Gandeiros galegos viaxarán a Nova Zelanda para coñecer o seu sistema baseado no pastoreo

Unha vintena de gandeiros viaxarán a Nova Zelanda para aprender do seu modelo produtivo baseada no pastoreo, co apoio da Vicepresidencia da Deputación de Lugo. A Asociación para a desintensificación no agro  organiza a viaxe, na que visitarán  diversos proxectos produtivos e de investigación

Gandeiros galegos viaxarán a Nova Zelanda para coñecer o seu sistema baseado no pastoreo

Unha vintena de gandeiros e gandeiras con granxas de pastoreo ou ecolóxicas e persoal técnico e investigador viaxarán a comezos de decembro a Nova Zelandia coa Asociación para a desintensificacion no agro (AEDA) para coñecer de primeira man proxectos produtivos e de investigación que se desenvolven nese país, cunha produción láctea baseada no pastoreo. Campo Galego participará nesta viaxe para ofrecer unha ampla información sobre as granxas neozelandesas e as súas industrias lácteas.

A área de Rural da Vicepresidencia da Deputación de Lugo apoia esta iniciativa coa que a delegación galega, que viaxa do 7 ao 16 de decembro, visitará granxas, empresas de selección xenética e de produción de sementes e mesturas, organizacións de produtores e cooperativas de transformación, así como campos de investigación e centros experimentais.

“O centro de interese que guía a viaxe é a produción en base a pastoreo. Unha cuarta parte das exportacións neozelandesas está ligada á produción láctea, que se realiza fundamentalmente en sistemas produtivos fundamentados no uso da herba. Un uso intensivo, con técnicas produtivas punteiras. Por iso, Nova Zelanda segue a ser o sitio onde os custos de produción son os máis baixos”, explicou o coordinador da visita e responsable de AEDA, Xan Pouliquen, durante a reunión mantida coa deputada Iria Castro.

A área de Rural apoia esta actividade formativa no marco da colaboración que mantén coas asociacións agrogandeiras e profesionais vinculadas ao sector primario que promoven a mellora da competitividade das granxas,  así como a sustentabilidade, a diversificación e  a multifuncionalidade dos sectores agrario e gandeiro.

Nesa liña, tras a viaxe,  organizarase unha xornada na que se presentarán os resultados deste intercambio de cara a implementar técnicas de pastoreo máis eficientes tanto desde o punto de vista produtivo como económico en gandeirías de vacún da provincia e do resto do país.

Datos sobre a produción leiteira en Nova Zelanda

Nova Zelanda produce uns 22 millóns de toneladas de leite -Galicia produce 3- e representa aproximadamente o 35 % do comercio mundial en produtos lácteos. Representa aproximadamente o 2% da produción mundial de leite, pero exporta máis do 95% de todos os seus produtos. Ten unha longa tradición de produción en base a pastoreo, con custos de produción reducidos. Desenvolveu sistemas produtivos totalmente orientados á produción a baixo custo en todas as dimensións (manexo das pradeiras, fertilización, xestión do gando, xenética…). E polo tanto un magnífico escaparate do potencial económico da produción con pastoreo correctamente xestionado.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información