Un grupo de gandeiros das comarca do Deza chegaron a un acordo con agricultores da comarca da Limia para que estes lles cultiven millo forraxeiro para o seu gando. Trátase de seguir o modelo posto en marcha noutras zonas, como Covap en Córdoba, e externalizar a produción deste cultivo, que nos últimos anos reduciu as súas producións na provincia de Pontevedra debido aos ataques dos xabaríns e á seca estival.
Neste proxecto piloto participan dez ganderías, unhas socias da cooperativa Cobideza e outras afiliadas a Unións Agrarias, e 3 agricultores da Limia que producen pataca.
Neste primeiro ano o compromiso é producir na Limia 2.000 toneladas de millo forraxeiro
Os agricultores limiaos comprométense a producir neste primeira fase unhas 2.000 toneladas de millo forraxeiro, cunhas calidades mínimas do 30% de amidón e do 30% de materia seca. O prezo será variable en función das calidades e de se Cobideza realice tamén a colleita coa súa maquinaria ou non.
“Levamos xa tempo falando deste acordo e este ano deu os seus froitos cun contrato asinado entre as dúas partes. Vai ser beneficioso para ambos: aos gandeiros permitiranos asegurar unha produción de millo forraxeiro de calidade e en cantidade, aínda que seguiremos cultivar millo, pero soamente nas parcelas máis aptas e onde estea asegurado un bo rendemento, destinando as outras a herba ou a pastoreo. E para os agricultores da Limia vailles moi ben, pois permítelles rotar as parcelas co cultivo de pataca e cereais, evitando problemas fitosanitarios”, explica Román Santalla, presidente de Cobideza.
A comarca da Limia foi escollida tamén pola dispoñibilidade de regadío -farase mediante goteo- que asegura rendementos superiores ás 50 toneladas de materia húmida por hectárea, e polas boas comunicacións, a través da autovía A-52 e da AP-53, sen peaxes ata Lalín. Ademais, a dispoñibilidade de xurros gandeiros na comarca, fundamentalmente de porcino e de avicultura, permite baixar os custos de produción.
No acordo asinado, a parte de estipular o número de toneladas e os prezos, tamén se detallan as calidades e mesmo o calibre do picado. Se esta proba piloto funciona satisfactoriamente a intención das dúas partes é amplialo nos próximos anos.