Gandería Arriba do Río SC, produción de coello e carne de vacún

A cunicultura presentouse hai 20 anos como unha alternativa produtiva máis no rural galego. Jorge Carreiras e Inma Martínez manteñen en Alfoz unha explotación con 850 nais reprodutoras que compatibilizan con 30 vacas en extensivo

Jorge e Inma xunto aos seus fillos Lucía e Marcos diante dunha das naves de cría de coellos

Jorge e Inma xunto aos seus fillos Lucía e Marcos diante dunha das naves nas que crían os coellos

Non só de vacas vive o sector gandeiro galego. A nosa comunidade é unha das principais produtoras de coello de España, cunhas 200 explotacións en activo producindo carne de coello para dúas empresas, a cooperativa Cogal, con sede en Rodeiro, e para Avigal, que opera o matadoiro que o grupo catalán Vall Companys mercou en 2019 a Cunicarn para subministrar a Mercadona. Ao igual que acontece no sector avícola, o modelo de integración coa industria gaña terreo, pero aínda quedan produtores independentes.

É o caso da Gandería Arriba do Río SC, a explotación que Jorge Carreiras e Inma Martínez manteñen en As Oiras, no concello de Alfoz, e na que compatibilizan cunicultura e vacún de carne, para deste xeito facer un mellor aproveitamento dos excrementos que xeran os coellos e, ao mesmo tempo, non atoparse tan expostos aos altibaixos que sofre o prezo da carne de coello no mercado.

“Isto ten rachas. No 2015 pasamos unha época moi mala. Estivemos moito tempo cun prezo de 1,20€/quilo. Iso non cubría custos, tiñamos que poñer cartos do peto, eu daquela traballaba fóra e o meu soldo ía para os coellos. E fai 8 anos cando fixeramos a segunda nave, aí polo 2012, tamén houbera outro bache”, lembra.

No 2015 pasamos unha época moi mala. Estivemos moito tempo cun prezo de 1,20€/quilo. Iso non cubría custos, tiñamos que poñer cartos do peto, eu daquela traballaba fóra e o meu soldo ía todo para os coellos

Os efectos do coronavirus deste último ano tamén se deixaron notar no sector, nun primeiro momento cunha demanda desorbitada nas primeiras semanas de pandemia e logo cun parón a consecuencia do peche da hostalaría que aínda se segue a notar. “Cando foi o confinamento non había coello que chegara, chamábante dos matadoiros para vir cargar aínda sen cumprir o ciclo, logo freou e o mercado volveuse estabilizar, pero aínda non volvemos á normalidade de antes, hai menos saída e están a retasarnos un pouco as cargas”, asegura Jorge.

Encarecemento do penso

O Nadal é unha época na que habitualmente baixa o prezo do coello, que se sitúa actualmente en lonxa a 1,80€/quilo. Pero a situación “cambiou para peor” neste comezo de ano para os produtores de carne de coello polo encarecemento dos custos de produción motivados pola suba do penso a consecuencia da escalada de prezos que desde setembro viven as materias primas, como os cereais ou a soia.

Coa suba actual do penso o prezo do coello tiña que estar en 2 euros o quilo para aproximarnos aos custos de produción

“O penso xa subiu algo en novembro pero agora xa nos avisaron dunha suba de entre 8 e 13 euros en tonelada para este ano. Son 200 euros máis en cada camión de penso e nós gastamos entre 20 e 22 toneladas de penso cada mes, un camión e medio. É unha suba importante para a escasa marxe que temos. Con esta suba do penso o prezo do coello tiña que estar en 2 euros o quilo para aproximarnos aos custos de produción, porque consumes moitos máis quilos de penso que quilos de carne produces. Nós cada 45 días producimos uns 9.000 quilos de carne de coello pero gastamos máis do dobre de quilos de penso”, explica.

Escasa competencia no sector

A maiores do incremento de custos está a incerteza nas cotizacións. “Non tes garantía ningunha, vai por lonxa semanal e os prezos poden variar entre 0 e 15 céntimos cada semana. Se as oscilacións fosen cada 6 meses aínda podías planificar, así non. As marxes son moi estreitas e calquera baixada, por mínima que sexa, déixate sen rendibilidade”, di.

