos moito con prevención. Vacinamos de case calquera cousa da que se poden contaxiar e estamos de man de ADS e con outros veterinarios que nos axudan. De feito, estamos de campaña voluntaria para a vacinación de paratuberculose e vacinamos de basquilla, de neumonía, e sempre moi pendentes do tema de parásitos a través de coproloxías, isto é, non desparasitamos ao tolo senón que facemos probas cada certos meses e a aprtir de aí vemos se é necesario ou non.

Non desparasitamos ao tolo senón que facemos probas cada certos meses e a aprtir de aí vemos se é necesario ou non

Este ano tivemos moito problema coas carrachas, e de feito contaxian unha bacteria que fai que as cabras se vaian quedando atrás. O tratamento non acaba de responder ben de todo. Todo isto fai que as cabras teñan unha taxa de mortalidade elevada, facendo necesario xerar unha taxa de reemprazo alta, dun 30% aproximadamente.

– En canto a fertilización aplicades encalado ou algún orgánico a maiores aparte dos propios excrementos do gando?
(Antonio) De momento só o propio excremento que producen as cabras. Non aplicamos nada máis. Cal si que aplicamos nunha finca por un experimento que fixemos para meter alfalfa e plantón, pero non funcionou. O que temos pensado é que nas fincas que estamos a recuperar de monte, que teñen un pH moi baixo encalar, pero polo momento o que facemos é unha fertilización co que xera a propia explotación.

-A comercialización é un dos piares fundamentais na viabilidade económica destes proxectos. Vendedes cabritos e animais para vida?
(Paula) Obviamente vendemos os cabritos e se son para vida eu priorizo. De momento coa cantidade de cabras que temos lazámonos á venta directa e saíunos ben porque como non é unha cantidade moi grande vendémolos todos.

(Antonio) Ademais da demanda de particulares estamos intentando abrir un oco na hostalería para intentar mellorar o marxe por ese lado. Estamos intentando desenvolver a venda directa de proximidade ou con envíos para mellorar as marxes.

(Paula) E co tema do leite aínda estamos a muxir este ano, entón está a cousa incerta, pero a idea é vender o leite a queixerías artesás, pero non se descarta a posibilidade de facer un esforzo económico para facer unha queixería propia e vender na mesma liña.

-Tedes estudado canto vos custa producir un kilo de carne de cabrito?
(Antonio) A ver, eu estiven a calcular dun xeito aproximado, e realmente de forma incorrecta porque fíxeno a partir dos gastos, sen contar as horas de traballo. Deste xeito, o que teño calculado máis ben é canto comen as cabras ao longo do ano, contando co complemento de cereal que temos para o leite. Por iso, un cabrito de 9 kg vivo está saíndo sobre 8 €, ou algo máis, o kilo de canal producido.

-Pode dicirse que prácticamente non tedes alimentación externa e o gando aroveita os recursos do monte. Por que recomendarías consumir esta carne de calidade?
(Paula) Organolépticamente os animais que comen o que teñen que comer sempre desenvolven mellor o equilibrio de perfís nutricionais, máis que calquera outro animal que ten un organismo forzado a base de pensos e cereais. Entón é máis recomendable alimentarse de animais que coman no monte e no pasto aquilo do que ten que alimentarse a súa especie. Ademais, este tipo de nutrición favorece o seu benestar e non lles permite aos animais segregar hormonas que se poden atopar noutros tipos de manexo. No caso dos cabritos non se alimentan doutra cousa que non sexa o leite das súas nais.

-O acceso a matadoiros é un problema xeral, e supoño que aínda maís tratándose de caprino. Como o resolvedes no voso caso e qué habería que mellorar? Botades man do Matadoiro Móbil da Xunta? Como valorades o servizo?
(Antonio) O do matadoiro aínda non o fixemos pero é unha das grandes ideas que temos na cabeza. Aquí si que temos un relativamente cerca que é en Viana do Bolo, a 14 km, pero por exemplo, a semana pasada un veciño que ten ovellas probou o Matadoiro Móbil e dixo que a experiencia fora moi boa. Así que a idea que temos seguramente sexa facer iso.

(Paula). De feito, se a cousa vai ben apostamos directamente polo Matadoiro Móbil. Fan falta en xeral, tanto en Galicia como no resto de España, moitos máis pequenos matadoiro próximos ás ganaderías, ou mesmo apostar por desenvolver máis matadoiros móviles que poidan ofrecer ese servizo.

-Nos últimos anos produciuse un drástico descenso do censo caprino en Galicia e tamén do consumo. Como valora a situación do mercado e as oportunidades que hai para novas ganderías profesionais como a vosa que producen tanto lácteos como carne?
(Antonio) A ver, iso non só está a pasar en Galicia senón que é unha realidade en todo Europa. Logo, en canto á baixada do consumo eu creo que está relacionada coa xente maior. Quen máis tiña costume son as xeracións anteriores ás dos nosos pais e desgraciadamente esa xente está morrendo. Tamén é verdade que o cordeiro e o cabrito é algo que se consumía en familia, e agora estas non son como antes, de 6 ou 7 irmáns. Ao final, tamén parece que o ritmo da cidade non acompaña para consumir ese tipo de carne.

Si que é verdade que nós estamos intentando innovar máis alá de facer cabrito ao forno para que haxa máis opcións, pero é un traballo lento porque tes que crear un nicho de mercado novo para un producto con outro destino.

