“Gañarlle un parto a todas as vacas significa moito nunha granxa de leite”

SAT Bernaldo comezou a cruzar o seu gando fai 5 anos e neste tempo viu como a lonxevidade se incrementaba, reducindo notablemente as necesidades de recría da explotación

Jesús, Maricarmen e Isabel na sala de muxido da gandería en Andoio (Tordoia)

Jesús, Maricarmen e Isabel na sala de muxido da gandería en Andoio (Tordoia)

SAT Bernaldo, ubicada no lugar de Fornelos, pertencente á parroquia de Andoio, no municipio de Tordoia, foi constituída no ano 2011 por dous matrimonios, os formados por Isabel e José Luis e por Maricarmen e Jesús.

En agosto do 2012 estrearon as novas instalacións, nas que xuntaron o gando das dúas ganderías. Buscaban mellorar en comodidade no traballo e gañar calidade de vida, unha das razóns polas que tamén se decantaron por ter animais cruzados no seu rabaño.

Organizan as quendas de traballo para librar unha fin de semana si e outra non cada matrimonio e para poder coller uns días de vacacións no verán. Teñen a maiores un traballador contratado e cando o precisan botan man de empresas de substitución.

Pensamos en xuntarnos para poder librar algo

“No 2012 non había moito a quen chamar, ou muxías ti ou non tiñas quen cho fixera. Por iso pensamos en xuntarnos para poder librar algo, porque senón estabas sempre atado”, indica Jesús.

11.600 litros por lactación

SAT BERNALDO (Tordoia) sala muxido producionEstán muxindo na actualidade 80 vacas, con medias de 37 litros, unha porcentaxe de graxa do 3,70% e de proteína do 3,40%. “Buscamos cubrir os mínimos, pero non nos pelexamos polas calidades, non á algo que nos preocupe”, di Jesús. Entregan o leite á Cooperativa Comarcal de Ordes, que non valora especialmente os sólicos (paga a 0,4 céntimos a décima de graxa e a 0,3 a de proteína).

Entregan o leite á Cooperativa Comarcal de Ordes

No 2023, o último dato dispoñible, obtiveron unha produción media por lactación en Control Leiteiro de 11.600 litros. Moxen nunha sala 2×8 e lévalles hora e vinte. Cando a fixeron no ano 2012 deixaron preparada a sala para poder poñer até 24 puntos pero agora xa pensan máis no robot que na ampliación da sala.

En Procross desde o 2020

SAT BERNALDO (Tordoia) vacas producion ProcrossComezaron a cruzar as vacas fai 5 anos. “No 2020 mercamos as primeiras vacas procross en Portugal e empezamos tamén a inseminar as nosas. Hoxe estamos xa en máis do 40% do gando cruzado e imos camiño do 100% porque o que vén atrás é todo procross”, avanza.

“En produción nós non notamos caída; o que notamos sobre todo é bastantes menos problemas”, di Jesús. “Das 12 vacas que trouxeramos de Portugal aínda están dando leite a día de hoxe 8 e 4 delas xa fixeron 5 partos aquí, máis o que traían xa. A última que saíu marchou con 68.000 litros producidos”, detalla.

Este ano imos pasar do 50% do gando xa cruzado e o noso obxectivo é ir ao 100%

O incremento da lonxevidade está a reducir notablemente as necesidades de recría da granxa. “A media de partos está aumentando a medida que van saíndo frisonas e van quedando das outras”, asegura Jesús. “Gañarlle un parto a todas as vacas significa moito nunha granxa”, insiste.

De mercar vacas a ter excedente de recría

Disponen de una sala de ordeño 2x8

Dispoñen dunha sala de muxido 2×8

Até que empezou a apostar polo gando cruzado, SAT Bernaldo non era capaz de satisfacer a demanda de animais de reemprazo con recría propia e víase obrigado a mercar vacas e xovencas para cubrir as baixas, algo que agora non é necesario.

Desde o 2020 non volvemos meter gando

Fan eles mesmos todo o proceso de recría. Tralo destete, as xatas están nunha zona en cama quente da nave de produción e despois lévanas para o establo antigo de Jesús. Con 7 meses de preñadas volven para a nave de Andoio e están no lote das secas até que paren.

