Gandeiría Carreira leva moitos anos facendo mellora xenética e o nivel do seu rabaño así o demostra. Esta explotación familiar situada en Penaxubeira, na parroquia de Cervela, pertencente ao concello lucense do Incio, mantén unha media de cualificación morfolóxica de 82,3 e 3.341 puntos ICO e unha produción por vaca de máis de 44 litros diarios.
Manuel López e María Teresa González atenden os 126 animais desta gandaría coa axuda da súa filla Sonia e do seu mozo, Diego, que teñen intención de incorporarse á explotación para garantirlle un relevo de cara aos vindeiros anos. O mimo e o coidado co que entre os catro tratan ás súas vacas vese reflectido na calidade do seu leite, cun reconto medio de células somáticas en todo o 2019 de 102.000.
A nosa é unha explotación pequena pero ben atendida, procuramos sacar o mellor rendemento posible ás nosas vacas
“A nosa é unha explotación pequena pero ben atendida, procuramos sacar o mellor rendemento posible ás nosas vacas”, afirma Manuel. A media do control leiteiro do mes de xaneiro, con 54 animais en produción, foi de 44,5 quilos por vaca e día, con animais como Nieve, Espuma ou Gala pasando dos 60 litros.
Nesta gandaría o trato é personalizado e todas as vacas teñen nome. “Lévano na chapa, xunto ao do pai e ao da nai”, explica Marité. Dalia, por exemplo, leva 5 partos e 95.000 litros de leite producidos. “É a mellor vaca do establo, ten 81 puntos de cualificación morfolóxica pero é boa porque nunca un problema deu e témola chegado a secar dando 44 litros”, di.
A media total da explotación o ano pasado foi de 15.236 litros (12.651 de produción normalizada), co 3,61% de graxa e o 3,20% de proteína, cunha produción normalizada nas vacas adultas de 14.140 litros ao 3,52% de graxa e ao 3,18% de proteína e nas primeirizas de 11.621 litros con 399 días en leite cunha media de graxa do 3,68% e de proteína do 3,21%.
Necesidade de altas producións por falta de sitio
A capacidade da nave de produción condiciona o número de animais en muxidura, que oscila entre 55 e 60, polo que a súa estratexia pasa por ter vacas de alta produción para rendibilizar ao máximo as prazas dispoñibles. No ano 2018 estiveron entre as 20 mellores explotacións de Galicia e no 2017 foron a segunda gandaría da provincia de Lugo con maior produción estando con dúas muxiduras (13.700 litros).
Temos máis animais ca cubículos, ese é o motivo de non ter máis produción
O ano pasado pasado baixaron e aínda non deron recuperado de todo ese nivel que tiñan. “No 2019 tivemos 60.000 litros menos que no 2018, uns 800 litros menos por vaca. Tivemos un silo malo en agosto e setembro e tardamos en compensar a alimentación pero normalmente non baixamos dos 40 litros”, explica Manuel.
Se tes litros non é doado ter calidades e nós tivemos vacas de 70 litros e así é complicado ter graxa e proteína
Centrados en producir a maior cantidade de litros posible, os niveis de graxa e proteína móvense arredor de 3,70-3,80 de graxa e 3,20 de proteína. “As calidades nosas non son moi abundantes, se tes litros non é doado ter calidades e nós tivemos vacas de 70 litros e así é complicado”, recoñece.
Cualificación morfolóxica
Gandeiría Carreira figurou no cadro de honra por produción de Africor Lugo nos anos 2005, 2006, 2007, 2010, 2011, 2014, 2015 e 2018. Recibiu ademais o título de Mestre Criador no ano 2012 e sete distincións honoríficas como unha das mellores explotacións da provincia por cualificación morfolóxica nos anos 2010, 2011, 2015, 2016, 2017, 2018 e 2019.
A media dos ultimos animais cualificados nesta explotación foi de 83 puntos e a do establo completo do ano pasado de 82,3. Entre as súas 60 vacas en produción hai 10 calificadas como MB. “Temos unha de 88 puntos, outra de 87, tres de 86 e 5 de 85, que para ser unha explotación que non vai a tipo está moi ben”, conta Diego.