(Paula) É verdade que o ritmo de vida de hoxe, e o que lle presta á xente, é facer cousas rápidas. Os típicos cortes do cabrito e do cordeiro necesitan horas de cociña, ben de forno ou de guisado, e a xente non cociña tanto na casa. Tamén é un prato que se asocia a algunha festividade.

-Estades certificados polo CRAEGA?
(Paula) Estamos no proceso de certificación.

(Antonio) Imos facer xa a solicitude este ano para entrar en ecolóxico porque ata o momento non estivemos certificados aínda que prácticamente facemos todo en ecolóxico salvo o uso de suplemento de cereal que é o convencional. Si que algunha vez mercamos algo de cereal a algún veciño ou compañeiro que tan só fertiliza con esterco. Igualmente, día de hoxe é o único non ecolóxico que temos na explotación, polo que é moi fácil pasar á certificación en ecolóxico.

-Como é a convivencia coa fauna salvaxe, -lobo e xabarín- e que medidas de prevención considerades máis eficaces?
(Antonio) Nós co lobo non tivemos moito problema ata o momento. Nós en concreto. Si que nesta zona está habendo bastante problema. Pola nosa parte, o único que recordo é unha cabra que matou o lobo porque non a puideramos baixar co resto, e cando volvemos por ela xa non estaba.

O primeiro que plantexamos foi traballar moito prevención. Partimos de que as cabras xa non durmían fóra -a pesar de non ter ningún ataque-, e aparte de convivir cos mastíns, nós tamén estamos con elas no monte constantemente. Aparte, nos rediles teñen peche eléctrico.

Coa fauna salvaxe temos máis problemas co xabarín e cos corzos: Intentamos cultivar cereal no monte pero non nos deixaron nada

(Paula) Ao final é un tema de manexo. Entre os rediles eléctricos, que as cabras non quedan soas sen unha medida ou dúas de protección. E logo o tema de gardar o gando cando nós non podemos protexelo é fundamental.

(Antonio) Quizáis temos máis problemas coas cervas ou co xabarín. A nosa intención era colleitar grao no monte, intentámolo dous anos seguidos, e non puidemos porque non nos deixaron colleitar nada, polo que o descartamos.

Captura de pantalla 2024-06-19 a las 11.38.38

-Ademáis da gandería, tamén realizades asesoramento sobre agricultura rexenerativa. Como valoras a acollida deste servizo que trata de mellorar a biodiversidade do solo e producir alimentos de forma máis sustentable?
(Antonio) Eu penso que cada ano vai a máis. Eu penso que está tendo moi boa acollida. Hai moita xente que está entrando neste mundo por varios motivos, o primeiro é darse conta que as cousas non se estaban facendo ben -pola degradación dos terreos, a perda de productividade, etc.- e despois, tamén por temas de viabilidade económica. Aproveitando os ciclos da natureza fan falta menos insumos e, polo tanto, podes producir o mesmo ou pouquiño menos con moitísimos menos gastos. Por estes dous lados principalmente, cada vez vai a máis.

-No voso caso, como valoras os apoios que recibides por parte da PAC? Que modificacións consideras necesarias nestas axudas?
(Paula) Nós da PAC case me atrevería a dicir que non recibimos apoio algún.

(Antonio) Bueno, aínda que a incorporación é un procedemento subvencionado pola Unión Europea, polo resto recibimos moi pouco apoio. O problema principal, como xa digo no noso caso, é partir de territorios abandonados. Polo tanto, límpiaos, pástaos, abona se podes abonalos, bota algo de estercos, solicita cambios de uso, dereitos da reserva nacional, etc. É dicir, nun monte que todos eran uces e carqueixas temos gastado miles de euros, e de momento non vimos nada. Non é que estea mal ou ben, pero incidimos sobre todo nun tema de tempos.

(Paula) Iso, e que a PAC tamén está centrada nun tipo de superficie pero existen outros tipos que non están contemplados dentro dela. Logo, outra das cousas é que ti non podes construír o teu negocio de ganadería pensando na PAC, é dicir, non podes basear a desenvolvemento do proxecto nas axudas que che van dar.

-Que cambios vos gustaría facer na vosa gandería nos vindeiros anos?
(Antonio) Aquí contemplamos dúas liñas. Por un lado, en tema de instalacións gustaríanos mellorar a nave porque nos facilitaron unha nave que estaba abandonada. Logo, gustaríanos mecanizar algúns traballos relacionados co esterco, mellorar algúns peches e poñer outros fixos; e a longo prazo gustaríanos plantexar máis en firme a transformación do leite pola nosa parte, pero depende de como evolucione a relación coas queixerías artesanais e demáis porque quizais non temos necesidade de someternos a esa actividade.

(Paula) Sobre todo tamén pola carga de traballo porque somos dúas persoas nada máis, aínda que nalgún momento axúdannos algúns veciños. Entón hai que valorar un pouco todo.

-Algo máis que engadir?
(Paula) Que en todo este marco hai que encadrar a nena. A conciliación laboral neste sector é moi complicada e aínda máis nun sitio que non é o teu. É por iso que os servizos sociais do rural teñen que mellorar sobre todo para as familias novas que vivimos do rural e no rural para que poidamos desenvolvernos ben.

(Antonio) A min en canto a ganadería o único que me gustaría destacar é o papel dos montes comunais. A pesar de que temos moitas facilidades para a superficie privada, se non fora polos montes comunais estaría moi complicado poder emprender e chegar a unha superficie ampla de explotación. d, e aí xogan un papel moi importante os veciños: é fundamental ter o apoio deles. Nós estamos moi agradecidos.

Captura de pantalla 2024-06-19 a las 11.30.24

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información