Territorios Pastoreados volveu converterse, un ano máis e na súa sétima edición, no foro de referencia a nivel español sobre gandaría extensiva. Durante tres días, produtores, técnicos, investigadores do ámbito universitario e colectivos ambientalistas puxeron en común a súa análise sobre a situación do sector e propuxeron medidas a favor da súa supervivencia.
Organizado pola Fundación Entretantos e a Sociedade Galega de Pastos e Forraxes (SGPF), co apoio económico da Área de Medio Rural da Deputación de Lugo, era a primeira vez que este encontro se celebraba en Galicia, realizándose de forma conxunta coa IX Reunión de Outono da SGPF. Co gran reto de asegurar o relevo xeracional, a necesidade de mellorar a rendibilidade das explotacións e de ver recompensados os servizos ecosistémicos que estas prestan convertéronse no centro dos debates, mesas redondas e visitas de campo realizadas.
A difícil convivencia co lobo e a demanda de cambios nunha PAC que non convence foron outros dos temas abordados. A continuación, damos voz a algúns dos participantes:
Que é gandaría extensiva e que non?
O primeiro problema á hora de falar de gandaría extensiva é definila. “A sociedade non distingue entre gandaría intensiva e extensiva. Por iso definimos uns criterios en función da especie para saber que se considera gandaría extensiva, porque non todo é extensivo aínda que teñas o gando no campo. Non é o mesmo ter os animais fóra que que se alimenten fóra, e non é o mesmo que se alimenten só con pasto ou non. Tampouco é o mesmo que teñan os partos fóra ou non”, indica María Turiño, da Fundación Entretantos.
“O debate sobre os criterios foi intenso, pero é necesaria certa flexibilidade, porque non en todos os territorios de España temos as mesmas condicións climáticas e, polo tanto, non se pode facer o mesmo manexo”, recoñece.
Laura García Pierna, da Fundación Global Nature, un colectivo de ámbito ambientalista que participa no proxecto Naturaleza Pastoreada, fomentando que se paza “máis e mellor” en 9 espazos naturais españois, foxe do enfrontamento que ás veces existe entre o mundo ecoloxista e a produción agraria e defende a vinculación entre gandaría e conservación de hábitats, reclamando o pago polos servizos ecosistémicos que presta a gandaría extensiva en contraprestación á gandaría intensiva.
Estamos a mercar alimentos a prezos que non recollen os servizos ecosistémicos das ganderías máis sostibles
“Os cebadoiros intensivos compran animais ao destete a prezos tirados procedentes das ganderías extensivas, con iso é imposible competir”, recoñece. Por iso, defende, “a gandaría intensiva debe pagar o seu custo ambiental no prezo dos seus produtos”, propoñendo, por exemplo, medidas fiscais a favor da gandaría extensiva, como un IVE selectivo ao 0%.
Selo de calidade diferenciada
A Plataforma pola Gandaría Extensiva e o Pastoralismo leva tres anos traballando para crear unha certificación que permita a diferenciación dos produtos da gandaría extensiva, unha marca de garantía para as granxas que practican o pastoreo e xestionan o gando en liberdade, co obxectivo de lograr unha maior diferenciación e valoración por parte do consumidor. O proceso iniciouse en 2020 e o selo está a tramitarse no Rexistro de Patentes e Marcas.
Despois de cubrir un formulario por parte da gandaría, no que expón o seu modelo de funcionamento, realízase un proceso de verificación con visita á granxa. Nas reunións do Comité de Certificación hai presenza de gandeiros e técnicos. Trátase dun proceso de certificación sen ánimo de lucro e o futuro selo pertencerá á Plataforma. “Non ten un custo elevado para as pequenas ganderías, como poden ter outros selos, como o de ecolóxico”, defenden.
Pretendemos que este selo xere unha visibilidade ás ganderías que formen parte da certificación
Despois de superar o proceso de certificación, no que se teñen en conta aspectos como a alimentación, o manexo ou o benestar animal, as ganderías seleccionadas pasan a formar parte dun mapa que, neste momento, integra as primeiras 40 explotacións, aínda que o obxectivo é chegar a 90 a mediados de 2025.
Joan Alibés, técnico galego que forma parte do Comité de Certificación, considera que “a maioría das explotacións de vacún de carne da comunidade poderían entrar no selo con moita facilidade”. “Hai que xustificar cada unha das decisións de manexo. Non é necesario, por exemplo, que o gando estea fóra os 365 días, porque hai zonas de alta montaña onde no inverno é necesario estabular, pero valórase, iso si, que a base da alimentación sexa o pastoreo e que a maior parte da forraxe conservada sexa de produción propia”, explica.
Aos portos españois chegan anualmente catro millóns de toneladas de soia procedente de países como Brasil, Arxentina ou os EEUU. O seu principal destino é a produción de pensos usados en gandaría intensiva (vacún de leite, porcino e avicultura, principalmente).
Un kg de soia importada xera 3,3 kg de CO2 equivalente
Estímase que un quilo de soia importada xera de media unha pegada de carbono de 3,3 kg de CO2, que aumentaría en función da procedencia ata máis de 5 kg, tendo en conta problemas engadidos como a deforestación de terras para a súa produción, unha práctica habitual en países como Brasil e que se está estendendo a zonas limítrofes de Paraguai, segundo explicou César Resch, enxeñeiro do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo.
Facerse escoitar
O relevo xeracional é un aspecto imprescindible para manter vivo o mundo rural e loitar contra o declive demográfico. Iniciativas como o proxecto Terractiva, que busca facilitar a incorporación á actividade agrogandeira a “novos entrantes” alleos ao sector, ou o programa de emprego e vivenda en zonas rurais destinado a inmigrantes da asociación Acción Cuarto Mundo, tratan de abordar o problema desde enfoques innovadores, afastados do tradicional relevo familiar.
A presenza da muller resulta tamén imprescindible. Ganaderas en Red reúne a máis de 200 mulleres titulares de explotacións extensivas que intercambian experiencias e se prestan apoio mutuo. Paula Jarque, unha das súas integrantes, censurou que o Ministerio de Agricultura non convidase a este grupo de mulleres gandeiras ao Foro de Diálogo da Gandería Extensiva, celebrado en Toledo no mes de maio.
Ganaderas en Red é un grupo de encontro e apoio con máis de 200 gandeiras de todo o territorio español
“Soas somos invisibles, xuntas somos invencibles” é un dos lemas de Ganaderas en Red, que pretende visibilizar ás mulleres gandeiras máis alá dos prexuízos e buscar unha maneira colectiva de solucionar problemas, intercambiando coñecementos e experiencias.
Nin a Plataforma pola Gandaría Extensiva nin o grupo Ganaderas en Red foron convidados ao recente foro sobre gandaría extensiva organizado polo Ministerio de Agricultura en Toledo
Este intercambio non se circunscribe só ao territorio español, xa que Ganaderas en Red participou en encontros en Hungría, EEUU ou Polonia e mantén contactos con redes incipientes similares que están a xurdir en Portugal ou Marrocos. “Conseguimos tecer redes entre nós e con mulleres do noso redor”, destaca Paula.
2026, Ano Internacional do Pastoralismo
A petición de Mongolia, o 2026 foi declarado polas Nacións Unidas como o Ano Internacional para os Pastizais e o Pastoreo. Para celebrar esta efeméride, estanse a organizar diversos actos a nivel internacional, grazas á colaboración de grupos pastoralistas de distintos países.
Francesca Pasetti, da Fundación Trashumancia e Natureza, é unha das coordinadoras do grupo español e chama a atención sobre a falta de datos. “Non sabemos cantos pastores hai no mundo, non existe ningún rexistro en ningún país, e por iso estase a tentar facer un mapa mundial”, explica.
Un dos obxectivos da celebración desta efeméride en 2026 é a concienciación social, un ámbito no que xa houbo algúns avances. “Non puidemos frear a desaparición dos pastores e a redución dos rabaños, pero avanzamos en limar discrepancias con grupos naturalistas e no recoñecemento da contribución do pastoreo á biodiversidade”, destaca Mireia Llorente, ecóloga da Fundación Entretantos.
Produción amigable coa natureza
Óscar Rivas, da Asociación Galega de Custodia do Territorio, explicou o funcionamento da Rede de Custodia Agraria da Reserva da Biosfera Terras do Miño, da que forman parte distintos gandeiros de vacún ou caprún da provincia de Lugo, como Cabuxa Natur, Casa Codesal, Casa Bértolo ou Traloagro.
Moitos dos espazos de biodiversidade europeos inclúen actividades agrogandeiras
“Debemos fuxir do enfrontamento entre natureza e agrogandaría e asociar as boas prácticas de produción á conservación, xa que moitos dos espazos naturais europeos actuais son froito desta interacción entre produción e natureza”, asegura.
“No noso contexto europeo, separar o natural e o antrópico é difícil, e hoxe moito do que nos parece natural procede do abandono da agricultura. En Galicia hai ecosistemas de alto valor natural adaptados á realidade produtiva, e incluso algunhas especies verían comprometida a súa existencia se desaparecesen estas actividades agrogandeiras”, asegura Óscar.
Non hai que facer unha enmenda á totalidade á Rede Natura; haberá que modificar ou mellorar o que falla
“Non se pode meter toda a produción no mesmo saco. Hai gandaría responsable e respectuosa coa conservación da natureza. Son sistemas produtivos de baixa intensidade e amigables coa natureza que producen moito máis que proteína”, defende.
O gran reto da coexistencia co lobo
O equilibrio fundamental da gandaría extensiva é lograr unha forma de produción rendible a nivel económico, pero respectando o medio ambiente e as características dos territorios nos que se realiza esta actividade.
Neste sentido, a convivencia coa fauna salvaxe, e especialmente co lobo, é un dos grandes retos. Liderado pola Fundación Entretantos, unha entidade especializada en mediación social, tense desenvolvido un proceso participativo, denominado Grupo Campo Grande, que tratou de buscar puntos de encontro entre gandeiros e colectivos ecoloxistas.
En Galicia decláranse anualmente 3.000 mortes de gando por lobo, pero hai moitos máis ataques dos declarados
“O declive da gandaría extensiva vai máis aló da presenza do lobo. Non hai unha correlación directa, pero é certo que se está abandonando o pastoreo das zonas de montaña coas consecuencias de matorralización que iso ten”, asegura Julio Majadas, da Fundación Entretantos.
“Pódense implementar medidas preventivas, pero non todas serven para todos os lugares. Hai lugares onde é imposible facer peches e zonas onde non se poden levar mastíns, que legalmente non poderían estar soltos”, advirten. Ademais, cambiar o modelo supón un aumento de custos e de traballo para o gandeiro.
As indemnizacións deben ser maiores e inmediatas e estar desvinculadas das axudas da PAC
“En Galicia hai 3.000 mortes de gando por lobo declaradas á Xunta anualmente, pero o dato real é maior. As axudas deben ser maiores e inmediatas. Hai que indemnizar mellor os ataques e eliminar as axudas da PAC á convivencia con grandes carnívoros, porque as reciben todos os gandeiros, non só aqueles que sofren ataques, ademais do sensentido de que exclúen aos produtores ecolóxicos”, denuncian.
“Por que non xeorreferenciamos aos lobos en vez de ás ovellas ou aos vacas?”, propoñen os gandeiros, que se consideran “unha especie en extinción”, porque “cando se produce un ataque, ademais das perdas económicas, hai un dano emocional”.
Adaptación ao cambio climático
O Plan de Acción Estratéxica para a Adaptación da Gandería Extensiva ao Cambio Climático é un documento de medidas froito dun proceso participativo de máis de 120 persoas entre gandeiros, administración, sindicatos, investigadores, ONGs, etc.