Contan co título de Mestre Criador e con distincións honoríficas de Africor Lugo por produción e morfoloxía
“Nós o que máis miramos é produción, até agora non vendimos recría, só dúas xovencas fai sete anos”, aclara Manuel. Ao contrario, nos últimos anos sempre mercaron algún que outro animal seleccionado co que ir mellorando o seu rabaño.
Animais das mellores gandarías
“Levamos seleccionando animais moitos anos, desde antes de saír do establo vello, picando aquí e alí, onde había vacas boas. O Leonés (un tratante de Sarria) traía o mellor que tiña e a Santi, de Finca Asunción, de Touro, mercámoslle fai 26 anos algunhas das mellores vacas, acórdome que por tres daquelas vacas pagaramos un millón trinta e cinco mil pesetas”, lembra Marité.
Descendentes daquelas vacas seguen dando leite aínda hoxe no establo de Gandeiría Carreira. Tamén de vacas e xovencas traídas da Finca Os Llanos da Pastoriza, de Gandeiría Pozo de Lugo, de Gandeiría Seijo de Ribadeo ou de Gandeiría Outeiro de Chantada. “A nosa xenética vén daí, de ir mellorando pouco a pouco, cando tiñamos catro perras comprábamos unha vaca boa”, engade.
Andivemos picando alí onde había vacas boas, cando tiñamos catro perras mercabamos unha vaca e foi así como fomos mellorando pouco a pouco
As últimas adquisicións tiveron lugar o ano pasado na Subasta de Élite de Curtis. “Mercamos dúas xovencas pero non foi para medrar e nin sequera por mellorar, porque témolas nós na casa tan boas ou superiores, senón por variar, un pouco por capricho, porque unha delas era unha frisona roxa e a min gústanme moito porque procedo dunha explotación de rubia galega e gústame esa cor nas vacas”, explica Manuel.
Esa xovenca roxa de Curtis que procedía de SAT A Campa deu xa 15 embrións. “Cambiamos dous cunha explotación de Cundíns, en Touro, que se chama Gandeiría Cerdeiras que os comprou en copropiedade coa gandería Casa Lameiro, de Rodeiro”, conta Marité. Fai anos xa mercaran outra frisona roxa en Chantada a Gandeiría Outeiro con moi bos resultados. “Pariu aquí na casa 4 veces con medias de 16.000 litros por lactación”, lembra.
No último ano trouxeron xovencas de SAT A Campa e San Rian Holstein e antes viñeran de Gandeiría Outeiro, Finca Asunción, Gandeiría Seijo ou Finca Os Llanos
Tamén o ano pasado pagaron 3.250 euros máis IVE por outro animal procedente da gandeiría San Rian Holstein, de Brión, a primeira explotación por ICO de Galicia e a segunda de España. “Subimos o ICO porque viñeron animais das subastas que rondaban os 4.000 puntos. Iso fixo que empezaramos no ano 2012 con 2.021 puntos e que no 2019 nos situásemos xa en 3.341”, explica Diego.
Un touro de Rubia Galega para os cruces cárnicos
“Ademais de seguir comprando algunha xata en subastas de élite levamos moitos anos inseminando con touros probados”, explica Manuel, que estivo na directiva de AFRILUGO (a Asociación Frisona de Lugo que, xunto á Asociación Frisona Galega -AFRIGA- constituíu en 1990 a Federación Frisona Galega -FEFRIGA- para xestionar a Unidade de Transferencia Embrionaria de BOS en Guísamo, pechada a finais de 2011).
El mesmo insemina as súas vacas desde fai 20 anos. “Agora comezan a facelo os novos”, aclara. Nesta gandeiría do Incio teñen xenotipados todos os animais adultos, o que lles axuda na toma de decisións en materia xenética. Como lles sobra recría para cubrir as súas necesidades de reemprazo, tan só crían das mellores vacas e inseminan con cruces cárnicos ao resto, que empreñan con monta natural.
“Temos un touro de Rubia Galega para os animais que non queremos recriar”, explican. Chámase Marelo e é fillo de Cubillón, un dos mellores touros de actitude cárnica que tivo no seu día Acruga. Ademais, “é moi manso”, destaca Diego.
