A sección ‘Noticias de empresa’ inclúe informacións de actualidade empresarial, así como as notas de prensa de firmas colaboradoras.

Gandeiros galegos visitan Austria para coñecer de preto a raza fleckvieh

No marco do Agrotour, promovido por GeneticAustria e Ganados Barreira, un grupo de gandeiros galegos coñeceron algúns dos mellores centros de inseminación, feiras, gandarías e escolas agrícolas de Austria

Gandeiros galegos visitan Austria para coñecer de preto a raza fleckvieh

Gandeiros galegos posando cunha vaca fleckvieh


Un grupo profesionais galegos do sector gandeiro veñen de aterrar en Galicia logo dunha intensa visita de cinco días a Austria no marco do Agrotour 2021. Deste xeito, tiveron a oportunidade de coñecer de preto a súa consolidada infraestrutura gandeira que xira, principalmente, en torno á raza fleckvieh. A iniciativa xurdiu, un ano máis, da empresa galega Ganados Barreira, dirixida por Antonio Barreira, que é á súa vez representante española de GeneticAustria, dirixida no mundo hispanofalante por Alexander Manrique.

O motivo fundamental da viaxe foi aprender as potencialidades da raza fleckvieh e as peculiaridades no seu manexo

Esta empresa é a encargada da exportación dende Austria de todo o material xenético bovino e gando relacionado coa raza fleckvieh ao resto do mundo. Na súa andaina, gandeiros e gandeiras tiveron a oportunidade de afondar no manexo da raza e visitar gandarías familiares, unha das escolas agrícolas máis punteiras do país, a feira agrícola máis grande de Austria e un centro de inseminación. Campo Galego tivo a oportunidade de acompañalos na súa ruta e, ao longo dunha serie de reportaxes, deixará constancia das aprendizaxes e principais particularidades do sistema gandeiro austriaco. 

Os gandeiros quixeron afondar máis en ter un coñecemento xeral das capacidades da raza e, en especial, no seu dobre propósito

O motivo fundamental da viaxe foi aprender as potencialidades da raza fleckvieh e as peculiaridades no seu manexo. Por unha banda, os gandeiros que antes da viaxe xa contaban con animais desta raza nos seus rabaños puxeron especial atención nos aspectos técnicos do seu control. Pola outra, aqueles profesionais do sector que aínda non contan con animais nas súas cabanas, quixeron afondar máis en ter un coñecemento xeral das capacidades da raza e, en especial, no seu dobre propósito: producir leite e carne con rendibilidade. 

Un dos touros da exhibición no Centro de Inseminación

Un dos touros da exhibición no Centro de Inseminación

As particularidades da raza fleckvieh

A nivel físico, os animais da raza fleckvieh teñen unha constitución forte, cunha conformación muscular robusta, alongada e ortoide. A día de hoxe, poucos exemplares teñen xa presenza de cornos e son especialmente lonxevos. De feito, ese é un dos factores clave para entender a súa proxección, xa que as vacas reprodutoras teñen unha longa vida reprodutiva. Segundo os datos que manexan en Genetic Austria, moitos dos seus exemplares rexistrados chegan a vivir con facilidade ata os 12 ou 14 anos e son quen de garantizar arredor de 11 partos por vaca. Polo tanto, a súa fertilidade e boa xestión durante os partos asegura unha cría na súa lonxeva vida.

Os beneficios económicos que aporta o dobre propósito reflíctense no manexo dos recursos escasos. Alimentos de alta calidade son empregados tanto para a produción de leite como de carne dunha soa vez

Aínda que a nivel español vén sendo coñecida no sector como un animal adicado á produción de carne, dende Genetic Austria traballan arreo por darlle a volta a esa visión e tratan de poñer en valor a súa capacidade leiteira. “O leite de gando fleckvieh caracterízase por un contido de graxa e proteína (4,15% e 3,40%, respectivamente) superior ao promedio. Esta tamén é a razón pola que Austria está á vangarda en Europa en termos de calidade de leito cru”, explica nunha das súas exposicións, Alexandre Manrique.

O leite de gando fleckvieh caracterízase por un contido de graxa e proteína (4,15% e 3,40%, respectivamente) superior ao promedio

“Os beneficios económicos que aporta o dobre propósito reflíctense no manexo dos recursos escasos. Alimentos de alta calidade son empregados tanto para a produción de leite como de carne dunha soa vez. Polo tanto a emisión de metano redúcese drásticamente. Por iso dende Austria somos líderes europeos en termos de redución de efectos negativos no medioambiente asociados á cría de gando”, engade o director de vendas de Genetic Austria.

Unha das vacas gañadoras do concurso na feira do gando

Unha das vacas gañadoras do concurso na feira do gando

Visita á feira agrogandeira Rieder Messe

Unha das experiencias máis salientables entre os gandeiros foi a visita á feira Rieder Messe. Situada en Ried im Innkreis, capital do estado da Alta Austria, é un dos eventos agrogandeiros máis grandes e concurridos do país. Alí, os visitantes pudieron asistir a unha exhibición dos mellores exemplares da rexión das razas fleckvieh, brown swiss e holstein, todas elas descendentes do “animal estrela” vollendet. Nese escenario, foron testemuñas da presentación de nais de touros de inseminación, xuízos sobre a raza fleckvie e unha gran subasta de gando.

Visitamos gran parte do país e alí onde fomos, a xente nova tiña unha vinculación fundamental tanto nas granxas como noutros espazos gandeiros

Nesta zona da rexión da Alta Austria déronse cita decenas de miles de profesionais adicados ao sector agrogandeiro provintes de todo o país e moitos estranxeiros dos países veciños. Xa que logo, o gran recinto da Rieder Messe non só foi o escenario dun concurso de gando e a súa posterior subasta, senón que os asistentes puideron ver unha exposición de maquinaria pesada agrícola; ferramentas tradicionais; degustacións de produtos de elaboración nacional; e tamén outros entretementos máis lúdicos cos que amenizar unha estensa xornada adicada á posta en valor do sector primario.

O gran recinto da feira Rieder Messe foi o escenario dun concurso de gando e a súa posterior subasta

“Unha das cousas que máis me chamou a atención é como os austriacos teñen garantizado o relevo xeracional. Visitamos gran parte do país e alí onde fomos, a xente nova tiña unha vinculación fundamental tanto nas granxas como noutros espazos gandeiros”, explica Xesús Alonso, propietario da gandaría Ferreiro Rial e integrante do Agrotour. “Non en balde, Austria é o país da Unión Europea que maior porcentaxe de xente moza na gandaría e na agricultura”, engade Antonio Barreira, un dos organizadores desta andaina europea.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *