Gandaría Dradas, un exemplo de relevo xeneracional no vacún de carne de Galicia

Gandaría Dradas, un exemplo de aposta pola vida rural na montaña lucense, combina tradición e modernidade nun entorno onde a calidade de vida e o traballo gandeiro se unen para criar a nova xeración nun ambiente de liberdade e tranquilidade.

Gandaría Dradas, un exemplo de relevo xeneracional no vacún de carne de Galicia

Alfonso e Tania valoran a oportunidade que lles da este traballo de ter unha calidade de vida e poder pasar tempo cos fillos nun entorno bonito e tranquilo.

Gandaría Dradas é a día de hoxe unha das granxas referentes no vacún de carne da montaña lucense. Con 150 nais en réxime extensivo e un cebadeiro propio, Tania, xunto con Alfonso encárganse do traballo diario nesta explotación. Son referencia por facer valer a vida no campo e o orgullo de ver medrar aos seus pequenos nun entorno rural. Mostra disto foi a participación de Tania na VII Reunión Casal de Arman, organizada polo Foro Económico de Galicia, onde se analizaron retos e oportunidades para o campo galego.

Coa incorporación en 2017 de Tania á explotación familiar, a continuidade das vacas de carne na parroquia de Dradas, no concello da Fonsagrada, estaba asegurado. Por aquel momento, os pais de Tania traballaban un rabaño de 80 vacas asturianas baixo un sistema extensivo e un remate final no cebadeiro propio. Pasados os anos a cabana gandeira foi aumentando, cunhas 150 nais repartidas en algo mais de 100 hectáreas de terreo.

A tranquilidade e liberdade da vida no campo é algo que valorarán os nosos fillos

Sobre o seu futuro, Tania sempre tivo claro que “me ía a dedicar a algo relacionado coa gandaría e tiña que ser neste entorno da Fonsagrada. Cursei un ciclo de industrias alimentarias, nun primeiro momento tiña pensado en pasar a estudar veterinaria pero coincidiu coa xubilación de meu pai. Nese momento decidín tomar o relevo e facerme cargo da explotación, coa axuda de Alfonso. Á par da incorporación naceu o noso primeiro fillo, este é un entorno tranquilo e bonito onde ver medrar aos pequenos. Carecemos de algúns servizos que pode haber nas grandes cidades pero soamente a liberdade e tranquilidade da vida no campo creo que o compensa”.

Esta parella considera moi importante a calidade de vida que lles ofrece esta profesión, pola liberdade pero tamén polas posibilidades de conciliación de traballo e crianza dos fillos. “É un dos poucos traballos que permiten que os pequenos nos poidan acompañar nas tarefas do día a día e, cando non, sempre podes estar tranquilo porque están nun entorno seguro. Este é un traballo que temos que facer todos os días pero danos certa flexibilidade para dedicarlles tempo”.

“Aos 10 meses cando os becerros están engordando ben xa os temos que sacar”

O traballo diario pasa por atender e revisar as vacas que se encontran polos prados en réxime totalmente extensivo, e por outra parte atender aos becerros do cebadeiro. Polo xeral entran ao engorde pasados os 7 meses que marca o selo de Tenreira Galega Suprema, ata comercializarse antes dos 10 meses. “Por diversas circunstancias algún queda ata os 12 meses, indo sen o selo se Suprema. É pouco tempo o que temos para cebar, cando entran e vemos que están collendo quilos xa os temos que sacar. Ademais por sabor da carne, particularmente creo que deberíamos esperar como mínimo aos 12 meses. Pasado o ano ten outra textura e intensidade, sería coma comparar un polo de un mes con outro xa rematado”.

O cebadeiro conta con 10 recintos cunha capacidade de 5 ou 6 en cada un.

O cebadeiro conta con 10 recintos cunha capacidade de 5 ou 6 en cada un.

Non se realiza concentración de partos para ir abastecendo todo o ano ao cebadeiro

Para ir abastecendo o cebadeiro continuamente non se realiza concentración de partos nun momento concreto. “Cada lote de vacas ven vindo mais ou menos xunto pero facer unha concentración da maioría das nais nunha época do ano faría que nunhas épocas tivésemos o cebadeiro saturado e noutras baleiro”, apunta Alfonso.

Herba seca para encamar polos altos prezos da palla

A alimentación para o remate consiste nun concentrado específico de engorde e herba seca das propias fincas. Para o encamado, debido aos altos prezos da palla na campaña anterior, e por exceso de forraxe, comezaron a utilizar a herba seca de peor calidade para o encamado.

Alfonso e Tania explican que “cada semana gastamos aproximadamente un rolo de herba para as camas. Non é tan absorbente como a palla e temos que gastar algo máis pero é un recurso do que botamos man para conter os custes de produción. Temos o cebadeiro separado en 10 recintos e en cada un procuramos non meter mais de 5 ou 6 animais para que descansen ben e non haxa demasiada competencia entre eles. Este ano tamén estamos probando a cebar dúas vacas que tiveron problemas no parto e temos co mesmo engorde que os becerros”.

De cara ao futuro decántanse pola raza limusín pola vitalidade e facilidade de parto

Por outra banda, o manexo das nais limítase a revisar que non teñan problemas e da súa alimentación, ben a base de pasto ou de silo. A totalidade das nodrizas, unhas 150 aproximadamente, encóntranse divididas en lotes de arredor de 25 animais con cadanseu touro.

