Gandeiría O Porto, un referente en cabalo Hispano-Bretón

Gandeiría O Porto cría en plena Serra do Xistral cabalos Hispano-Bretóns, unha raza pouco estendida en Galicia, de alto rendemento cárnico e gran docilidade para o manexo. Natalia Carballal, a continuadora dunha saga familiar de criadores de cabalos, fai un percorrido pola súa gandeiría.

Gandeiría O Porto, un referente en cabalo Hispano-Bretón

Natalia con Moro, o garañón da manda

Estamos no alto da Gañidoira, na Serra do Xistral, unha paisaxe única en Galicia de turbeiras e pradeiras dun verde especial, humedecidas polas néboas do Mar Cantábrico que case se albisca no horizonte. Estes pastos permiten alimentar durante case todo o ano á numerosa cabana gandeira desta parte do concello de Muras.

É nesta serra na que dende hai tres xeracións pacen os cabalos de O Porto Gandeiría, uns auténticos titáns de raza Hispano-Bretón que chegan a superar os 800 kilos de peso, máis do dobre que un cabalo de Pura Raza Galega.

Natalia Carballal Candia, neta de tratante e filla do propietario desta gandeiría, está decidida a tomar o relevo, axudada pola súa formación como enxeñeira técnica agrícola e polos estudos de veterinaria que está a cursar, pero sobre todo impulsada pola súa paixón por estes cabalos, cuxas vidas vai retratando día a día a través das redes sociais.

Unha raza rústica e de gran docilidade

Segundo explica Natalia, “ meu avó, meu pai e meus tios empezaron a traer animais de raza Hispano-Bretón doutras comunidades españolas a mediados dos anos 80”. “Esta raza -engade- é producto dos cabalos Bretóns que utilizaba o exército para o arrastre de armamento e que se cruzaron cos cabalos españois do momento, creándose a raza Hispano-Bretón”.

Valora especialmente que “é unha raza cun comportamento tranquilo e dócil, moi rústica, con facilidade de parto e moi produtiva”. Proba diso é que os cabalos están no exterior todo o ano, resistindo sen problemas o inverno, alimentándose de pasto e monte baixo, e cun suplemento de herba seca durante o inverno.

Neste momento contan con 24 eguas e 13 poldros que pacen nunha finca dunhas 80 hectáreas, das que 20 están arboradas, 22 son de pastos e o restante de monte baixo. O garañón, “Moro”, é un impresionante exemplar que mercaron nos Picos de Europa, en Cantabria, unha das comunidades, xunto con Asturias e Castela e León, nas que máis está estendida este tipo de raza. Loce unhas longas crins negras, que ao igual que o resto da manda, non lle cortan xa que os protexen tanto dos insectos como das inclemencias do tempo.

As eguas – Carina, Pelos, Gitana, Cubana, Silvia ou Jara- paren tras 11 meses de xestación , nos meses de abril e maio, e uns 7-10 días despois xa volven entrar en celo. Os poldros maman das nais ata os 6 meses, momento no que se fai o destete, e non realizan cebo.

Unha carne rica en Omega 3 e de alto valor proteico

O Porto Gandería vende cada ano uns 15 poldros, tanto para carne como para vida e ,en ocasións, algunhas femias quedan para recría na explotación.

No caso dos poldros que van para sacrificio, cada canal acada un peso medio aproximado duns 150 kilos aos 6 meses.

Realizan venda directa, tanto a particulares como a carnicerías da comarca. A supresión de intermediarios permítelles obter uns prezos por riba do que solen pagar os tratantes e que está a desincentivar a cría de gando cabalar en Galicia.

En O Porto Gandeiría cren que o futuro está na venda directa e na transformación dos produtos para quitarlle valor engadido. Non é difícil facelo cunha carne, a de cabalo Hispano-Bretón, que, segundo explica Natalia, “é máis tenra e saborosa e con menos graxa”. Ademais, lembra que “a carne de poldro en xeral, ten moita proteína, é rica en ferro e Omega 3 e está recomendada para todas as idades, especialmente para as persoas que practican deporte e para aquelas que padecen problemas cardiovasculares e cancro”.

 Realizan venda directa, cuns prezos maiores ao evitar intermediarios

Estas características, unidas a unha alimentación totalmente natural, cun modo de produción sustentable e respectuoso co medio, “permiten que en O Porto Gandeiría consigamos vender cada ano sen problema toda a nosa produción”.

A outra vía de comercialización é a venda de poldros e eguas para vida, “xa que se trata dunha raza de gran docilidade e moi apta para a realización de traballos agrícolas, de tiro..etc”, asegura Natalia.
Neste sentido, destaca que teñen compradores de toda Galicia, “as últimas foron para Pontecesures e para A Cañiza”.

Coidado das pradeiras

En canto á base de alimentación destes cabalos, o pasto, Natalia explica que “as pradeiras son naturais e permanentes. Facemos encalado e aportamos materia orgánica en espacios separados de tempo, alternando as parcelas”. Sendo un solo ácido e pouco traballado, calquera labor e emenda orgánica “nótase moito no crecemento da herba”.

En O Porto Gandeiría teñen previsto continuar nesta liña de prestarlle máis atención ao coidado das pradeiras. Así, “temos previsto buscar unha mestura de sementes para combinala coa pradeira natural que temos; e tamén queremos facer rotación, dividindo a finca para que os cabalos pazan máis no monte e non escollan sempre a pradeira”.

Rede Natura e ataques da fauna salvaxe

Xunto ao baixos prezos, un dos pesadelos dos propietarios de gando cabalar en Galicia son os ataques dos lobos, que dezman as mandas cada ano. A este respecto, outra das vantaxes que salienta Natalia da raza Hispano-Bretón é que “se trata dunha raza de cabalo que se defende moi ben, mesmo fronte ao lobo”. Deste xeito, asegura que “as baixas son moi ocasionais: o ano pasado tivemos dúas mortes de poldros, unha por ataque de lobo e outra polos voitres, que atacan aos poldros cando nacen”.

“A raza Hispano-Bretón deféndese mellor fronte aos ataques do lobo”

Onde si atopa máis obstáculos para o desenvolvemento da gandería é na Rede Natura. A súa explotación está nunha zona proposta para a ampliación desta figura legal de conservación da natureza. Porén, recoñece que “tal e como se está xestionando e como se concibe, neste momento vemos a Rede Natura máis como un inconveniente para o gandeiro que unha vantaxe”. Así, critica que “por exemplo, limitaríanos á hora de facer rozas no monte, cando é algo necesario para rexenerar o terreo, para evitar incendios e para quitar rendibilidade ás fincas”.

Malia os obstáculos, Natalia Carballal Candia, terceira xeración de gandeiros, titulada en Enxeñería Técnica Agrícola e cursando a carreira de Veterinaria, afirma convencida que “quixera seguir vivindo dos cabalos porque gústame este tipo de gando, desfruto estando entre eles e é unha produción agradecida que tampouco require unha dedicación a tempo completo”.

O futuro de gandería en Galicia pasa por mozas e mozos que, como Natalia, están formadas e elixen continuar cunha tradición milenaria para ofrecerlle ao conxunto da sociedade alimentos sans e saudables.

Natalia cunha égua e o seu poldro

Una idea sobre “Gandeiría O Porto, un referente en cabalo Hispano-Bretón

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información