A gravidade da crise láctea está a plasmarse en importantes mobilizacións do sector non só en Galicia senón tamén noutras comunidades, caso de Castilla, onde hoxe arrancou a Marcha Branca, unha protesta que levará ós gandeiros desde León a Madrid en 12 etapas. Os produtores, que se irán relevando de etapa en etapa, demandan que o Ministerio de Agricultura arbitre un acordo similar ó adoptado en Francia, de xeito que se logre unha recuperación do prezo en orixe do leite.
A protesta está impulsada polas cooperativas de Castilla (Urcacyl) e polas organizacións agrarias Unión de Campesinos de Castilla y León (UCCL), Organización de Productores de Leche (OPL) e Asaja. Máis dun cento de gandeiros comezaron hoxe a Marcha en León, onde antes de partir fixeron un reparto gratuito de leite entre veciños e autoridades.
A táboa reinvindicativa da protesta fai énfase na necesidade de impulsar un acordo entre gandeiros, industrias e distribución e advirte da necesidade de equilibrar a capacidade negociadora entre as partes. O impulso a relacións contractuais serias e a eliminación de prácticas perxudiciais para o sector, como o uso do leite na distribución a modo de produto reclamo, son outras cuestións destacadas nas reinvindicacións agrarias.
Os gandeiros de Castilla y León, igual que os galegos, tamén chaman a atención sobre a necesidade de evitar a deslocalización da produción de leite, tendo en conta a importancia do sector lácteo nos diversos territorios de España.
Protestas en Galicia
En Galicia, o calendario de protestas continúa mañá martes a partir das 12 horas cunha nova mobilización comarcal en Sarria. Para o xoves 27 está prevista en Teixeiro a que será a oitava e última das protestas que se están celebrando nas comarcas gandeiras de Galicia.
As mobilizacións continuarán na vindeira semana cunha manifestación e tractorada en Lugo o 3 de setembro. O 7 de setembro haberá unha tractorada en Santiago, coincidindo coa reunión dos ministros de Agricultura da UE en Bruxelas; e para o 10 de setembro anúnciase unha gran manifestación en Santiago, previsiblemente horas antes da reunión que manterá o conxunto do sector lácteo en Madrid. Entre medias, para o 9 de setembro, están anunciadas accións sindicais directas que non foron concretadas.