Gandeiros irlandeses visitan Galicia para coñecer as nosas granxas de vacún de leite

Gandeiros irlandeses visitan Galicia para coñecer as nosas granxas de vacún de leite

Visita á SAT Sampérez, en Santa Comba

Un grupo de técnicos e gandeiros de vacún de leite de Irlanda visitaron esta semana diversas explotacións galegas para coñecer o sector lácteo galego.

A visita encádrase dentro dos programas de intercambio que se contemplan no proxecto “Dairy For Future”, unha iniciativa financiada polo Arco Atlántico e na que participan entidades de Galicia, Portugal, Francia, Reino Unido, Irlanda e País Vasco.

O obxectivo final do proxecto é mellorar a eficiencia das ganderías de vacún de leite. Para iso, estase a analizar utilización de recursos nas explotacións lácteas colaboradoras a través da cuantificación das emisións de CO2 que, xunto cunha análise económica, poderían derivar nunha tipificación de explotacións en función da súa eficiencia.

O proxecto está coordinado en Galicia por César Resch Zafra, investigador da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (AGACAL)-Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo.

Visitas ás comarcas gandeiras de Lugo e da Coruña

Durante o martes e o mércores desta semana uns 30 gandeiros e técnicos de Irlanda, un país referente na produción de leite a baixo custo e en exportación de produtos lácteos, visitaron diversas ganderías das provincias da Coruña e Lugo.

Así, o martes visitaron a Gandería Sebastián, situada no concello coruñés de Irixoa, e que destaca por alimentar as vacas con herba fresca. A continuación, desprazáronse ata SAT Margá, en Guitiriz (Lugo), unha gandería que pasou dun modelo intensivo a traballar en pastoreo e cambiar cara a raza Jersey. Ademais, está comezando a elaborar o seu propio queixo de autor. Xa pola tarde, visitaron o Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo, un referente en innovacións no sector agrogandeiro.

E onte, mércores, a delegación irlandesa desprazouse ata a comarca do Xallas para visitar SAT Sampérez, no concello de Santa Comba, unha explotación en intensivo que destaca polos altos índices de graxa e proteína, con algo máis de 850 kilos de sólidos producidos por vaca e ano.

A continuación visitaron Ganxabar, un modelo de colaboración entre gandeiros para a xestión das forraxes e da recría en común. A viaxe completouse pola tarde cunha visita a Fisterra.

Un proxecto no que colaboran 10 granxas galegas

O proxecto “Dairy For Future” comezou en xaneiro deste ano e estenderase ata o ano 2021. Está coordinado polo Institut de l´Élevage de Francia. A Axencia Galega da Calidade Alimentaria (AGACAL) é a entidade galega participante.

O proxecto ten dúas vertentes, a máis innovadora desenvolverase no Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM), onde se levará a cabo un ensaio no que se analizará a eficiencia de cinco sistemas de alimentación de vacas de leite. Ademais, en dez explotacións colaboradoras levaranse a cabo medicións para poder establecer índices de eficiencia cos criterios anteriormente mencionados. Estas explotacións formarán parte dunha rede de cen explotacións colaboradoras das rexións participantes do Arco Atlántico europeo.

Gandarías colaboradoras

O dez explotacións galegas participantes son Granxa O Cancelo, Casa Codesal, Sat Margá, Gandaría Ventura, Gandeiría As Cernadas, Gandaría Patalarga, Gandaría Boga, Gandaría Sebastián, SAT Sampérez e Ganaderia Colorado S.C.

O proxecto contou co apoio de, entre outros, Lactalis no Reino Unido, os procesadores Glanbia e Carbery en Irlanda, a cooperativa Sodiaal en Francia, a cooperativa vasca Iparlat e a portuguesa Agros. Por parte galega as entidades colaboradoras foron CAP Coruña, LIGAL, CLUN e AGACA.

IRLANDESES_DAIRY_FOR_FUTURE_2 IRLANDESES_DAIRY_FOR_FUTURE_3

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información