Gandeiros de Pontevedra únense para recuperar a rubia galega orixinal e mellorar a comercialización da carne

rubia do pais pontevedra rodeiro 1Vacas de máis lonxitude, máis altas, coa traseira recta e con boa produción leiteira. Así definen os membros da Asociación Gandeira de Rubia Galega do País (AGRGP) a vaca rubia galega orixinal. A asociación considera que o traballo de mellora xenética e de certificación de animais que se fixo nas últimas décadas levou a que esas características se fosen perdendo en favor de exemplares máis voluminosos pero con maiores dificultades de parto ou menos capacidade para criar os xatos acabados de nacer. Nunha xuntanza celebrada este sábado no Centro Cultural Manuel Lamazares de Rodeiro, os membros da asociación presentaron as súas estratexias para a recuperación da raza orixinal.

“Non se trata de desfacer o que xa está feito senón de abrir novas posibilidades de manexo, selección xenética e produción para a raza rubia. Cada explotación decide o que quere facer e nesta zona estamos convencidos de que a orixinal debe ser a nosa aposta”, explicou Alberto Hermida, presidente da AGRPG. Dende a asociación afirman que durante anos moitos exemplares quedaron sen certificar como rubia galega porque non se axustaban ao 100% aos parámetros que fixa a Asociación de Criadores de Rubia Galega (ACRUGA), que é a principal organización do sector.

O primeiro paso para a recuperación desas características orixinais sería a observación nas granxas para identificar os exemplares que aínda as manteñen. Así, buscan fórmulas de colaboración coa propia ACRUGA ou coas administracións públicas que permitan a contratación dun ou máis técnicos que leven a cabo ese labor de localización e identificación dos animais. “Sabemos que hai vacas de moi alta calidade que quedaron sen certificar por criterios que cremos pouco axeitados. Esas vacas están fóra do libro xenealóxico e, dese xeito, non se pode traballar cunha cobertura administrativa para abordar o traballo xenético que queremos levar adiante. E, por outro lado, son animais que quedan excluidos das subvencións por mantemento da raza.”, afirmou Hermida.

A creación dunha reserva de embrións ou levar a cabo unha análise dos touros máis acaídos para facer os acoplamentos que permitan a recuperación da liña orixinal foron outras das propostas dos gandeiros presentes na xuntanza.

Momentos antes da reunión deste saábado.

Momentos antes da reunión deste sábado.

Por outra banda, a AGRPG reclama máis apoio para os produtores de rubia galega da provincia de Pontevedra por parte da Deputación Provincial. “A Deputación de Lugo leva décadas colaborando cos criadores da provincia e mesmo concede axudas directas as explotacións e patrocina poxas e concursos. Nós reclamamos un grao de implicación similar, tendo en conta que temos recursos como a granxa de Mouriscade, na que se pode levar adiante parte dese traballo en xenética que queremos promover. Xa mantivemos algunha xuntanza para desenvolver proxectos e cremos que hai boa sintonía”, recoñeceu o presidente da asociación.

Na xuntanza analizouse a situación do mercado e o momento actual da comercialización da carne. Os responsables da AGRPG mantiveron conversas con diferentes industrias para explorar fórmulas que permitan vender a carne de forma conxunta, reducindo os custos de recollida e cun prezo que recoñeza os métodos tradicionais de crianza. Polo de agora non houbo compromisos concretos pero seguen as negociacións. Os gandeiros participantes sinalaron que é moi difícil competir cos cebadeiros á hora de proveer a industria e a distribución. A falta de superficie para cultivos forraxeiros e o pequeno tamaño das explotacións impide garantir un fluxo constante de animais ao longo do ano e que eses animais presenten unhas características uniformes en canto a peso e conformación da carne.

Tamén se propuxo a posibilidade de vender os animais cando xa superan os doce meses de idade, chegando incluso ata os quince, o que en Castela se coñece como “añojo”. Algunhas industrias están recuperando a fórmula de pagar polo peso do exemplar vivo e a partir dos doce meses é cando os becerros medran máis e aportan máis carne.

Os asistentes acordaron tamén establecer contactos con gandeiros das provincias de Ourense e A Coruña para buscar fórmulas de colaboración que permitan sacar adiante esas propostas en traballo xenético e comercialización. “Lugo concentra o 75% da carne de rubia galega e eso dalle un poder de decisión que nós non temos. Algo lóxico. O que queremos non é quitarlle nada a ninguén senón establecer alianzas que permitan a mellora de todos, xa que todos somos sector.”, concluiu Hermida. Nese sentido, cómpre destacar que na xuntanza participou un representante da asociación agraria Elas Eles, recentemente constituida.

Finalmente, a AGRGP traballa xa na vindeira edición en Rodeiro da Feira da Rubia Galega do País. Un evento que se recuperou o pasado mes de outubro logo de 17 anos sen celebrarse.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información