Gandeiros de Ternera Gallega Suprema comezan a vender os seus xatos para fóra de Galicia polos mellores prezos

A exportación de animais vivos cara a Marrocos está a provocar un efecto en cadea en todo o sector, elevando prezos e desprazando a compradores de Madrid ou Estremadura cara ao norte para asegurar o abastecemento

Tráiler cargado na provincia de Lugo becerros de explotacións galegas con destino a fóra da comunidade

Tráiler cargado na provincia de Lugo con becerros de explotacións galegas con destino a fóra da comunidade

Explotacións de vacún de carne integradas na asociación Gandeiros Galegos da Suprema están a comercializar directamente os seus animais para fóra da comunidade aproveitando o momento de alta demanda e suba de prezos provocado pola exportación de animais vivos cara a Marrocos.

Esta semana cargáronse dous tráilers cuns 40 animais cada un e os envíos continuarán tamén nas seguintes, segundo confirman desde a directiva da asociación, que é quen se está a encargar de levar a cabo as labores de organización das viaxes.

Somos xa case un cento de gandeiros os que estamos mandando animais para fóra

Os animais son cargados nas instalacións dos mercados de gando de Becerreá e A Fonsagrada con destino a Madrid ou Estremadura, onde son sacrificados para abastecer a distintas cadeas de supermercados.

Unha consecuencia da folga de entregas

A asociación Gandeiros Galegos da Suprema puxo en marcha este verán unha folga de entregas que durou desde o 30 de xullo ao 7 de setembro e que provocou unha acumulación dos xatos nas explotacións.

“Cando demos por finalizada a folga de entrega de animais, o 7 de setembro, celebramos unha nova Asemblea, como cada decisión importante que se toma na asociación, e por maioría decidiuse que había que buscar unha saída fóra aos animais”, explica Santiago Rego, presidente do colectivo.

Gandeiros Galegos da Suprema levaba tempo ameazando por abrir vías de comercialización para os seus xatos fóra da comunidade

“Aquí as industrias estaban convencidas de que se non mataban os nosos xatos durante a folga xa os matarían despois pagando un prezo menor, porque en moitos casos xa se pasaban da idade de sacrificio dos 10 meses para iren marcados como Suprema, por iso optamos por comercializalos fóra de Galicia”, indica.

Peso vivo

Desde Gandeiros Galegos da Suprema levaban tempo ameazando por tomar esta decisión se os matadoiros galegos non atendían as súas demandas, pero até agora non se concretara unha decisión deste tipo.

A decisión da asociación de comercializar directamente está a provocar un forte malestar nos tratantes

Os envíos, que se iniciaron trala finalización da folga, continuaron nas seguintes semanas, cuns 400 animais enviados até o de agora nuns 10 tráilers. “Nós o que facemos é poñer os animais no punto de carga, pésanse na báscula do mercado e súbense aos camións. No momento de cargar faise a factura e o talón e ao día seguinte vas ao banco e cobras”, explica Santiago.

 “Os prezos son mellores que os de aquí e ao pagar por peso vivo obtemos maiores ingresos. Cada vez hai máis gandeiros interesados, non só da provincia de Lugo, senón da Coruña. Trouxeron animais incluso desde Malpica e estamos estudando establecer outros puntos de carga para facilitar o transporte dos xatos”, indica Santiago.  

Non pode ser que o gandeiro non cobre por determinadas partes do animal, como o rabo, a riñonada, os callos ou a lingua, que despois os matadoiros si comercializaban

“Unha das cousas que sempre pediamos era que os nosos animais foran vendidos a peso vivo, para que non estiveramos a expensas do rendemento da canal por parte do matadoiro, e despois que cada un lle faga o tipo de presentación á canal que queira. Non pode ser que o gandeiro non cobre por determinadas partes do animal, como o rabo, a riñonada, os callos ou a lingua, que despois eles si comercializaban. Co peso vivo o que se consegue é que o gandeiro poida cobrar realmente polo animal que ceba”, defende.

Non desabastecer o mercado galego

Unhas 300 ganderías apuntáronse para facer a folga de entregas en agosto, aínda que despois o seu seguemento foi desigual. “O que pretendiamos coa folga de entregas era un entendemento entre a produción, a industria e a distribución”, explica o presidente de Gandeiros Galegos da Suprema.

O que pretendiamos coa folga de entregas era un entendemento entre a produción, a industria e a distribución

A nosa intención non é sacarlle os animais aos matadoiros de aquí; nós non queremos desabastecer o mercado galego, pero si que valoren os nosos xatos como se merecen. Esta semana mandamos un tráiler para o matadoiro do Baixo Miño, que tiña falta de animais, e foron a peso vivo; é a primeira vez que se consegue”, destaca.