“Temos varias razas, algunha máis rechamante como a galloway, pero tamén fleckvieh, parda, cruce de frisón, rubia galega pero maioritariamente limusín. A facilidade de parto e a vitalidade coa que nacen e se poñen a mamar son fundamentais neste sistema extensivo. Por este motivo, excepto un lote de vacas asturianas con touro da mesma raza que era co que traballaban meus pais, o resto de sementais son limusín”.

Tenreiros no lote de vacas asturianas.

Tenreiros no lote de vacas asturianas.

A alimentación dos animais no exterior é exclusivamente de herba para as vacas e de leite, herba e penso en tolva para as súas crías. “Poñemos tolva con penso para os becerros para axudar cando xa van tendo pouco leite as nais e para que no paso ao cebadeiro empecen a comer ben xa dende o primeiro día”. Nos meses de inverno e na seca do verán o pasto é complementado con silo que se distribúe polas fincas, en comedeiros ou con un pincho desensilador pola finca.

Fan arredor de 1000 rolos de silo

Situados arredor de 800 metros de altitude nos últimos anos a climatoloxía supón gastar mas silo no verán que no inverno. “Os invernos están vindo chuviosos pero as temperaturas son máis suaves que fai anos. Esta primavera foi mais húmida do habitual pero normalmente os prados xa estarían secos. Nestas datas, e nos meses mais fríos do inverno gastamos algún día ata 7 rolos de silo. Outra tarefa é a de levar auga para as vacas. Temos fincas con auga pero a outras temos que levala en cisternas, para este ano temos proxectado facer unha balsa de almacenamento e abastecer unha importante parte das parcelas”, explica Alfonso sobre uns trámites que requiren moitas esixencias e limitacións burocráticas, non sempre xustificadas, como a capacidade máxima desta balsa.

As máis de 100 hectáreas están distribuídas por diferentes zonas aínda que principalmente concentradas arredor da casa. Algo máis afastadas, a 3 quilómetros, hai un segundo lote de parcelas e máis afastadas, a 13, está o lote de recría. Para o cercado do gando, Tania e Alfonso contan con “peches de malla nunhas fincas, outras con arame de pinchos, principalmente nas 60 hectáreas en propiedade. No restante utilizamos moito os cercados con fío de pastor pola comodidade e por ser un sistema rápido de poñer”.

A pradaría natural, con boa presencia de trevo, é a base da alimentación do gando.

A pradaría natural, con boa presencia de trevo, é a base da alimentación do gando.

O excedente de herba é recolleitado, principalmente en forma de bolas de silo. Cada ano en Gandaría Dradas “recollemos unhas 1000 bolas e aínda que temos excedentes preferimos ir con marxe por se ven algún ano moi seco ou un inverno no que teñamos que tirar mais do silo. Esta campaña, cando tocou ensilar aínda tiñamos forraxe para un ano. Este inverno vendemos un camión por circunstancias puntuais, pero nunca antes venderamos nada. Facemos rolos bastante grandes e tampouco se valora á hora de vender, quen compra faino por unidade e non por peso, pero para ter certa reserva tampouco é algo nos plantexamos”.

Para as tarefas agrícolas son practicamente autosuficientes. Principalmente Alfonso é o encargado da sega e recolección da forraxe. A maiores de axudar a Tania coa gandaría, traballa nunha empresa de servizos agrícolas da zona, coa que contratan a distribución do esterco do cebadeiro. A pesar de non ser unha gandaría ecolóxica, o manexo é similar. Nas parcelas non se empregan tratamentos de herbicidas e o único abonado é o propio esterco do cebadeiro. No relativo á veterinaria tamén é raro ter que realizar tratamentos con antibióticos, sistematicamente antes da entrada ao cebadeiro os becerros vacínanse para pneumonía.

As fincas con maior pendente aprovéitanse mediante o pastoreo unicamente. As zonas baixas e con árbores son un sitio apracible para o gando.

As fincas con maior pendente aprovéitanse mediante o pastoreo unicamente. As zonas baixas e con árbores son un sitio apracible para o gando.

O lobo causa cada ano entre 3 e 5 baixas

Debido a estar o gando no exterior, o risco de un ataque de lobo está presente. Tania e Alfonso lamentan que “cada ano temos entre 3 e 5 baixas por ataques e o peor é que non podes facer nada porque non tes como demostrar que realmente foi o lobo. Sabemos que é porque se ven polos montes e hai cagadas deles polas fincas pero se non os ves no momento do ataque e tes probas non podes demostrar nada”.

Para dar a coñecer ao mundo o traballo nunha gandaría e a vida no campo Tania traslada a través das redes algunha das tarefas diarias. “A parte de que o fago porque me gustan as redes sociais, creo que é unha boa oportunidade para transmitir a forma de vida nun pobo e o traballo que hai detrás de un quilo de carne”.

De cara ao futuro esta parella de mozos busca “estabilizarnos en tamaño e poñer as cousas cómodas para o día a día. Esta zona é boa para o traballo da maquinaria polo que tampouco hai moito marxe para ampliar o numero de animais. Comezamos no 2017 con 80 nais e hoxe estamos en 245 animais totais polo que queremos estabilizarnos e facer o traballo o máis levadeiro posible”.

Folga de entregas

Gandaría Dradas é unha das moitas que se sumou este verán á folga de entregas ao considerar os prezos insuficientes, declarando prezos de ata 50 céntimos inferiores a fai un ano. “Dende o que recibimos os gandeiros ata o prezo que ten que pagar o consumidor hai un diferencial moi amplo. O traballo do gandeiro non esta suficientemente valorado e nesta casa de valor hai moitos intermediarios que viven a conta nosa”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información