Palla nos cubículos
Ademais de pola súa alta produción e polo alto nivel xenético do rabaño, esta explotación do Incio destaca pola calidade hixiénico-sanitaria do seu leite. O reconto medio de células somáticas no ano 2019 foi de 102.000, con meses enteiros, como por exemplo en marzo, nos que baixaron das 100.000 RCS en todas as analíticas.
Fan as camas todos os días e desinféctanas unha vez á semana
“E iso malia ter cama de palla”, destaca Manuel. A explotación aténdena entre os catro pero as camas son cousa de Sonia. “Fanse todos os días e desinféctanse un día á semana”, explica. “Nos 20 anos que levamos neste establo só quedaron sen facer un día”, aclara a súa nai Marité.
Ser metódicos no traballo e esforzarse en facer ben as tarefas das que se encarga cada un é parte do éxito desta gandeiría. “Somos dos que bebemos o leite da casa con absoluta confianza e penso que o queixo premiado de Queixerías Sarrianas foi feito co noso leite”, bromea Manuel.
Seguen un programa de detección e prevención de enfermidades e venden o leite a Queixerías Sarrianas desde fai 8 anos
Venden o leite desde hai 8 anos a esta empresa de Sarria que foi galardonada o pasado ano coa medalla Super Ouro polo seu Queixo da DOP Tetilla no World Cheese Awards, o concurso de queixos máis relevante a nivel internacional. Están cobrando neste momento a 32,5 céntimos de prezo base, máis calidades, máis IVE. “Tiñamos a 33 céntimos pero fai algo máis de medio ano baixáronnos medio céntimo”, quéixase Manuel.
Levan a cabo un programa de detección e prevención de enfermidades, o programa Prevención, Saúde e Produción de Africor, que lles permite reducir ao mínimo os problemas de mamites e outras afeccións do gando e forman parte dunha ADSG para o control sanitario do rabaño.
Secado aos 7 meses
“Temos moi poucos problemas de cetose e de abomaso tamén”, indica Marité. “Aquí o que facemos é secar tamén ás xovencas, poñémoslles as cánulas de prevención aos 7 meses igual que ás vacas e con iso temos menos problemas de células no parto”, di.
Malia tratarse nalgúns casos de animais de moi alta produción, manteñen en periodo seco a todas as vacas un mínimo de 60 días. “Aos sete meses témolas sempre secas”, explican. Pasan entón a un lote diferente no que comen silo de herba, herba seca e tres quilos de penso e cando hai pasto tamén ás botan a pacer.
Ás xatas non lles damos nin o leite tratado nin as beiras do silo
Tamén a recría está fóra, agás nos meses de inverno, nos que meten todo o gando dentro. Non dispoñen de establo propio para a recría pero aínda así prefiren non deixar as xovencas fóra. Na nave de produción, a carón da parideira, están os boxes, nos que as xatas están até seren destetadas, aos tres meses. “Dámoslles leite das vacas, pero nunca do tratado, toman tres litros á mañán e tres á tarde”, conta Manuel. Até que son inseminadas e quedan preñadas comen herba seca e penso e despois até pariren silo de herba, que teñen a súa libre disposición.
Herba seca sempre a disposición
Coidar a alimentación é outra das máximas desta explotación. “A comida sobrante retirámola, o frente do silo témolo sempre limpo e desbotamos o das beiras, non llo damos nin ás secas nin á recría”, explica Manuel.
A ración de produción leva 20 quilos de silo de millo, 16 de silo de herba, 13 de concentrado, 2 quilos e medio de alfalfa, 750 gramos de herba seca e corrector. “Ás veces temos problemas coa alfalfa cando ten moita proteína e a herba seca dámosllela polo tema da fibra e sempre a teñen a disposición delas”, contan.
Ás becerras estrámolas con rolos de herba seca en vez de con palla, dá pena dedicalos a iso, pero sóbrannos e aforramos dous camións de palla
“A herba sóbranos, só mercamos algo de alfalfa, así que ás becerras estrámolas con rolos de herba seca en vez de con palla, tanto nos cubículos coma nos boxes, usamos uns 140 rolos para iso, dá pena dedicalos a iso, pero para vendelos non dan nada e aforramos dous camións de palla”, engade Diego.