Prevención de problemas postparto

Lote de vacas secas da explotación

Lote de vacas secas da explotación

Outra das características que destacan é que  “as vacas cruzadas saen bastante máis fortes do parto que as frisonas e recuperan mellor”. “Iso non quere dicir que non poida haber unha que teña unha hipocalcemia ou unha cetose, porque son vacas, non máquinas, pero desde logo hai moitos menos casos, e nós coidámolas a todas igual”, argumenta Jesús.

A incidencia de enfermidades metabólicas é menor nas vacas cruzadas

Por rutina, SAT Bernaldo acostuma meterlle un bolo de calcio a todas as vacas tralo parto. “Preferimos previr. Eu penso que naqueles animais que van máis ao límite axúdalles a saír adiante. Pode que ás procross non lles faga tanta falta como ás frisonas, pero dano non lles vai facer”, di.

Por sistema dámoslle un bolo de calcio a todas as vacas ao parir; a elas non lles fai mal e nós quedamos máis tranquilos

“Gastar 50 euros por vaca no parto van ben empregados se con iso evitas problemas. Só con 2 ou 3 casos de cetose ou desprazamento de abomaso que evites xa aforrache cartos e cunha soa vaca que salves xa che compensou o gasto de todo o ano”, argumenta.

Monitorización do gando

Las camas son de una mezcla de cáscara de pino con carbonato

As camas son dunha mestura de cáscara de piñeiro con carbonato

No mes de outubro instalaron colares de monitorización do gando para ter os animais máis controlados en todo momento e ter datos de celos, rumia ou control de saúde. “Antes non tiñamos podómetros nin ningún outro sistema e o que notamos é que detectamos antes as cousas”, indica Jesús.

Decidímonos a usar seme sexado nas xovencas e en primeiro parto porque coa axuda dos colares acertas máis

A raíz de poñer os colares empezaron tamén a utilizar seme sexado. “Acertas máis porque a ti pódeseche pasar un celo, pero ao colar non se lle pasa un, e dache ademais a ventá óptima de inseminación, polo que acertas máis”, defende.

Escollemos touros cárnicos de fácil parto e que non retrasen a xestación

Comezaron a poñer o seme sexado nas xovencas e nas vacas de primeiro parto e a súa idea é poñer despois cruces cárnicos nas vacas. “Queremos poñer touros cárnicos pero priorizando ante todo a saúde da vaca, é dicir, escollendo touros que non dean problemas no parto e que non retrasen a xestación, porque o noso obxectivo é producir leite, non becerros. É certo que son unha fonte de ingresos máis para a explotación, pero se por ter un xato que che deixa 50 euros máis fastidias unha vaca, daquela non compensa”, razoa.

Establo inmobilizado durante 60 días

SAT BERNALDO (Tordoia) cepillo benestar animalAs explotacións que nos últimos anos trouxeron vacas de Portugal están no punto de mira dos servizos veterinarios oficiais da Consellería. Malia que os animais foron sangrados en orixe para confirmar que viñan sans, as granxas receptoras vense obrigadas a repetir a campaña de saneamento todos os anos.

Pedimos que se fagan probas comparadas para evitar os falsos positivos e o sacrificio de vacas sanas

No caso de SAT Bernaldo, na deste ano obrigáronos a sacrificar tres vacas sen facer previamente a proba comparada, algo do que se queixa Jesús. “No 2022 matáronnos catro vacas e ningunha deu positivo despois no matadoiro nin no laboratorio e este ano das tres que levaron tampouco deu ningunha; non hai dereito”, di.

“Estamos no século XXI e non me parece normal que para estar seguros de se unha vaca ten tuberculina ou non haxa que matala. Penso que ten que haber outros xeitos de diagnosticar a enfermidade. Din que Galicia está libre de tubercolose, pero parece que matan máis vacas nos establos agora que cando a enfermidade estaba plenamente vixente. É un sinsentido”, engade.

Non é normal que en pleno século XXI haxa que matar ao animal para saber se ten a enfermidade ou non

Jesús desconfía da fiabilidade das probas e achaca a posible trasmisión de tuberculose á presenza de pombas ou outros animais, como xabaríns, polo que pide á Xunta maior control sobre a fauna salvaxe e a realización de probas de contraste previas ao sacrificio para evitar os falsos positivos e a inseguridade que provoca nas granxas.