Dentro deste proceso realizáronse distintos talleres temáticos sobre mobilidade gandeira, manexo da fertilidade do solo, xestión da auga como recurso crítico ou sobre o uso do lume como forma tradicional de xestión do territorio en combinación co gando.
O cambio climático comeza a ser problemático, e é necesario adaptarse a el, pero non é o principal problema ao que se enfronta a gandería extensiva
“A gandería extensiva sae normalmente mal parada dos cálculos de pegada de carbono, debido a que as emisións de gases de efecto invernadoiro computan en relación á producción obtida (Kg de CO2 equivalente por quilo de leite ou carne producidos) e non se ten en conta o pasto como sumidoiro natural de carbono”, lamenta Rosa Mosquera, profesora na Escola Politécnica de Lugo.
“O cambio climático comeza a ser problemático, e é necesario adaptarse a el, pero non é o principal problema ao que se enfronta a gandería extensiva neste momento, polo que hai que abordar esta adaptación tendo en conta outros factores. Un deles é o problema de relevo xeracional que estamos sufrindo, polo que nos vamos quedando sen rabaños e sen os coñecementos que fan posible a gandería extensiva”, asegura Mireia Llorente.
A auga, factor limitante
Se algo quedou claro durante as intervencións dos distintos gandeiros e técnicos participantes, procedentes de lugares como Extremadura, Castela e León, Andalucía, Castela-A Mancha, Canarias, Navarra, Aragón, Galicia, Portugal ou Italia, é a grande diversidade de condicións produtivas, o que inflúe de forma decisiva no manexo dos pastos e dos animais.
“En Galicia temos auga, o que garante grande diversidade de usos produtivos”, destacou Rosa Romero, directora da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría de Lugo, onde se celebraron parte dos seminarios. “Desde as Universidades temos que colaborar na formación de técnicos cualificados, que coñezan e apliquen as novas tecnoloxías produtivas sen que se perda o patrimonio natural que nos deixaron os nosos antepasados. Galicia é un territorio onde o pastoreo é unha práctica tradicional e que hoxe se fai necesario recuperar e impulsar”, insistiu.
O cultivo en liña clave permite reter auga e rexenerar o solo
Jesús Ruíz Gámez, topógrafo e experto en deseño de cultivos, detallou algunhas técnicas existentes para mellorar a resposta hídrica do solo. “Precísase aprender a ler a paisaxe e a descubrir as liñas naturais da auga e as curvas de nivel do terreo”, indica.
O coñecido como cultivo en liña clave (Keyline) é un sistema desenvolvido nos anos 50 en Australia para frear a crecente erosión e desertificación dos solos agrícolas.
Esta técnica serve tanto para conservar a auga en zonas de pouca chuvia como para drenar solos que se encharcan con facilidade
Mediante a realización de regos no terreo conséguese mellorar a infiltración e a distribución dos recursos hídricos existentes, trasladando auga de zonas de val a zonas de ladeira. O sistema combina a retención da auga no solo con técnicas de rexeneración da terra e considérase beneficioso o uso de animais de pastoreo no proceso.
Patrimonio cultural
Ademais dos valores naturais asociados ao pastoreo, como a conservación de hábitats e o mantemento da biodiversidade, a gandería extensiva leva implícitas manifestacións de patrimonio cultural e etnográfico asociadas ao manexo do gando, como a trashumancia en ovino e vacuno ou as rapas das bestas de cabalos do monte.
“Existen axudas anuais do Ministerio de Cultura á Salvagarda do Patrimonio Cultural Inmaterial no que entran este tipo de prácticas que teñen claramente unha parte claramente cultural”, explica Emilio Peña, da Fundación para a Sostibilidade Participativa, implicada no Plan de Salvagarda para a trashumancia en España.