Á espera dunha modificación do PXOM para ampliar
Manuel e Marité levan 27 anos á fronte desta gandaría familiar. “Comezamos nun establo trabado con 13 ou 14 vacas muxindo en cántaras e logo en circuito”, lembra Manuel. Despois fixeron unha nave nova, con estabulación libre con capacidade para 40 vacas e unha sala de muxido Tándem de 6 puntos. “Muximos nela por primeira vez o día de san Xosé do ano 2000”, recorda Marité.
Aos dous anos aquela nave de 30 metros xa lles quedaba pequena e ampliárona. Contan desde entón con 66 cubículos, o que condiciona a súa capacidade para seguir medrando.
A súa é unha explotación con relevo pero a situación urbanística na que quedou a parcela onde se atopa a nave, dentro da zona de núcleo rural, malia atoparse ás aforas de Penaxubeira, condiciona os plans de futuro da gandaría. Non poden ampliar a nave mentres non se modifique o PXOM e se substitúa a cualificación actual do chan pola de solo de protección agroforestal, xa que a Lei do Solo impide facer ampliacións de granxas en núcleo rural.
A finca na que se atopa o establo quedou dentro de núcleo rural, o que lles impide facer obras de mellora
“Primeiro tivemos que facer o establo fóra do pobo e despois puxéronnos a finca onde está como núcleo e mentres estamos así non podemos ampliar, nin a nave, nin os silos, nin facer pozo de purín nin nada”, queixanse. Están pendentes desa modificación urbanística para que Sonia e Diego se incorporen e, coa axuda de incorporación, acometer as melloras necesarias nunha nave que xa cumpriu os 20 anos. “Por iso estamos agardando para incorporarnos, pero levamos 9 anos esperando polo PXOM e está parado”, lamenta Sonia.
46 hectáreas de terreo
Gandeiría Carreira dispón dun total de 46 hectáreas de terreo, 30 delas en propiedade, outras 10 que son da familia de Manuel, situadas a 6 quilómetros, na parroquia de Piñeira, en Sarria, e as 6 restantes alugadas a distintos propietarios. “A maioría son de xente maior que agradece ver as fincas coidadas porque lles teñen aprecio”, di Manuel.
Tan só botan 9 hectáreas a millo. Poderían ser máis, pero teñen o problema do xabarín. “Aquí as fincas producen, aínda que están a 700 metros de altitude son boas e aínda que veña un ano seco sacamos entre 48.000 e 50.000 quilos por hectárea e poderiamos botar máis a millo, pero non o facemos polo xabarín”, explica Diego.
As fincas nesta zona son boas e obteñen altas producións de millo pero prefiren comprar unha parte del por culpa do xabarín
Iso obrígaos a ter que mercar parte do millo que necesitan para ensilar. Este ano foron 87.000 quilos e o ano anterior 120.000. “As fincas nas que botamos o millo témolas pechadas a conciencia, a proba de xabarín, case herméticas e iso tamén ten un custo importante”, di.
Levamos compradas moitas vacas, moitas hectáreas de terra e moita cuota. Tiñamos un bo chalé feito con iso
Xunto á compra de vacas e xatas de alto valor xenético, nesta explotación tamén fixeron ao longo das últimas décadas importantes investimentos en terras e cuota láctea. “Levamos compradas moitas hectáreas de terra, moita cuota e moitas vacas”, resume Marité. “Tiñamos 57.000 litros de cuota iniciais, gastamos 37 millóns de pesetas en mercar máis cuota. Tiñamos un bo chalé feito con eles”, engade.
Maquinaria propia
A explotación aténdena entre os catro: Manuel, Marité, Sonia e Diego. “Turnámonos para librar ou descansar. No inverno imos dous pola mañán e dous pola tarde. O traballo levámolo ben”, explica Sonia.
Ademais de muxir e atender o gando tamén fan o traballo agrícola. “O traballo de campo facémolo nós. Só pagamos por picar e carrexar para o silo tanto a herba como o millo e por sementar o millo”, conta Diego.
Até fai medio ano tiñan carro mesturador propio pero agora recorren aos servizos da cooperativa Aira. “O noso era un carro pequeno e estaba xa gastado, así que había que facer investimento nun novo”, xustifica Manuel.