Os custos de produción pasaron de dobrar con respecto a cando nós empezamos fai 20 anos pero o prezo da carne está igual

A pouca competencia, debido á cada vez maior concentración de empresas que sacrifican e comercializan, ten coas mans atadas aos produtores galegos. “As que manexan o cotarro son dúas empresas. Aquí en Galicia é Cogal quen fixa os prezos. Nós empezamos con Cogal, logo mandamos para Portugal durante uns anos e agora estamos con Avigal. Pero en Galicia hai pouco consumo de coello, vai case todo para Levante e Cataluña”, conta.

Entre 8 e 9 camadas por ano

Ganderia Arriba do Río SC (Alfoz) coellosNos últimos anos anos produciuse unha redución no número de explotacións e unha profesionalización entre os produtores de coello galegos. Gandería Arriba do Río SC, que conta con 850 nais reprodutoras repartidas en dúas naves (375 na primeira que fixeron e 500 na segunda), logra unha media de 9,5 crías por coella en cada camada. Un ano son 9 as camadas que sacan adiante e ao ano seguinte 8. “Facemos todo o proceso: inseminamos as coellas, paren, engordamos os gazamos e vendémolos. Logo lavamos e desinfectamos as xaulas e volvemos iniciar ao ciclo”, detallan.

Logran sacar adiante unha media de 9,5 gazapos por reprodutora en cada ciclo

Os coellos pasan un máximo de 65 ou 67 días desde que nacen até que son sacrificados, aínda que son os propios matadoiros os que marcan a duración dos ciclos en función da demanda. “Son eles os que nos avisan cando veñen cargar, pero queren animais pequenos, dun máximo de 2 quilos ou 2 quilos e medio. Nisto tamén cambiou o mercado, antes queríanos grandes pero hoxe ese coello non ten saída”, asegura Jorge.

Raza valenciana

Nesta explotación de Alfoz foron cambiando de raza e traballan na actualidade coa valenciana. “Empezamos coa Hyplus, logo tivemos Hyla e agora valenciana. Fomos probando e como xa levabamos moitos anos coa Hyplus decidimos cambiar. Son todas razas pensadas para a produción cárnica, cunha merma menor”, explica.

No inverno producen menos, entre un 5 e un 10%, mentres que na primavera e o verán hai máis fertilidade

No inverno a produción redúcese, entre un 5 e un 10%, mentres que na primavera e o verán aumenta porque hai máis fertilidade. Mercan o seme, tanto o destinado á produción de carne como á recría e fan eles mesmos a inseminación e selección xenética. “De cada camada escollemos 80 femias para reprodutoras. Ese é outro tipo de seme, é seme maternal, mentres que o outro é cárnico, e tamén mercamos coellas híbridas para reprodutoras”, indican.

Sen variacións no manexo

Jorge e Inma teñen repartidos os traballos da granxa co obxectivo de manterlles unhas rutinas aos animais. “O coello é un animal moi delicado e tes que ter un manexo moi continuo, a poder ser que sexa sempre a mesma persoa a que faga unha determinada tarefa, para facela sempre igual, porque aínda seguindo os mesmos protocolos cada persoa traballamos de xeito distinto”, argumentan. Por iso Jorge é quen se encarga sempre da alimentación, mentres que os partos e vacinas son cousa de Inma.

Os coellos son animais delicados, tes que ter un manexo moi continuo e a poder ser que a mesma persoa faga sempre as mesmas tarefas

Aplican os mínimos tratamentos posibles, polo que a vixiancia e detección precoz é fundamental. “Antibióticos non hai, están prohibidos, agás 1 ou 2 para cuestións moi concretas. Os que manipulamos este tipo de gando entendémolo moitas veces máis ca moitos veterinarios”, asegura Jorge.