“Sentimos que os nosos xatos son valorados”

“Fóra de Galicia hai aceptación e demanda dos nosos animais. Tratamos de mandar os camións o máis homoxéneos posibles, porque en función das características que teñan van para un lado ou para outro. Estivemos mandando animais para Cáceres e sentimos que os nosos xatos son valorados. En Estremadura hai xatos, pero non teñen nada que ver cos que temos aquí. Están cargando e dicindo que os nosos animais son espectaculares por conformación e engraxamento”, salienta.

A saída de xatos para fóra está a tirar tamén das cotizacións á alza dentro de Galicia, con prezos que chegan a 6,5€ kg/canal nalgunha industria

Desde a asociación Gandeiros Galegos da Suprema están doídos porque desde o Consello Regulador da Indicación Xeográfica Protexida Ternera Gallega, á que pertencen, ninguén se puxo en contacto con eles nin durante a folga de entregas nin agora que están mandando os seus animais para fóra da comunidade. “Non dixeron, nin din nada. Algo terían que preguntarse e reflexionar”, argumentan.

“Ao mandar para fóra perdemos o selo de Ternera Gallega e a axuda dos 200 euros da Xunta, pero recuperámolo no prezo da carne que cobramos. As explotacións onde teñen que ser rendibles é pola vía do prezo de venda dos xatos; é o que sempre defendemos”, conclúe Santiago Rego.

“O gandeiro é dono do xato e pode vendelo onde queira”

Jesús González é o presidente do Consello Regulador la IXP Ternera Gallega

Jesús González defende a liberdade das explotacións para comercializar os seus animais

Jesús González, presidente do Consello Regulador de Ternera Gallega, respecta a decisión dos gandeiros que están a comercializar os seus animais fóra da marca pero pídelles que miren a longo prazo e non se deixen levar por unha coxuntura puntual de mercado como a actual.

“Pouco hai que opinar. É unha cuestión de prezo e de liberdade de mercado. Cada un compra onde quere e vende onde quere e o gandeiro é o dono do xato e pode vendelo onde queira, ninguén lle vai cuestionar iso e desde o Consello Regulador en ningún caso. Para nada quero contradicir a decisión do gandeiro”, afirma Jesús, que prefire non xerar polémica nin susceptibilidade.

Calquera cousa que poidamos dicir desde o Consello Regulador é meternos en casa allea

“Calquera cousa que poidamos dicir desde o Consello Regulador é meternos en casa allea, pero vender a voo era como se vendía fai 50 anos e se se fai a peso vivo hai que pactar os rendementos. Respecto aos gandeiros que queiran vender así, pero é dar un paso para atrás. Como se vende nas lonxas de toda España é a quilo canal, que é como se garante maior transparencia. Pero isto é un mercado libre. O gandeiro pode vender como queira, ao prezo que queira e para onde queira”, reitera.

Vender a voo é retroceder 50 anos e se se fai por peso vivo hai que pactar os rendementos

“Se prima só o prezo, cada un vende a quen mellor llo pague, pero tamén hai aspectos de fidelidade que hai que poñer na balanza. Non debemos deixarnos arrastrar por 10 ou 15 céntimos en quilo, porque non hai unha diferenza de prezo significativa para xogar a dar bandazos. Podía haber 20 céntimos de diferenza hai un mes, pero agora esa diferenza estase moderando, porque aquí empezouse a subir en setembro e no resto de España xa en agosto, hai un mes de desfase”, recoñece o presidente de Ternera Gallega.

A exportación a Marrocos aumentou a demanda

España exportou tradicionalmente xatos a países do norte de África, como Alxeria, Libia, Tunicia ou Líbano, pero o elemento que está a desequilibrar o mercado neste momento é o aumento das exportacións de animais vivos con destino a Marrocos.

“O da carne era un mercado que podiamos calificar de estable, pero con estes movementos do norte de África (carne conxelada para Alxeria e animais vivos para Marrocos) volveuse inestable. O efecto de Alxeria non desequilibra tanto porque ao ser carne conxelada pode chegar desde outros destinos, por exemplo de Centroeuropa, pero o de Marrocos si. Non é o mesmo levar un camión de xatos a Marrocos desde Polonia que un barco desde España”, razoa o presidente de Ternera Gallega.

Mercar gando vivo é unha decisión do Goberno marroquí que favorece a importación de gando español

Coa saída de gando cara o norte de África no mercado de gando vacún español houbo este verán un repunte “veloz” do prezo que tardou en trasladarse a Galicia. “Aquí estamos nunha punta e esa revalorización foi máis lenta, pero esa subida que comezou en Andalucía e Estremadura tamén está chegando ao norte de España”, indica Jesús.

O mercado galego tardou en reaccionar

Admite, sen embargo, que o mercado galego tardou máis dun mes en activar a suba de prezos con respecto a outras mesas de Prezos como a de Binéfar ou a de Salamanca. “O gando estase pagando ben tamén en Galicia; estase pagando ben en todos os sitios. Agora ningún gandeiro se queixará de que perde cartos, venda onde venda, porque os custos de produción (penso e palla) baixaron e os prezos de venda dos xatos son bos”, asegura o presidente da IXP.

