Gandería Callobro Holstein, camiñando cara un rabaño de vacas A2 A2

Gonzalo Balea colleu hai catro anos a gandería de seus pais decidido a producir leite con proteína betacaseína A2, un produto diferenciado que noutros países como EEUU ou Australia xa é unha realidade. “De momento aquí non está implantada pero quero estar preparado polo que poida pasar”, di Gonzalo

Gandería Callobro Holstein, camiñando cara un rabaño de vacas A2 A2

Gonzalo Balea, gandeiro de Callobro Holstein

Situada na parroquia de Vilar Betote, en Trabada, Callobro Holstein pode converterse en pouco tempo nunha das primeiras ganderías de Galicia que produza o 100% do seu leite con proteína betacaseína A2, máis dixerible que a convencional betacaseína A1. Neste momento, toda a recría que se fai na granxa leva xa xenes A2A2 e en poucos anos nesta explotación só terán cabida animais con este alelo xenético.

“Fago as probas xenómicas a todas as xatas e só insemino con touros A2A2. Isto non custa máis, non é máis caro, é simplemente cuestión de ler os catálogos de touros e escoller. E de todas aquelas vacas que hai neste momento na explotación pero que non sexan capaces de xerar unha cría A2A2 non se cría delas. Creo que isto vai dar un produto diferenciado. En California están vendendo o leite A2 a 3 euros e etiquétano con letras grandes. Eu quero un rabaño de vacas A2A2 polo que poida pasar aquí, e espero que pase”, afirma Gonzalo.

Está convencido de que o futuro está en “máis calidade e menos litros” porque “o prezo do leite a curto prazo vai depender diso”. “As industrias non che van mercar litros de leite, senón quilos de graxa ou de proteína, en función do que precisen para elaborar os seus produtos. En Italia xa hai empresas que fan queixos que están mercando o leite desta maneira e aquí penso que a compra de sólidos chegará en breve”, explica.

“As industrias non che van mercar litros de leite, senón quilos de graxa ou de proteína”

Os datos de Callobro en xaneiro, por exemplo, foron 93.000 células somáticas, 3,91 de graxa e 3,49 de proteína. Gonzalo explica que “a proteína ten menos herdabilidade xenética que os caracteres morfolóxicos pero se insistes acaba aparecendo. Iso fixérono os gandeiros holandeses e alemáns e hoxe teñen unhas calidades moi boas. Eu sempre vixiei moito a proteína dos touros e comezan a verse os resultados”, di.

A mellora xenética é un dos sinais de identidade desta explotación en crecemento, que ten neste momento 80 cabezas entre vacas en muxido e recría, pero que conta chegar aos 65 animais en produción, que é a capacidade total da nave. “Prefiro medrar un pouco máis lento pero con máis calidade. O que non fago é criar algo que non me gusta, iso sería un paso atrás”, di Gonzalo.

Aínda que só hai 4 anos que está á fronte da explotación, nos que intensificou a presión xenética, Gonzalo levaba xa 15 anos, nos que foi delegado de vendas dunha empresa americana de seme e embrións, facendo selección e mellora xenética na granxa familiar, na que hai animais procedentes dalgunhas das mellores ganderías da provincia de Lugo, como Nodi, Mantoño ou Outeiro. “A xenética é algo imprescindible, debía vir no catecismo do gandeiro. É un dos piares fundamentais xunto co manexo e a alimentación, pero non se debe abandonar ningún deles. A xenética é algo máis lento, os resultados non se aprecian instantaneamente, como acontece coa alimentación ou a mellora na comodidade do gando, pero crea unha pegada que acaba notándose. Ás veces a xente confunde xenética con vaca de concurso, pero a xenética non é só iso, a proteína e a graxa ou a saúde do animal tamén é xenética. Hai quen di que todas as vacas son iguais, pero non é certo. Tamén eu digo que o tabaco non me fai mal. Podo disimular e autoenganarme, pero sei que non é verdade”, compara.

 “En catro anos non me morreu nin unha soa xata de diarrea”

Callobro Holstein atópase no top 20 da provincia de Lugo por media de produción, con 12.580 quilos por animal no 2017, e no top 10 por cualificación, con 84 puntos de media e aínda que di que “a intención é mellorar eses dados”.Gonzalo non prioriza só a produción senón tamén a saúde e o benestar dos animais, para o que non escatima coidados.

E pon un exemplo: “nunca me morreu nestes 4 anos unha xata de diarrea. Unha vez díxome un gandeiro en Wisconsin que se a el lle morría unha xata pequena de diarrea considerábao un fracaso persoal e eu penso o mesmo. El tiña 1.000 vacas, así que eran 1.000 partos, e tiña unha taxa de mortaldade de neonatos de menos do 1%, así que sempre digo que se non lle morrían a el, con 1.000 vacas, como vou deixar que me morran a min con 60. Os becerros non nacen enfermos na maior parte dos casos, senón que é un problema de manexo, así que o remedio está nos coidados, en encalostrar, na cama e na desinfección”, considera.

E afirma que hai moitas ganderías que non poñen suficiente empeño nisto e acábano pagando. “Hai explotacións que teñen falta de xovencas para repoñer pola súa alta mortaldade en neonatos. Eu non o entendo, porque niso está o teu futuro, no que investiches cartos e esforzos. Ao mellor trátase dunha cría mediante inseminación in vitro ou un embrión implantado, mimaches a nai até o parto, fixeches todo ben e logo por non ter coidado mórreche a cría. Iso supón unha perda terrible para unha explotación. Pero ás veces o gandeiro non lle dá moita importancia, porque é un animal de poucos días, pero as consecuencias vense aos dous anos, porque ese tería que ser un animal que aos dous anos tiña que estar producindo”, afirma.

