Gandaría ovina e caprina, un sector en retroceso en Galicia, pero con grande potencial

Nos últimos 20 anos, o censo de animais do sector en Galicia descendeu máis do 50%. Os gandeiros consideran precisos máis apoios da Administración para potenciar a profesionalización

Gandaría ovina e caprina, un sector en retroceso en Galicia, pero con grande potencial

Un rabaño de ovellas en pastoreo no concello lucense de Pantón

O sector caprino e ovino en Galicia está a sofrer unha forte desestruturación. Nos últimos 20 anos, aínda que o mercado e o volume do cabrún mantívose bastante estable, o sector ovino non parou de descender. No ano 1999, segundo os rexistros da Xunta, en Galicia había máis de 350.000 cabezas censadas. A día de hoxe, a cantidade viuse reducida a menos da metade. Agora, o censo está por debaixo das 150.000 cabezas. No sector cabrún, houbo un descenso censual do 17% entre o ano 2019 e o 2020.

Para contrarrestar esta situación e divulgar as potencialidades das ganderías de ovino e cabrún, Joan Alibés, fundador de Beealia e presidente da Sociedade Galega de Pastos e Forraxes, hai anos que está a desenvolver cursos formativos por toda Galicia. “Para entender a desestruturación do sector hai que poñer atención a dous factores fundamentais. Por unha banda, está o envellecemento da poboación, que aínda que no resto do Estado tamén acontece, en Galicia é máis acusado. Non temos relevo xeracional e a maiorías das explotacións son pequenas e de autoconsumo”, explica Alibés.

Fonte: Xunta de Galicia

Fonte: Xunta de Galicia

“Por outro lado, temos o desleixo absoluto por parte das institucións. A falta total de axudas á promoción do sector. O exemplo perfecto son as axudas para paliar os danos económicos por causa da COVID. Para acceder a elas precisas moito volume de animais. É delirante para a situación real que vivimos en Galicia. Ese tipo de explotacións non representa nin o 1% do sector”, argumenta o produtor de Beealia. “As axudas son demasiado poucas”, remata. Alibés tamén ironiza coa influencia do Brexit sobre o mercado europeo: “Nós case preferiamos un Brexit duro para ver se, daquela, podiamos fomentar a nosa gandaría e deixar a un lado a Gales como máximo exportador para a Unión Europea”.

A realidade galega neste sector é, cando menos, paradóxica. Galicia é a primeira comunidade autónoma do Estado en número de granxas cunha enorme diferenza co resto. Porén, o censo cabrún e ovino non representa nin o 2% do conxunto español. Segundo os datos do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, a media de animais por explotación galega é de 10.

 

Para comprender ben o funcionamento do negocio ovino e caprino en Galicia, cómpre atender ao xeito de estruturárense que teñen as granxas galegas e os seus volumes individuais. Segundo os mesmos informes que desenvolve o goberno galego, a inmensa maioría dos profesionais que están presentes no sector, contan con rabaños de menos de cen cabezas de ovellas e cabras. Aproximadamente o 98% das granxas están nesa situación. No 2% sobrante atoparíanse o grupo das gandarías con máis de 100 cabezas e unha pequena minoría con máis de 250. O desglose estrutural do sector en canto a volume de animais quedaría así:

  • 19.500 gandarías con menos de 100 ovellas e cabras
  • 252 gandarías con máis de 100  ovellas e cabras
  • 57 gandarías con máis de 250 ovellas e cabras

 

Sistemas de produción en Galicia

Os sistemas de produción de gandaría ovina e caprina son, principalmente dous: o semiextensivo e o extensivo. No caso do semiextensivo o xeito de actuar é cun pastoreo rotativo coa presenza constante de pastor ou pastora. Esas rotacións de zona de pasto varían, fundamentalmente, dependendo do lugar e máis da época do ano. A particularidade deste xeito de manexo é que durante o día os animais están no exterior e durante a noite dentro das cuadras. En exteriores aliméntanse a través de pasto libre e pola noite os granxeiros facilítanlles o alimento dentro das instalacións. Ademais, tanto os partos como o cebo acontecen nas cuadras.

