Gandaría Microtón: O reto de producir leite de vaca en Canarias importando toda a alimentación

Casto Berriel Martínez soñou desde neno con ter a súa propia gandaría de vacún de leite. Hoxe é a única na illa canaria de Fuerteventura. Coñecemos como se adaptou ao medio e os seus plans de futuro

Gandaría Microtón: O reto de producir leite de vaca en Canarias importando toda a alimentación

Vacas da Gandería Microtón, en Los Estancos (Fuerteventura)

“Unha das miñas primeiras fotos familiares é con 10 anos suxeitando unha vaca. Sempre foi o meu soño e o do meu pai ter unha gandaría de vacún de leite”. Así explica Casto Berriel Martínez, veterinario de profesión e gandeiro de vocación, que a súa granxa sexa a única de Fuerteventura, unha illa cun clima árido, e que ademais sexa tamén a única de Canarias con gando de raza Fleckvieh.

A paixón gandeira vénlle de familia pois o seu pai, xa nos anos 60, foi dos primeiros nas illas en incorporar a raza Holstein en substitución da vaca basta canaria autóctona da terra: “A Caixa de Aforros das Palmas importou un barco de vacas holstein de Canadá para Gran Canaria, e o meu pai trouxo 7 vacas para Fuerteventura, dúas delas para a nosa casa, sendo, que saibamos, das primeiras holstein que pisaron as Illas Canarias”, relata.

Casto cuns 10 anos cunha das primeiras vacas Holstein que chegaron a Canarias

Casto cuns 10 anos cunha das primeiras vacas Holstein que chegaron a Canarias

Tras estudar veterinaria en Córdoba regresou a Fuerteventura, e paseniño foi dándolle forma ao seu proxecto de gandaría, un proceso longo e non exento de dificultades: “No ano 2000 comprei a finca en Los Estancos, un pobo preto de Puerto del Rosario, e pedín a licenza para instalar a gandaría, un permiso que non me concederon até o 2009. Fun construíndo o establo a medida que podía, e no 2016 traxe por fin as primeiras vacas: 20 xovencas preñadas de raza Fleckvieh importadas de Austria, que son a orixe das 29 vacas adultas coas que conto hoxe en día”.

Por que a raza Fleckvieh?

Por que escolleu esta raza? Casto explica que as viu por primeira vez en Alemaña, nunha viaxe técnica para gandeiros organizada polo Cabildo de Fuerteventura, e que a súa elección foi non só por criterios empresariais, senón tamén de aptitudes. “Antes de montar a gandaría estudei ben o tipo de vaca: pensei na Jersei, a Holstein, a Fleckvieh e nalgunhas outras. Se queres unha vaca para produción propia, case como animal de compañía, compras a que máis che gusta, pero se queres ter unha gandaría produtiva, rendible e que non che dea máis problemas que satisfaccións, hai que estudar moi ben o que fas”, subliña.

Cría e vende os becerros

Cría e vende os becerros

“Aquí en Fuerteventura -engade-, se vas a vacas holstein, todo o beneficio dese gando telo que obter en base ao leite producido, porque o valor residual da holstein para desvelle é moi pouco, e o prezo do leite, tendo que importar tanto o penso como as forraxes, non che garante a rendibilidade. Porén, no caso da Fleckvieh o valor residual que che achega é o correspondente a máis 400 quilos de carne que case desquita o valor de compra do animal, a súa vida produtiva é máis longa alcanzando 7 e até 8 partos, é moi dura de patas e ten moita menos consangüinidade que a raza Holstein. Por último, hai que destacar a mansedume desta raza e a beleza da mesma, polo que acaban converténdose nun membro máis da familia, especialmente en gandarías pequenas como a miña”.

Se a isto unimos un prezo superior do tenreiro a elección da raza para este veterinario e gandeiro é obvia: “A Fleckvieh é un animal superior no noso caso e nas nosas condicións de explotación”.

Non obstante, Casto Berriel tamén recoñece que a maior diversidade xenética na Fleckvieh obrigoulle a facer un traballo de selección no rabaño: “No meu caso a diferenza de produción de leite entre os animais foi grande, cunha media de 26 litros por vaca, pero con algunhas con 44 litros, bastantes con 30 pero tamén algunhas por baixo de 25 litros, coas mesmas condicións de manexo e de alimentación”, recoñece.

Un dos exemplares desta gandería

Un dos exemplares desta gandería

En todo caso, considera que “ben mirado, iso non é malo porque hai marxe de mellora produtiva sen modificar as características que fan desta raza un gando excepcional”.

En marzo de 2016 realizou a compra de 20 xovencas preñadas a través da empresa geneticAUSTRIA xa que considera que neste país “é onde se avanzou máis na selección xenética desta raza”.

geneticAUSTRIA deume un trato marabilloso, asesoráronme, axudáronme en todo e enviáronme as novelas, encargándose de toda a documentación. Foron extremadamente serios e da noite para a mañá vinme con 20 xovencas e novos amigos extraordinarios. Sempre lles estarei agradecido”, destaca Casto.

