Gandeiros de Asoporcel visitaron a devesa salmantina para coñecer as prácticas de cría e manexo da raza porcina ibérica

Participaron nesta xornada práctica un total de 36 persoas, entre os que se incluían 30 gandeiros pertencentes a Asoporcel. Tiveron a oportunidade de coñecer in situ o manexo reprodutivo nunha granxa de porcos ibéricos e afondaron no método de traballo na fase de montanera.

porco celta salamancaA Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), en colaboración coa Asociación de Criadores da Raza Porcina Celta (Asoporcel), organizou o pasado sábado, 16 de novembro, unha xornada práctica na devesa salmantina na que participaron un total de 36 persoas, entre os que se incluían 30 gandeiros pertencentes a Asoporcel.

A xornada permitiu aos asistentes coñecer de primeira man as prácticas innovadoras de manexo e alimentación empregadas en dúas ganderías de porco ibérico situadas en Castraz e Fuentes de Oñoro. A primeira parada foi nunha granxa de porcos ibéricos, onde coñeceron o sistema de manexo reprodutivo da piara, mentres que a segunda consistiu nunha visita a unha devesa, na que puideron afondar na dinámica da montanera, a última fase de cebado destes animais. Durante a xornada, púxose o foco, así mesmo, no manexo en silvopastoreo, na inclusión de forraxes na dieta, e na alimentación individualizada de nais reprodutoras e animais en fase de cebo.

Segundo os representantes de Asoporcel, este tipo de actividades son fundamentais para observar in situ técnicas que poden ser adaptadas ao manexo da raza Porco Celta en Galicia. A aprendizaxe sobre sistemas de alimentación sostible e a integración de prácticas que melloren a eficiencia produtiva contribúen á modernización das ganderías galegas, ademais de promover unha maior sustentabilidade e respecto polo medio ambiente.

“A visita foi unha oportunidade excelente para que os gandeiros galegos puideran ampliar os seus coñecementos sobre prácticas innovadoras que melloran a xestión e a produtividade das ganderías. O obxectivo é aplicar estas aprendizaxes ao Porco Celta, para potenciar o seu manexo e alimentación de forma eficiente e sostible”, afirmaron os voceiros de Asoporcel.

porco celta salamanca 2

Esta iniciativa, enmarcada no Plan de Transferencia Tecnolóxica 2024, foi cofinanciada polo Feader, o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, e a Comunidade Autónoma de Galicia. Segundo destacaron dende a asociación, actividades coma estas reforzan o compromiso das entidades organizadoras co desenvolvemento e capacitación dos profesionais do sector, contribuíndo a un futuro máis prometedor para a produción porcina en Galicia. A participación activa dos gandeiros e o seu interese por mellorar as súas prácticas evidencia o valor de continuar con este tipo de propostas de transferencia de tecnoloxía e boas prácticas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información