Gandeiros de Acruga piden por escrito unha asemblea para votar a “inhabilitación da directiva”

Un grupo de produtores considera que o presidente, César Dorado, e o seu equipo, incurriron nos últimos anos nunha serie de faltas estipuladas no réxime interno da Asociación, polo que demandan unha asemblea para votar as sancións que procedan

Gandeiros de Acruga piden por escrito unha asemblea para votar a “inhabilitación da directiva”

Gando de Rubia Galega. / Arquivo.

Esta mañá está previsto que un grupo de socios da Asociación de Criadores de Rubia Galega (Acruga) rexistre un escrito na sede do colectivo para solicitar unha asemblea de urxencia. Os gandeiros promotores da iniciativa interpretan que o presidente de Acruga, César Dorado, incurriu nos últimos anos nunha serie de faltas estipuladas no réxime interno da Asociación, polo que, “de acordo co regulamento de Acruga”, piden celebrar unha asemblea na que os socios poidan votar a “inhabilitación da directiva”.

O descontento vén motivado polo que definen como un “hartazgo xeral” coa liña de traballo de Acruga, ao que se une a actual crise de prezos de Ternera Gallega Suprema, da que tamén culpan á IXP. Os gandeiros firmantes do escrito, que prefiren non facer públicos os seus nomes, sosteñen que actúan en representación dun amplo número de socios, “que non dan o seu nome por temor a represalias”.

Unha das faltas “moi graves” que os gandeiros firmantes lle achacan á actual directiva é o “incumprimento das decisións aprobadas en asemblea xeral”, segundo explica un dos seus portavoces, que pon o exemplo dun acordo adoptado en asemblea hai dous anos “polo que se lle prohibía ós socios de Acruga ter touros doutras razas, pero non foi ata hai un mes cando a directiva lle enviou unha carta ós socios para transmitirlles ese acordo, aprobado xa hai dous anos”, relatan.

Recría
Entre os socios das provincias da Coruña, Pontevedra e Ourense existe tamén malestar pola falta de axudas para a recría de xovencas, que si que teñen os gandeiros socios da provincia de Lugo, grazas a unha subvención da Deputación provincial a Acruga. Esa diferenza de apoios xera agravios comparativos, pois por exemplo un gandeiro da provincia da Coruña que cría este ano 22 xovencas podería ter recibido 3.000 euros en apoios de estar na provincia de Lugo, segundo relatan os promotores da iniciativa contra a directiva de Acruga, que “consideran que hai unha mala xestión” no equipo que lidera a Asociación.

A cuestión de fondo, argumentan, é que está en xogo o futuro das ganderías de Rubia galega, pois “traballar con raza pura non aporta ningún beneficio económico, salvo que vendas becerras para vida”, cuestionan. “Para un gandeiro novo que comece sairíalle máis barato crear un rabaño de cruces e vendería os xatos polo mesmo prezo ca nós”, valoran.

Prezos
A crise de prezos provocada polo coronavirus é unha cuestión da que os gandeiros tamén culpan á Indicación Xeográfica Protexida Ternera Gallega, pois sosteñen que se acurtou o diferencial que se paga entre os xatos de Ternera Gallega Suprema e os dos cebadeiros. “As ganderías de Rubia Galega de Ternera Gallega Suprema somos as que aparecemos en tódalas fotos promocionais da IXP, nunca se usan imaxes de cebadeiros, pero á hora do prezo, non hai unha diferenza suficiente nin o consumidor é consciente da carne que está mercando. Servimos para branquear a imaxe de Ternera Gallega”, consideran.

Xestión
Os promotores da iniciativa contra a directiva de Acruga acusan tamén a César Dorado de actuar “por amiguismos, xerando discriminacións no trato que reciben os socios por parte de Acruga”. Cuestionan igualmente a política laboral do colectivo, pois no último ano din que cesaron no seu cargo dúas secretarias técnicas da Asociación, “que é o posto de xestión máis importante en Acruga”.

Proceso
Todo ese descontento plásmase nun escrito no que piden unha asemblea xeral para votar a inhabilitación da directiva. “O mellor que podería pasar é que a directiva dese un paso a un lado e convocase un proceso electoral, sen voto delegado e con mesas electorais nas catro provincias”, manteñen.

O presidente de Acruga, César Dorado, gañou as últimas eleccións no 2018 cun 54% dos votos, polo que en teoría o seu mandato está en vigor ata o 2022. Dorado é presidente de Acruga desde o ano 2005, repetindo victoria en tódolos procesos electorais ós que se someteu, se ben nalgún deles, como no do 2014, por estreitas marxes, naquel ano de só 20 votos. Nas últimas eleccións, Dorado gañou con maior holgura, xa que enfronte tivo dúas candidaturas nas que se dividiron os votos ‘da oposición’.

Os gandeiros que presentan hoxe o escrito contra a actual directiva sosteñen que están á marxe das candidaturas que concurriron ás últimas eleccións de Acruga, coas que din compartir algunhas ideas, pero non outras relativas á xenética da raza, “pois en Rubia Galega hai que manter unha diversidade xenética, con gando de diverso tamaño e adaptado a distinta orografía, montaña e chaira”, valoran.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información