Un grupo de tres gandeiros da directiva da cooperativa Cobideza visitou este martes a comarca ourensá da Limia para ver in situ a evolución dos cultivos de millo forraxeiro que por segundo ano consecutivo cultivan na zona.
En total, este ano participan 6 ganderías de vacún de leite da comarca do Deza que comprarán o millo forraxeiro ao agricultor Luis Carlos Fernández. Mediante un contrato entre ambas partes, o agricultor limiao comprométese a proporcionar aos gandeiros 2.000 toneladas de millo forraxeiro picado, cunhas calidades de arredor do 33% de amidón e cun prezo posto en destino de 54 euros a tonelada.
“O resultado do ano pasado foi moi bo e este ano repetimos porque a comarca da Limia, polas súas condicións climáticas, de grandes parcelas e de disponibilidade de regadío, permítenos acceder a unha forraxe de boa calidade”, destaca Román Santalla, presidente de Cobideza.
Os motivos que levaron aos gandeiros de vacún de leite do Deza a externalizar a produción de millo son variados: o máis común é o problema dos ataques dos xabaríns aos cultivos, pero tamén hainos que o fan por falta de tempo ou para reducir a superficie dedicada a este cultivo e só sementalo nas parcelas que aseguren o mellor rendemento. A partir de mediados de mes prevese que se inicie a colleita do millo forraxeiro na Limia con destino ás ganderías dezás.

Carlos Fernández, o agricultor que cultiva millo forraxeiro para os gandeiros de Cobideza, nunha das súas leiras