Pero para Gonzalo a vida dos animais está por enriba da rendibilidade. “Os machos pintos cada día que pasan na explotación dan perdas, é certo, pero eu son incapaz de non coidalos igual que se fose á miña mellor xata para recría”, di.

Falta de superficie agraria

A recría e as vacas secas tenas fóra.

A recría e as vacas secas tenas fóra.

Do mesmo xeito que intensificou a presión xenética, outro dos cambios que fixo Callobro Holstein desde hai 4 anos foi intensificar a alimentación das vacas en produción. Gonzalo ten alugada unha nave a uns 8 quilómetros da casa, onde ten as vacas en muxido, que alimenta coa mestura húmida que lle serve a cooperativa Os Irmandiños. Tomou esta decisión ante a falla de superficie agraria da explotación e como única alternativa para poder seguir medrando.

“Nesta zona a base territorial é escasa e a pouca que hai estase plantando masivamente a eucaliptos, polo menos 30 ou 40 hectáreas de prados foron plantadas nos últimos dous anos no concello de Trabada”, denuncia. Aínda que en Vilar Betote ou na veciña parroquia de Sante quedan aínda bastantes explotacións gandeiras, Trabada é un concello que conta cun sector forestal moi potente que acaba arrastrando aos pequenos propietarios de terras cara a súa plantación.

 “Nesta zona a base territorial é escasa e a pouca que hai estase plantando masivamente a eucaliptos”

Gonzalo pide á Administración que vixíe o cumprimento das leis que ela mesma aprobou, en relación á prohibición da forestación de terras agrarias e ás distancias mínimas que as plantacións teñen que deixar a vivendas ou camiños. E apela aos concellos a tomar cartas no asunto, como ven de facer o alcalde do veciño concello de Ribadeo. “Pido simplemente que se cumpra a lei”, di, e “que a Administración vixíe de oficio” para evitar que aconteza o que pasou noutra parroquia aquí ao lado, “onde os veciños non se falan entre si” despois de denuncias cruzadas.

“Que eu teña que ser a autoridade que denuncie non ten xeito, é como se para que se cumpran as normas de circulación me tivese que poñer na entrada da Veiga e chamar a Tráfico cada vez que vexo pasar un coche con exceso de velocidade”, compara.

Callobro Hosltein conta só cunhas 11 hectáreas onde ten as xovencas e as vacas secas en réxime de pastoreo para reducir custos. Ademais, fai forraxe para o inverno cos excedentes da primavera, época na que tamén aproveita para renovar a pradeira, a un ritmo dun par de hectáreas por ano, para obter máis forraxe e de máis calidade. “A mágoa é non ter outras 20 hectáreas máis para poder facer tamén a forraxe para as vacas en produción e reducir custos”, lamenta.

 

“A máquina máis nova que teño ten 20 anos”

Gonzalo subcontrata estes traballos porque “a máquina máis nova que teño ten 20 anos e os dous tractores que hai na casa pasan dos 30”, explica. “No noso tamaño é inviable totalmente mercar unha máquina ao prezo ao que podes alugar o servizo, porque teñen que pasar unha inmensidade de anos para poder amortizar o custo de adquisición”, xustifica.

Desde a súa casa vese o río Eo que serve de límite con Asturias e seus pais eran socios de Central Lechera desde fai 30 anos. Callobro véndelle o leite á cooperativa asturiana e aproveita servizos como o de reprodución, podoloxía ou control de mamite. Son servizos lle factura a cooperativa, que ademais financia unha parte, pero é o gandeiro quen elixe o grupo de técnicos que levan a súa explotación. Central Lechera incluso xestiona a compra conxunta da luz por parte de todos os socios e das fábricas da cooperativa e Gonzalo lamenta que “en Galicia, sendo o país das vacas, non fósemos capaces de poñer en marcha un proxecto cooperativo semellante”.

Vai comezar a enviar o xurro á planta de Navia

Gonzalo vai comezar tamén a enviar o purín que produce á planta de tratamento que a cooperativa asturiana ven de poñer en marcha en Navia, e iso fai que non poida empregar area nos cubículos das vacas en produción. Esta planta, que vai xestionar 1.000 toneladas de xurro diarias, pode resolver un dos problemas máis graves que se aveciñan para moitas explotacións co novo Decreto de xurros, así que Gonzalo pon na balanza os pros e os contras. “A area é a mellor cama que hai, pero a planta de Navia non a admite”, explica, así que emprega serrín cunha proporción pequena de cal, que actúa como desinfectante. É unha mestura “manexable e máis barata” que repón unha vez á semana.

O que non recomenda para estabulacións en intensivo como a súa son as mantas de goma, porque di que “non son unha cama confortable para as vacas e cáusanlles moitos problemas de articulacións”. “Cando cheguei, o establo estaba preparada para mantas de goma, pero tardei só 5 meses en levantalas”, lembra.

Outro dos servizos que aproveita Gonzalo é o de substitucións. Agarda que cando alcance as 65 vacas en muxidura iso lle permita poder contratar a un peón, pero de momento as vacas aténdeas el só e di con orgullo que “desde que se xubilaron, meus pais non volveron muxir, os poucos días que libro contrato unha persoa de substitución”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información