Gandeiros galegos acudirán este luns a Madrid para protestar contra o acordo con Mercosur

stop mercosurGandeiros e agricultores galegos teñen previsto acudir este luns, 16 de decembro ás 12:00 horas, á protesta convocada a nivel estatal ante a sede do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, para protestar contra a sinatura de pre-acordo de desregulamentación comercial Unión Europea (UE)-Mercosur, así como reclamar a suspensión do xa establecido entre a UE e Marrocos. A protesta está convocada por ASAJA e COAG, e está respaldada polas súas organizacións representativas en Galicia, a Asociación Agraria de Galicia (ASAGA) e o Sindicato Labrego Galego (SLG), respectivamente. A Unión de Pequeños Agricultores e Ganaderos (UPA), así como Unións Agrarias, non forman parte das organizacións convocantes.

Dende o Sindicato Labrego Galego, que asistirá cunha delegación encabezada pola súa secretaria xeral, Isabel Vilalba, lembran que “como xa temos denunciado tamén dende a Coordenadora Europea Vía Campesina (ECVC), o acordo de liberalización comercial proposto entre a Unión Europea e países do Mercosur (Arxentina, Brasil, Paraguai e Uruguai) privilexia nos dous continentes o modelo agroindustrial en detrimento das pequenas e medianas granxas e a agricultura labrega”.

“Cunha forte oposición por parte dos campesiñado de ámbalas dúas beiras do Atlántico dende o inicio mesmo da súa negociación, as labregas e labregos alertamos de que o debilitamento do actual marco regulatorio provocaría competencia desleal, dumping e a caída de prezos para los agricultores/as europeos, ao tempo que conlevaría enormes problemas sociais e medioambientais nos catro países do Mercosur, en total contradición con los obxectivos do Pacto Verde e as promesas da UE no Diálogo Estratéxico sobre Agricultura”, engaden.

Neste sentido, na mobilización que levará adiante o luns, dende o SLG reclaman tamén “un plan de choque ante o incremento continuado dos custos de produción, con implicación dos ministerios de Agricultura, Traballo, Economía e Facenda para establecer medidas específicas e de vixilancia dos oligopolios que controlan os insumos do sector agrario, para evitar a especulación de prezos e os custos inxustificadamente elevados”.

Asociación Agraria de Galicia

Por parte da Asociación Agraria de Galicia (ASAGA), consideran que “a proliferación deste tipo de alianzas, como a acordada con Mercosur ou as establecidas con Marrocos, Chile ou Nova Zelandia, entre outros países, supón poñer en desvantaxe a economía local: favorecen as importacións de produtos agrarios por baixo dos custos de produción e sen cumprir as normativas da UE”.

“Isto provoca un impacto grave nos agricultores europeos e españois, con perda de ingresos e de miles de explotacións familiares anuais, que ademais vemos como non se nos axuda a facer fronte aos retos que xa de por si ten o sector, como a substitución xeracional, a adaptación ao proceso de cambio climático ou o mantemento da economía nas poboacións rurais. Neste contexto, a firma do tratado entre a UE e Mercosur podería supoñer o golpe definitivo para a nosa agricultura e gandería”, engaden.

Táboa de reivindicacións do sector

Ante esta situación, as organizaciónsc convocantes presentan unha serie de reivindicacións, que comezan polo rexeitamento ao acordo con Mercosur e a suspensión do acordo de libre comercio UE-Marrocos. Este último, segundo unha recente sentenza do Tribunal de Xustiza da Unión Europea, viola o dereito internacional ao vulnerar, en particular, os principios de autodeterminación e do efecto relativo dos tratados, por non prestar o seu consentimento ao pobo do Sahara Occidental.

Outro dos puntos que se reclaman é recuperar o principio de preferencia comunitaria fronte ás importacións sen control que non cumpren as normas do Mercado Común Europeo. Demandamos que se inclúan cláusulas espello, que obriguen aos produtos de terceiros países a equiparar os seus estándares de produción, normativas e regulacións ás impostas pola UE.

O manifesto que subscriben ASAGA e ASAJA reclama tamén a necesidade dun plan de choque que faga fronte ao incremento continuado dos custos de produción agrarios, entre os que se inclúen tanto os do persoal laboral e a maquinaria como os dos elementos de produción. Trátase dunha medida na que debe de traballar o goberno, especificamente os ministerios de Agricultura, Traballo, Economía e Facenda, para establecer medidas específicas e de vixilancia dos oligopolios que controlan os insumos do sector agrario, para evitar a especulación de prezos e os custos inxustificadamente elevados para os agricultores.

Este debe complementarse cun plan de rescate para a agricultura continental, afectada polos baixos prezos ao produtor e os altos custos de produción. “É sintomático como, a pesar de que a campaña actual poida ser cualificada como positiva, pódese falar de crise. Isto fai necesarias medidas que amortigüen o potencial dano, como poden ser axudas directas ás explotacións, financiamento a custo cero ou exencións fiscais”, subliñan.

As reivindicacións do sector pasan pola reforma da Política Agraria Común. Nun momento no que se están iniciando os debates para a modificación da norma, desde ASAGA avogan por unha simplificación real, unha regulación dos mercados e un orzamento máis elevado. Ademais, é imprescindible apostar por unha política hidráulica con investimentos en construción e modernización de infraestruturas que permita mellorar a xestión dos recursos hídricos e a eficiencia no uso da auga, e que contemple ademais liñas de financiamento bonificadas e axudas directas para os sectores e territorios máis afectados pola seca.

Por último, chaman á suspensión da inclusión do lobo no LESPRE, a Listaxe de Especies Silvestres en Réxime de Protección Especial. A decisión, oficializada en setembro de 2021, toma unha nova vixencia tras a decisión no Convenio de Berna de rebaixar a protección do lobo na UE.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información