Gandaría Casa da Corte SC, situada no concello coruñés de Dumbría, na parroquia de Olveira, conta con tres Lely Astronaut A5 e un arrimador de comida Lely Juno Flex. Un dos seus socios, Gumersindo Otero Lema (Sindo), está moi contento de dar o paso cara á robotización da súa granxa da man de Lely, coa que conseguiu mellorar a súa produción, a saúde dos seus animais e optimización do traballo diario.
Cando empezaron cos robots de muxido?
Empezamos hai un ano e medio con dous Lely Astronaut A5, e hai dous meses metemos unha terceira unidade, porque estabamos pendentes de facer unha ampliación da nave. Estivemos con 120 vacas coas dúas primeiras máquinas, pero fomos aumentando aos poucos para introducir a terceira unidade.
Que cambios notaron?
Notamos moito cambio desde que puxemos os robots. Antes nunca librabamos porque sempre tiñamos que estar pendentes, tiñamos unha sala de 12 puntos e daba moito máis traballo. Agora o traballo organízase doutra maneira, cunha persoa chega para facer os labores diarias, cambiounos moito a vida, isto é un mundo aparte.
Agora cada vaca leva o seu ritmo e non tes ningún tipo de estrés no animal. A sala é moito máis sacrificada.
Empezaron con dous robots e agora xa van polo terceiro…
Empezamos con dous, pero xa tiñamos en mente pór o terceiro. Mentres fixemos a obra fomos tirando pero a idea foi sempre estabilizarnos con tres máquinas. Neste momento temos en muxido pouco máis de 130 vacas con catro muxidos de media nos animais. O que buscamos agora é aumentar o rabaño. A nosa idea é estar ao redor das 160-170 vacas en muxido.
Cal foi o aumento de produción co cambio aos robots?
En canto á produción notamos moita diferenza. Antes estabamos a dous muxidos na sala, cunha media de 34 litros e agora estamos nos 40 litros por vaca e por día. As vacas están moito mellor, máis tranquilas e sen presión. É moi diferente.
Ademais, para saír dos investimentos hai que facer leite e ser moito máis eficientes co traballo diario.
Como é o deseño da súa granxa?
Temos un robot na cabeza, e dous na terceira fila. Os robots que están ao medio da cuadra, teñen área de separación. As máquinas no medio da cuadra están moi ben porque acurtas as distancias para as vacas e o da cabeza tamén nos axuda moito. Démoslle moitas voltas ao deseño pero a verdade é que estou moi satisfeito de como quedou todo.
Temos un lote único onde manexamos todas as vacas do rabaño para que se movan libremente por toda a cuadra. Temos unha nave de 80 metros de longo con tres ringleiras de cubículos na que adaptamos o deseño á perfección. Os corredores son amplos e as vacas móvense moi ben por toda a granxa.
As camas teñen mestura de carbonato con serrín, a area é boa para a vaca pero despois dá moitos problemas. Vainos moi ben con esta cama e non temos problemas de mastite.
Que tipo de vacas teñen?
Orientémonos bastante ao Procross desde hai anos, aínda que temos tamén algunha frisoa. Persoalmente gústanme moito os cruces, porque as vacas son máis áxiles e teñen máis enerxía e durabilidade. Agora mesmo teño o 50% do rabaño Procross e o resto frisoa, pero vou seguir tirando cara os cruces porque dannos un gran resultado.
Buscamos touros de produción e sempre con A2A2, temos todo o rabaño con esa xenética, é un valor engadido máis para nós. Hai menos touros para escoller pero non teño problema, porque os que metemos van moi ben.
As Procross empreñan moi ben, sempre metemos sexado ás xovencas, e ao resto das vacas metemos algo de carne porque de recría imos moi ben.
Que ración comen as súas vacas de produción?
Na ración estamos a meter 30 quilos de millo, 12 de herba e 7 de penso e outro sete quilos de penso no robot. Antes na sala tiñamos codatron e faciamos punteo aos animais.
Agora mesmo estou a producir máis litros de leite e metendo menos penso que o que metiamos antes. A xente moitas veces pensa que van comer máis penso por ter robot e aquí foi ao contrario, porque dan máis leite e están moito mellor.
Por que escolleron Lely?
Escollemos Lely porque é a mellor marca, é o mellor robot, non hai un máis rápido que este. O servizo técnico é moi bo, sempre están pendentes de nós e estamos moi ben atendidos. Muxindo vacas non hai un robot máis rápido que o Lely Astronaut A5.
Cando fas un investimento deste calibre tes que ir ao seguro e ao práctico. E para nós Lely era un valor seguro polo que apostar.
Que tipo de colares teñen?
Teño colares de celo, rumia e inxesta e dá uns celos súper precisos. A rumia é un gran indicativo porque podes ter unha visión máis concreta do animal e anticipar moito calquera problema que poida ter unha vaca.
Contan a maiores cun arrimador de comida Lely Juno Flex…
Temos arrimador tamén, foi o primeiro que puxemos de Lely e véxoo básico, tanto teñas robot como non. A comida sempre está dispoñible para a vaca durante todo o día. Se as vacas teñen o acceso ao alimento sempre van comer máis, pero tamén van dar máis leite.
Canta xente traballa na súa explotación?
Agora mesmo temos dous empregados e estamos na granxa a miña muller e eu. Aínda que no meu caso teño outro emprego, pero con dúas persoas aquí chega perfectamente, porque non é só atender aos animais, nunha gandaría sempre hai moitas cousas que facer.