O non poder sacar os becerros telos comendo e dándoche traballo dous meses

“Ademais da perda de animais sans, o feito de que nos teñan o establo inmobilizado durante dous meses supón un grave prexuizo para unha explotación, xa que tes unha acumulación de becerros que tes dificultades para vender e que ademais non che pagan a nada aproveitándose diso. Tes cuxos que, co valor que teñen hoxe, tiñan que valer 300 euros e polos que che van dar 80 euros porque teñen que ir para un cebadeiro cerrado”, denuncia.

Mestura de cereal con veza como cultivo de inverno

SAT BERNALDO (Tordoia) cultivo de inverno cereal con vezaSAT Bernaldo traballa unhas 47 hectáreas de terreo. “Non son todas nosas, en propiedade debemos ter unhas 30 e o resto son arrendadas ou prestadas”, explican.

Priorizan o cultivo de millo, que sementan en máis de 40 hectáreas, e despois rotan cunha mistura de veza e avea no inverno para facer un corte só de ensilado antes de volver sementar o millo.

Para sacar o máximo partido ao terreo do que dispoñen fan dobre cultivo anual en case todas as fincas

“Até fai 4 anos botabamos raigrás só no inverno pero decidimos cambiar por unha mestura de cereal con leguminosa, que dá menos traballo porque ensilas unha vez soa e se a botas cedo permíteche sementar antes o millo e é un silo moi apetecible para as vacas”, indican.

Medias por enriba dos 50.000 kg por hectárea

Logran altas producións forraxeiras, que no caso do millo ronda os 50.000 kg por hectárea en pesebre. “Anotamos o carro todos os días e a media que nos sae é esa, descontadas xa as mermas e as posibles perdas que poida haber no silo”, detalla Jesús.

Este ano deunos que ensilar, algunhas fincas tiróunolas o vento e outras son parcelas molladas e tivemos problemas para entrar

“Aquí é terreo bastante húmido e estes anos que fixo calor houbo boas producións de millo”, explica. Pero este ano nesas fincas molladas tiveron problemas despois á hora de ensilar para entrar coa colleitadora. Naquelas parcelas nas que non botan millo, ben por ser pequenas ou moi molladas, téñenas a pradeira permanente para facer herba seca.

Ensilado da herba en pacas cadradas

A base da ración diaria das vacas en produción de SAT Bernaldo é o millo. “Eu teño que recoñecer que son un fanático do millo. Aquí botamos entre 40 e 42 kg de silo de millo, en función de como dea nas analíticas, 10 kg de concentrado e 5 ou 6 kg de veza-avea, que pode chegar incluso a 7 dependendo da súa calidade”, indica Jesús.

Teño que recoñecer que eu son un fanático do millo, é un produto máis estable e que non dá problemas

No canto de ensilar o cultivo de inverno nos silos de trincheira, prefiren facelo en pacas cadradas, para garantir unha mellor conservación. “Como metemos poucos quilos na ración, andariamos pouco frente todos os días e perderíase”, razoa.

Ensilar en pacas permítelles tamén ir segando escalonadamente en función da climatoloxía a medida que as distintas fincas están no momento óptimo de corte. “O millo é máis estable e non dá normalmente problemas, porque se non che gusta a 30 cm de alto córtalo a 40, pero para ensilar a herba tes que ir coa rotativa pegada ao chan, non hai outra maneira de facelo”, argumenta.

CUMA Vitoba

Tratan de facer eles parte do traballo agrario pero, din “non te podes permitir ter todas as máquinas”. “Nós botamos o purín e o abono químico e fresamos ou gradamos por enriba pero se hai que arar algunha finca contratamos, igual que sementar, picar o millo ou facer as pacas de silo de herba”, explican.

SAT Bernaldo comparte o servizo de carro mesturador con outras 14 granxas da zona

Forman parte tamén da CUMA Vitoba, formada por 15 granxas de varias parroquias do concello de Tordoia. “Formouse no seu momento para o carro e agora temos algo de maquinaria a maiores, como un rulo. Contamos con dous traballadores que se turnan para poder facer os descansos e as libranzas”, contan.

Reportaxe elaborada coa colaboración comercial de Global Genetics

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información