As vacas teñen unha media de producción de 7500 litros

As vacas teñen unha media de producción de 7500 litros

Manexo, alimentación, produción e reprodución

Gandaría Microtón conta hoxe cun rabaño de 29 vacas adultas cunha produción media de 7500 litros de leite, cun 4,15% de graxa e un 3,52% de proteína. O leite véndeno á queixería Maxorata, a un prezo medio de 0,45 euros o litro -o prezo medio do leite de vaca en orixe está neste momento en Canarias en 0,42 euros-.

Inicialmente a idea de Casto Berriel era ter as vacas estabuladas nas instalacións que construíu: Unha nave de 12 x 30 metros con capacidade para 40 vacas trabadas e corredor central, cun sistema de muxido en praza. É dicir, unha forma máis tradicional.

Porén, axiña se decatou de que o benestar animal melloraba se estaban ao aire libre na leira na que se atopa o establo. “Soamente van á corte para recibir a ración e seren muxidas, o resto do tempo pásano ao aire libre no patio, en cama quente. O forte sol e brisa do que gozamos en Fuerteventura seca rápidamente as bostas deixando unha abrandada cama natural, polo que é ideal para este tipo de sistema, máis barato, e ademais as vacas están limpas e non temos case incidencia de mamite”, destaca.

Establo de gandería Microtón

Establo de gandería Microtón

casto canarias fleckvieh 1 muxido

O cebo dos becerros nados e o abono constitúen outras fontes de ingresos complementarias, vendéndose este último para cultivos hortícolas.

En canto á reprodución en granxa Microtón fana por monta natural, e é Carpanta, un manso touro Fleckvieh de case 1200 quilos de peso, o encargado deste labor. “Eu non podo inseminar, porque para iso tes que estar incluído nun circuíto de inseminación ou ter unha granxa de suficiente tamaño para poder manter un tanque de nitróxeno. O que fixen é criar un semental, que naceu aquí dunha das xovencas orixinais que trouxen de Austria, pero durante o primeiro ano non tiña ningún macho desta raza na illa, polo que empregamos un Holstein alemán e do que aínda quedan 7 fillas cruzadas no rabaño”, conta Casto.

Importantes custos de importar toda a comida

O clima árido de Fuerteventura, con nula dispoñibilidade de pastos e de posibilidade de cultivar forraxes, obriga a este gandeiro a importar da Península toda a comida das vacas.

O custo de alimentación para unha gandaría de vacún de leite é sobre o 60% dos custos totais, pero nesta granxa é maior: uns 6 euros por vaca e día, para unha ración composta por palla, alfalfa e uns 12 quilos de penso para as vacas en lactación.

As vacas pasan a maior parte no patio en cama quente

As vacas pasan a maior parte no patio en cama quente

“Importo todo a través do grupo de empresas ao que pertence a queixería que me compra o leite. É certo que en Canarias temos axudas para importar alimentos da Península, pero aínda así, coas axudas descontadas, aquí chéganos a prezos máis caros. Así, a palla sáeme a uns 130 euros tonelada, o penso a 290 e a alfalfa sobre 260 euros”, afirma. A auga tamén supón un importante desembolso: 2,44 euros o metro cúbico.

“Por iso, aínda que pareza que 0,45 euros/ litro de leite é un bo prezo, o elevado custo dos alimentos, auga, persoal, seguros e outros, fai que a rendibilidade sexa nula ou tan baixa que non merecería a pena, e sobrevívese grazas ás subvencións. É un modelo equivocado, pero é o que hai”, afirma.

Bolívar, o asalariado de Casto Berriel, con Terrible, o novo semental da gandería

Bolívar, o asalariado de Casto Berriel, con Terrible, o novo semental da gandería

En canto á organización do traballo, Casto ten contratado a un asalariado que se ocupa da gandería de luns a sábado, mentres que el axuda durante a semana e encárgase en exclusiva os domingos.

“É certo -recoñece- que se fai duro, e á miña idade, con case 63 anos, máis, pero recoñezo que eu aquí gozo e é a miña mellor terapia para durmir ben, e ademais é unha actividade que con coñecementos comeza a ser rendible, aínda que hai camiño que andar”.

Plans de futuro

Con todo, o soño de Casto Berriel aínda non se cumpriu completamente. “Quero sacarlle máis marxe ao leite que produzo, porque aínda que o prezo do leite aquí é maior, tamén o son os custos. A miña idea é vender directamente unha parte, ben como leite pasteurizado, ou transformado en iogures para darlle un valor engadido. Para iso o meu proxecto é aumentar o rabaño e tamén o número de empregados, de forma que se poida optimizar o traballo e o necesario descanso”, avanza.

Carpanta, o semental até agora

Carpanta, o semental até agora

Muñeco, outro dos sementais que empregou

Muñeco, outro dos sementais que empregou

O pai de Casto Berriel, cunha das vacas Holstein que importaron de Canadá nos anos 60

O pai de Casto Berriel, cunha das vacas Holstein que importaron de Canadá nos anos 60

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información