As instalacións non contan con climatización no interior pero dispoñen de distintos sistemas para reducir a temperatura ambiente nos días máis calorosos. A última nave que construíron, fai 10 anos, xa ten material illante no teito pero a vella non, polo que nesa colocaron aspersores que regan o teito pola parte superior para baixar deste xeito a temperatura interior e evitar o estrés por calor aos animais.

Aproveitamento dos excrementos para o abonado de pradeiras e a produción de humus

Ganderia Arriba do Río SC (Alfoz) pradeirasJorge e Inma comezaron cos coellos fai 20 anos. “Cando nos casamos había 4 ou 5 vacas de leite na casa e xa non era viable, así que nos pasamos á carne e aos coellos”, explica Jorge. Desde entón foron aumentando, coa construción no 2011 dunha segunda nave para 500 reprodutoras, até teren hoxe 850 coellas nais e manter en parelelo unha cabana dunhas 28 vacas de carne de diferentes razas, como rubia galega, asturiana ou limusín, e un touro tamén limusín.

“Ao ter as vacas aproveitamos o purín que xeran os coellos para botar nas pradeiras, porque do que é das vacas logramos pouco porque están fóra en extensivo”, explican. Esta mesma simbiose é a que perseguen co pequeno rabaño de ovellas e cabras que tamén teñen, empregadas como desbrozadoras naturais.

Unha das naves dos coellos téñena para producir purín para as fincas que pacen as vacas, mentres que a outra está destinada á produción de humus de miñoca para comercializar

De cara á entrada en vigor, prevista para este ano, da nova normativa estatal de fertilización sostible, que vai prohibir o esparcido de purín mediante o sistema de prato ou abanico, Jorge considera que “vai ser un problema para as pequenas granxas coma a nosa e un gasto obrigado máis”.

Fan humus de miñoca que venden á empresa Siro

Fan humus de miñoca que venden á empresa Siro

Parte das fincas que eles traballan nas parroquias de Lagoa e As Oiras son fincas cun importante desnivel que non permiten outras alternativas como son o enterrado ou a aplicación do purín mediante tubos colgantes.

“Son parcelas pequenas, en pendente e con moita pedra onde é imposible botar doutro xeito. De feito, non podemos nin renovar, porque acabas coa maquinaria despois á hora de segar e recoller a forraxe”, relata Jorge.

20 hectáreas de superficie para pastos

En total, Gandería Arriba do Río manexa unhas 20 hectáreas de pradeiras, polas que van rotando o gando. “A superficie propia que temos é pouca, mantemos a explotación grazas aos veciños que nos prestan as súas fincas, uns con renda e outros sen ela, só para que llelas coidemos”, din.

Por aquí son parcelas pequenas, en pendente e con moita pedra. Vai ser un problema botar purín se prohiben o sistema de prato ou abanico

Nas épocas do ano nas que hai maior produción de forraxe aproveitan para facer silo e herba seca para os meses de escaseza. “Facemos un silo de palleiro e 150 rolos e outros 40 de herba seca para os xatos de cebo. Ao ter a máquina de enrolar na casa se non dan pacido enrolo”, di.

Os traballos, tanto dos coellos como das vacas, fanos a medias cunha explotación gandeira veciña, Soli, que tamén se adica á cunicultura e á gandería de vacún de carne. “Axudámonos mutuamente, somos os únicos que quedamos con actividade gandeira nesta zona”, contan.

Hai dous anos empezaron a cebar os xatos, que venden marcados de Ternera Gallega Suprema

Desde fai dous anos Jorge comezou tamén a cebar os xatos, que despois comercializa a través dun tratante que ten de confianza. Conta cunhas instalacións para cebalos onde os ten separados en dous lotes (nun están os machos e noutro as femias) e onde están os últimos 3 ou 4 meses, despois de estar os primeiros 5 ou 6 coas nais. Van marcados de Ternera Gallega Suprema e véndeos aos 9 ou 10 meses. O 2020 non foi un bo ano para os coellos pero tampouco para a carne de vacún. “Os últimos que mandei foron a 4,20 euros o quilo”, quéixase. “Están acabando cos gandeiros e co rural”, sentencia.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información