Segundo datos da asociación Trashumancia e Naturaleza, entre 1993 e 2022 un total de 448 ganderías e 536.000 cabezas de gando fixeron trashumancia en España, unha actividade en descenso nos últimos anos. Á falta de relevo xeracional únense as limitacións físicas que dificultan o movemento do gando e o conflito coa poboación local.
“A gandería extensiva é un ben social”
Zacarías Fievet é pastor de alta montaña e formador na escola de pastores de Aragón. Procedente dunha familia de orixe francesa, os seus pais coñeceron o pastoralismo grazas ás escolas de pastores que hai décadas funcionan en Francia e asentáronse no Val de Benasque, en Huesca, onde no inverno se dedicaban á esquila de rabaños nos pobos e no verán subían cos animais aos portos de montaña.
Zacarías Fievet foi pastor itinerante en montañas como os Alpes, Pireneos ou Picos de Europa e retrata coa súa cámara o seu día a día coas ovellas
Zacarías continúa hoxe esa tradición. Contratado polos gandeiros da zona, nos meses de verán acompaña rabaños de máis de 2.000 ovellas que soben pacer aos Pireneos, onde, acompañado da súa cámara, fotografía o seu día a día co obxectivo de “achegar o pastoreo á sociedade”.
Defende que “a gandería extensiva é un ben social”. “Quen está coidando e conservando o Parque Natural? Os animais. E quen está coidando aos animais? O pastor”, argumenta. Son moitos os beneficios do pastoreo sobre os ecosistemas de montaña, como a recuperación de pasto en zonas de broza mediante o redileo, a retención e limpeza de augas grazas ao enraizamento das plantas ou a acción de freo de aludes. “No val de Benasque había 40.000 ovellas. Os camiños que facían e os rastroxos que deixaban ao pacer axudaban a reter a neve e que durase máis na primavera”, explica.
Levar un rabaño de 2.000 animais é levar 200.000 euros; é unha responsabilidade moi grande
Por iso reclama “educar ao turista”. “Un problema que temos no Pireneo é a conciliación co visitante. É unha zona na que hai moitos parques naturais e grande afluencia de turistas cunha falta enorme de información porque na escola das cidades non ensinan como hai que comportarse coa gandería extensiva, como actuar por exemplo cando te atopas cun rabaño ou cos mastíns que protexen ao gando”, explica.
Tamén pide a mellora de cabanas e outras infraestruturas necesarias que utilizan os pastores durante a súa estadía co gando no monte. “En Francia hai un teléfono 24 horas de atención ao pastor”, compara.
“Na carne de porco estamos exportando as axudas da PAC a China”
Xunto co problema do relevo xeracional, a rentabilidade económica é hoxe en día un dos principais problemas da gandería extensiva a xuízo de Juanma Intxaurrandieta, economista experto en gandería extensiva que estivo 35 anos facendo plans de viabilidade en granxas navarras a través do INTIA.
Baseándose neses datos, asegura que “as subvencións son as que serven para cubrir os custos de produción das ganderías, tanto extensivas como intensivas”. “Din que o porcino non recibe subvencións da PAC, pero iso é falso, porque o sector porcino recibe PAC de forma indirecta a través das axudas ao cereal e ao regadío. Estamos exportando auga a China en forma de millo en regadío. Estamos financiando coa PAC carne de porco barata a China cando exportamos 2.000 millóns de quilos de porcino ao ano”, razoa.
Esta PAC é infumable en cuestións como os dereitos históricos, necesitamos unha PAC que remunere os servizos ecosistémicos
Por iso, rexeita a última reforma vixente para o período 2023-2027. “Esta PAC é infumable en cuestións como os dereitos históricos, necesitamos unha PAC que remunere os servizos ecosistémicos”, defende.
“A pelexa política coa PAC é que nos veña moito diñeiro ao territorio, aínda que non vaia nas mans adecuadas. Hai expertos que din que a PAC non debería ser política agraria senón política alimentaria porque realmente a quen subvenciona é ao consumidor para que poida acceder a prezos baixos aos alimentos”, conclúe.