Unha vintena de gandeiros de vacún de carne concentráronse esta mañá diante da oficina comarcal da Xunta en Lalín (Pontevedra) para reclamar axudas directas coas que paliar as perdas que están a sufrir pola crise sanitaria do Covid-19. O acto, organizado polo Sindicato Labrego Galego (SLG), contou coa participación de Samuel Formoso Salgado e Mari Carmen López Varela, responsables polo sector de vacún de carne na organización agraria, elixidos no último congreso celebrado no mes de abril.
Entre consignas reivindicativas, os gandeiros participantes informaron das súas peticións tanto a veciños como a outros produtores que se achegaban ás oficinas. Ademais, leron un manifesto que entregaron por rexistro para solicitar unha reunión urxente co conselleiro de Medio Rural, José González. Reclámanlle á Consellería axudas directas e urxentes orientadas a paliar as perdas derivadas pola caída dos prezos dende o inicio da pandemia.
“O sector da carne de vacún, con preto de 20.000 granxas en Galicia e sendo un dos principais sectores económicos que vertebra o rural, é un dos que máis sufriu o impacto do confinamento, cunha caída dos prezos que aínda non se recuperou e que á que agora se suman as subidas nos pensos, combustibles ou na luz”, valorou Formoso na concentración na capital do Deza.
Solicitan unha liña de pagos non sexa excluínte, logo de que as aprobadas pola Xunta en outubro do 2020 deixaran fóra a preto de 10.000 granxas con poucos animais. Os produtores reivindican que estas axudas en ningún caso sexan excluíntes por número de vaca nutriz, de maneira que compensen o diferencial entre o prezo baixo cobrado e o prezo normal, ó que se debería vender o becerro, sempre por encima dos custes de produción.
“A mellor maneira de activar estas axudas sería autorizar un pago adicional por becerro sacrificado vinculado á vaca nutriz, que permita equilibrar os prezos e facer un pago directo para aquelas explotacións compostas por persoas agricultoras a título principal (ATP), non sendo este pago inferior a 3.000 euros por ATP”, explicou López Varela durante o acto.
Dende o Sindicato Labrego indican que con estas fórmulas evitaríase a especulación con empresas ou industrias que non se dedican á profesión. O SLG reclama que Medio Rural bote man dos fondos sen gastar do Plan de Desenvolvemento Rural (PDR 2014-2020) para crear liñas de apoio ó sector da carne e resolver así esta situación.
Ordenación da cadea alimentaria e do territorio
Outra das medidas que reclaman dende o Sindicato Labrego é a ordenación da cadea alimentaria para evitar os abusos ós que, segundo denuncian, os está a someter a industria, que din que impón prezos á baixa. Reprochan que as actuacións da industria están detrás desta baixada de prezos ós produtores dende o comezo da crise sanitaria, mentres os consumidores seguen a pagar o mesmo pola carne. “É preciso establecer mecanismos reais que permitan outras vías de comercialización alternativa á industria, como a venda directa”, apuntan.
Tamén solicitan crear plans de ordenación territorial que permitan salvagardar e aumentar a superficie agraria útil, o que permitiría a estas ganderías, boa parte delas en extensivo, incrementar a súa base territorial, abaratar custes e non depender de insumos externos. “Galicia é a que menor superficie agraria útil ten de toda Europa, cun 21%”, concretou López Varela.