O gando estase pagando ben tamén en Galicia; agora ningún gandeiro se queixará de que perde cartos, venda onde venda

“Hai unha saída de gando para Marrocos que está provocando unha evolución dos prezos á alza en toda España porque hai déficit de gando; se se sigue exportando gando, o efecto da oferta e demanda vai continuar”, di o presidente de Ternera Gallega, que augura unha nova suba na Mesa de Prezos para a vindeira semana, tras acumular xa varias xornadas á alza.

Historicamente os prezos que hai aquí son iguales ou mellores aos do resto de España

“Historicamente os prezos que hai aquí son iguales ou mellores aos do resto de España. Non é bo entrar neste xogo porque isto é unha cuestión puntual e non debemos deixarnos levar por situacións puntuais do mercado que non sabemos canto van durar”, argumenta.

Non deixar sen carne aos supermercados galegos

Jesús defende que “o ideal sería que o mellor prezo se pagara en Galicia” e recoñece que “coa falta de animais que hai”, se sae gando de Galicia para fóra “iso vai facer que os que vendan aquí os seus xatos se vexan tamén beneficiados”, pero pide “aplicar a lóxica e non deixarse levar por oportunismos”.

O ideal sería que o mellor prezo se pagara en Galicia

“Para min isto de mandar xatos para fóra pode ser pan para hoxe e fame para mañá. O máis lóxico sería abastecer o mercado galego e as cadeas de distribución galegas, que son as que sempre apostaron por Ternera Gallega e polo gando de aquí. Temos convenios con cadeas de supermercados, algúns desde fai máis de 20 anos e en condicións de exclusividade, para que nos seus lineais só haxa carne galega. Neste momento é bo pensar nos que sempre apostaron por Galicia. Non me parece o máis lóxico cambiar 20 anos pola situación actual dos últimos 2 meses”, argumenta.

Se os supermercados non teñen carne aquí terán que traela doutros lados; estámoslles abrindo esa porta

“Temos acordos con algúns supermercados para que non haxa outras carnes, pero se non teñen carne aquí terán que traela doutros lados. Estámoslles abrindo esa porta. No inmediato, pode ser positivo vender xatos fóra, porque crea un efecto de demanda que fai que o prezo se acelere tamén aquí, pero pode ser contraproducente a longo prazo. Se non atendemos o mercado que temos estamos abrindo as portas a outras carnes”, reitera.

Unha cuarta parte dos animais marcados non se certifican

“O Consello Regulador nunca impediu vender animais por fóra das vías que son certificadas. A decisión está nas mans dos gandeiros”, asegura Jesús. “Os que se maten aquí seguiremos certificándoos e os que se maten fóra non, como se fixo até agora”, explica.

En setembro sacrificáronse máis animais do habitual polo fin da folga de entregas e da exención até o día 30 da obriga de vacinación contra a lingua azul

En relación ao impacto que o sacrificio fóra de Galicia de animais marcados como Suprema poida ter sobre a marca, explica que o Consello Regulador está mantendo unhas cifras de actividade similares a outros anos nesta época do ano.

 “Acabamos o mes de setembro con 500 canais certificadas máis con respecto ao mes de setembro do 2023 e en agosto, o mes da folga, estivemos en niveis normais. En outubro imos cunhas cifras parecidas ás do ano pasado, polo de agora non notamos merma”, di.

Márcanse de 135.000 a 140.000 xatos ao ano entre TGS e TG e certifícanse de 100.000 a 105.000 canais

“O Consello Regulador xa non certificaba o 100% das canais. Marcamos entre 135.000 e 140.000 xatos ao ano entre TGS e TG e certificamos entre 100.000 e 105.000 canais. Nós estamos convivindo con esta situación, o sector autorregúlase e estanse certificando canais que antes non se certificaban porque se vendían directamente a carnicerías ou se destinaban para autoconsumo”, asegura.

Riscos no horizonte: suba do produto final e caída no consumo

“Estamos nun mundo globalizado e Galicia forma parte dese mundo globalizado. O mercado sempre tende a buscar o equilibrio e cabe a posibilidade de que entre en España carne conxelada de Sudamérica ou Centroeuropa. Todo depende de canto tempo se manteña a exportación a Marrocos. Pódense provocar movementos en cadea”, prognostica.

O mercado sempre tende a buscar o equilibrio e cabe a posibilidade de que entre en España carne conxelada de Sudamérica ou Centroeuropa

“As consecuencias de todo isto é que subirá a carne ao consumidor español”, augura Jesús, que dúbida se o consumidor vai asumir esa suba de prezo ou se optará por pasarse a outras carnes máis baratas, como a de porco ou a de polo. “Se o prezo sobe e cae o consumo é outra maneira de estabilizar o mercado. É outro dos riscos que temos no horizonte. A cuestión é ver canto tempo tarda o mercado en estabilizarse de novo”, conclúe.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información