
Responsables da Asociación do Sector Primario de Galicia (ASPG) mantiveron unha xuntanza co director xeral da PAC e do Control da Cadea Alimentaria, Juan José Cerviño, e o delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo. Os membros do executivo galego reiteraron o apoio da Xunta aos agricultores e gandeiros galegos e explicaron a posición do Goberno galego en asuntos como o acordo UE-Mercosur ou a futura Política Agraria Común (PAC), que centran as protestas dos concentrados, que manteñen a súa protesta en Ourense desde hai unha semana.
Dende a Xunta sinalan, como a Asociación do Sector Primario, que “os produtos agroalimentarios de terceiros países deben cumprir os mesmos estándares de calidade, sanidade e benestar animal que os comunitarios, para non supoñer unha competencia desleal fronte o rigor dos produtores europeos en eidos como o da sustentabilidade”.
No tocante á PAC que se está a negociar, a Xunta sinala o seu “rexeitamento ante a nova proposta a partir de 2028, por supoñer unha perda de fondos, postura que se ten defendido tanto ante o Ministerio de Agricultura como en Bruxelas en sucesivas ocasións desde que se coñeceu a proposta. O Goberno galego estima que esta redución de orzamento sería de polo menos o 20 %”, se ben hai opinións discrepantes sobre eses cálculos.
Os representantes do executivo galego subliñaron que a proposta da PAC “ten un foco centralista, ao dispoñer dun fondo único para os estados membros que substituirá os dous piares diferenciados que existen na actualidade e que garanten medidas con repercusións moi beneficiosas para Galicia, como poden ser os programas de desenvolvemento rural. Uns fondos que, coa nova proposta, non quedarían garantidos.”, aseguran.
O director xeral da PAC lembrou que se lles propuxo aos membros do Consello Agrario a inmediata posta en marcha dunha comisión de traballo no seo deste órgano para actuar de xeito coordinado e defender o sector primario galego nas negociacións para concretar o Marco Financeiro Plurianual 2028-2032.
Outra das cuestións que a Asociación do Sector Primario prioriza é o control da Dermatose Nodular Contaxiosa. Nesa liña, a Xunta insiste en reclamar ao Ministerio de Agricultura máis coordinación, para levar a cabo medidas homoxéneas entre as diferentes comunidades, e que lidere no marco da UE unha vacina marcada que poida usarse de maneira preventiva. Ademais, de rexistrase algún foco en Galicia, o que se pide son indemnizacións contundentes.
Por outra banda, membros da Asociación participaron onte nunha cabalgata de Reis alternativa na cidade de Ourense, na que trataron de trasladar ao conxunto da cidadanía as súas preocupacións polo abandono que, din, sofre o medio rural.
A Asociación do Sector Primario xa ten previstas mobilizacións en diferentes puntos da provincia de Ourense ao longo do mes de xaneiro. Os membros da asociación -nacida ao abeiro dos lumes forestais de agosto- fan un chamamento ao resto de organizacións e asociacións de labregos e gandeiros para unirse ás protestas.
Previamente á reunión coa Xunta, os concentrados xa mantiveran outro encontro co subdelegado do Goberno.
Galego









Control OJD