Gandeiros portugueses protestan contra a venda de briks de leite francés no país

A APROLEP critica que a cadea Intermarché está a comercializar leite francés de marca branca mentres produtores do Norte de Portugal reducen a súa produción por exceder as cantidades contratadas

Gandeiros portugueses protestan contra a venda de briks de leite francés no país

Bala de forraxe colocada ante un Intermarché con mensaxes de protesta.

A Asociación dos Produtores de Leite de Portugal (APROLEP) critica a comercialización de leite francés en establecementos da cadea Intermarché e reclámalle á distribución e aos consumidores que dean prioridade ao leite e aos produtos lácteos nacionais.

Segundo a asociación, son cada vez máis as tendas de Intermarché que venden leite francés a través da marca branca “Top Budget”, identificable polo código “FR” na marca de salubridade. A APROLEP considera que se trata dunha importación “innecesaria” que desvaloriza a produción de leite e o traballo dos agricultores portugueses.

A organización critica ademais que estas importacións se produzan ao mesmo tempo que continúan as promocións de leite producido nas Azores, circunstancia que, ao seu xuízo, podería indicar un exceso de embalamento de leite UHT nesa rexión.

A situación, segundo a APROLEP, contrasta tamén coa realidade de numerosos produtores da rexión Norte de Portugal, que están sendo obrigados a reducir a súa produción para evitar penalizacións por superar as cantidades contratadas coas cooperativas.

A asociación asegura que este escenario está a provocar unha “enorme revolta” entre os agricultores, nun momento no que baixa o prezo do leite pagado ao produtor mentres aumentan os custos de produción, especialmente os do gasóleo, fertilizantes e pensos.

Como forma de protesta simbólica, algúns produtores deixaron un primeiro fardo de palla xunto ao establecemento de Intermarché de Vila Nova da Telha, na Maia. A acción pretende transmitir unha mensaxe directa á cadea de distribución: deter as importacións que, segundo os produtores, contribúen a desvalorizar o leite e o traballo dos agricultores portugueses.

A APROLEP vén reclamando nos últimos meses tanto á distribución como aos consumidores que dean preferencia ao consumo de leite e produtos lácteos nacionais, argumentando que estes produtos contribúen a alimentar a poboación, dinamizar a economía portuguesa, reducir o déficit comercial e manter os campos cultivados e afastados dos incendios.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información