Gandeiras de Lugo maniféstanse cos seus fillos para esixir unha subida no prezo do leite

O portavoz de Agromuralla, Roberto López, non se mostra moi esperanzado sobre a reunión desta tarde coa conselleira ao non estar presentes a distribución e a industria

Gandeiras de Lugo maniféstanse cos seus fillos para esixir unha subida no prezo do leite

Manifestación desta mañá en Lugo. Foto: José Luis Ramudo

Ducias de gandeiras da provincia de Lugo, acompañadas en moitos casos polos seus fillos, protagonizaron esta mañá unha manifestación que, convocada polo colectivo Agromuralla, partía do edificio administrativo da Xunta de Galicia e discorría polo centro de Lugo para esixir unha suba dos prezos do leite.

Moitas das manifestantes lucían camisetas co lema “A unión fai a forza”, mentres que outras levaban pancartas con mensaxes como “Nós tamén somos importantes”, “O futuro de Lugo é o leite”, “Nós tamén merecemos aprecio” ou “Por un futuro digno para todos”.

Unha gandeira do municipio de Lugo, concretamente da parroquia de Xan Xoán do Campo, Marga Ignacio, recoñecía aos medios de comunicación que “a loita continúa porque os gandeiros, a pesar das promesas que recibiron nas últimas semanas e meses, non ven ningún tipo de mellora na súa situación”.

“Parece que non nos ven, que non somos ninguén”

“Estamos aquí cos nosos fillos, porque eles son o futuro. Seguimos aquí, pedindo e esixindo. A ver se dunha vez escóitannos, porque parece que non nos ven, que non somos ninguén. É hora de que nos vexan”, engadiu.

En canto ás súas demandas, insistiu en que o único que piden os gandeiros que están a protestar en Lugo é “un prezo xusto” polo leite que producen nas súas granxas.

Con respecto aos anuncios efectuados por algunhas cadeas de distribución, lembrou que “agora andan dicindo que van subir algo no lineal”, pero os gandeiros queren “velo, non só que o diga”?, e que logo esa subida ao consumidor repercuta tamén no que pagan polo leite en orixe.

“Non vemos ningunha mellora. Esperemos que nolo transmitan monetariamente, non só de palabra”, resolveu.

Outras produtoras aseguraban que están dispostas a continuar coas protestas durante todo o Nadal, polo menos ata que chegue unha solución que lles permita saír da crise na que se atopan sumidas as súas explotacións polo baixo prezo do leite.

“Se esta tarde dinnos que está todo solucionado, ímonos para casa”, dicía unha gandeira.

Reunión esta tarde en Santiago coa conselleira

Referíase á reunión que esta tarde manterá a conselleira do Medio Rural, Ánxeles Vázquez, con representantes de Agromuralla, a partir das 17:30 horas, en Santiago de Compostela.

En relación con esa reunión, un dos portavoces de Agromuralla, Roberto López, non se mostrou moi esperanzado.

“Pensabamos que ía ser outro tipo de reunión, porque pediamos que fose coa distribución e a industria. Non se nos confirmou que fosen vir. Non imos moi esperanzados, pero a ver que nos contan”, precisou.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información