"O traballo neste tipo de explotacións é incesante. A cuadra é o centro de operacións, a instalación principal de traballo", explica Alibés. Nestas granxas, os xeitos de comercialización principais son a venda directa con sacrificio na propia gandaría e a relación con pequenos tratantes. 

Nos sistemas de produción extensivos que existen en Galicia o pastoreo é bastante libre e sen apenas presencia de pastores. A rotación de pastos adoita facerse con pastores eléctricos e peches perimetrais cos que conducir aos rabaños. Xa que logo, os animais están tanto de día coma de noite no exterior e soamente facilítanlle a alimentación cando o pasto escasea. Por suposto, os partos e máis as crías sucédense nas pradeiras e o xeito de comercialización é similar ao outro sistema de produción.

A profesionalización das canles de comercialización

En Galicia hai, a día de hoxe, catro vías fundamentais para a comercialización de produtos do sector cabrún e ovino. A venda local a particulares, moi presente no caso dos cabritos pola ausencia de grandes canles; a venda a pequenos tratantes; a venda a grandes compradores, que exixen volumes mínimos de animais; e a recentemente desenvolvida venda por internet ao consumidor final.

"Unha das consecuencias deste abandono institucional é a progresiva desaparición do mercado. Os cordeiros si que van atopando saída polas catros vías de comercialización, pero os cabritos a penas teñen compradores, quizais algún esporádico, pero nada máis. Sen dúbida os gobernos poderían fomentar o seu consumo con divulgación e sensibilización", explica Joan Alibés. "No caso do cabrún nin sequera hai tratantes nin canles serias de distribución. Non hai cabrito nos lineais. Segundo as enquisas do Ministerio de Agricultura ese baixo consumo ben propiciado, principalmente, pola dificultade de acceso dos consumidores. Se conseguimos colocar o produto nos supermercados, o consumo aumentaría dun xeito exponencial", engade.

Se as políticas dos últimos 20 anos favoreceron esta caída sen precedentes, nos próximos 20 estaremos nunha situación aínda peor

Para o fundador de Beealia, o futuro do sector a curto e longo prazo é desolador: "Se as políticas dos últimos 20 anos favoreceron esta caída sen precedentes, nos próximos 20 estaremos nunha situación aínda peor. Eu non vexo que as políticas cambien, así que non hai ningún factor que nos leve a pensar nunha posible recuperación". 

Malia a situación de precaridade na que viven este tipo de granxas, Alibés non dubida do enorme potencial galego: "Eu empecei de cero e foi moi sinxelo. O orzamento necesario para arrincar este tipo de proxectos é moitísimo menor ao que se necesitaría, por exemplo, para montar unha explotación de vacún de leite. É menos arriscado e necesitas menos cartos. Ademais, temos moita dispoñibilidade de terras e o tipo de gandaría é moi adaptable ao ecosistema. Na miña zona, os veciños están encantados de que lles limpen as fincas", explica. O certo é que o pastoreo de cabras e ovellas xa se demostrou útil e barato para manter as zonas rurais de Galicia limpas: "A transformación do mato que produce o pastoreo cabrún é extremadamente eficiente. Non só é unha alternativa para repoboar o rural, tamén é un xeito de reducir os incendios forestais. Que pasaría se deses 150 millóns que adica a Xunta á extinción e prevención de incendios deixase unha parte para unha sega natural con gando?", propón o tamén presidente da Sociedade Galega de Pastos e Forraxes.

O mercado cabrún e ovino na Galicia de hoxe

Un dos datos máis relevantes que difunde Joan Alibés nas súas formacións é o do consumo de carne ovina e caprina en Galicia. Traballando sobre os datos da Xunta e máis do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, extraeu reflexións moi clarificadoras. O consumo anual deste tipo de carnes en Galicia é de 3.475.576 kg, mentres que a produción galega só chega aos 729.600 kg. Isto quere dicir que o autoabastecemento só acada 21% do consumo total, algo que tamén se reflicte nas case inexistentes cifras de exportacións.

"Teño constancia de que hai moitos gandeiros con ganas de ampliar os seus rabaños e de profseionalizarse. Nos meus cursos vexo interese na xente, pero síntense abandonados. Necesitamos pulo das institucións rexionais, estatais e europeas, se non, o futuro preséntase moi escuro para os que nos adicamos a este tipo de explotacións", remata Joan Alibés.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información