
Entrega de premios ás adegas gañadoras na Cata celebrada co gallo da Feira do Viño de Amandi
A Cata organizada esta pasada fin de semana co gallo da Feira do Viño de Amandi serviu para salientar as características dos caldos desta subzona da Denominación de Orixe Ribeira Sacra. Este ano o certame foi organizado por Vinosacra e participaron por primeira vez por membros da Asamblea nacional da Federación Española de Enólogos. O xurado destacou a grande calidade dos viños catados.
Os viños gañadores da edición deste ano foron:
Tinto xoven:
- Cividade Mencía (Adega Cividade)
- Coronin’24 (A Carqueixa)
- Romeo Domain’24 (Adega Gullufre)
Mellor branco xoven:
- Don Nilo’24 (Adega Tear)
Mellor rosado xoven:
- Cardenal Rodrigo Castro 24 (Adega Soutelo)
Mellor tinto barrica:
- Prómine Barrica’23 (Adega A Petrón)
Mellor viño doutras colleitas:
- Dona Regina Godello Garda 23 (Regina Viarum)
Todos eles levaron un diploma e unha peza de Gundivós, ao igual que o autor do cartel anunciador da Feira, o murciano Rubén Lucas García.
Á espera da declaración como Patrimonio da Humanidade
A Feira do Viño de Amandi consolidou o seu poder de convocatoria na edición número 45 celebrada esta fin de semana coa asistencia de centos de persoas. O pregón correu a cargo de Lucía Pérez, cantante natural do Incio, o concello homenaxeado na Feira deste ano e que estivo representado polo seu alcalde, Héctor Corujo e varios membros da Corporación.
Na súa intervención, o alcalde de Sober, Luis Fernández Guitián, destacou que este ano na Feira, coa que “Sober rende homenaxe ás mulleres e homes que co seu traballo diario sacan adiante una nova colleita, puidemos compartir o viño coa paisaxe facendo realidade na praza do Concello o slogan do Consello Regular da D.O. Ribeira Sacra: O sabor dunha paisaxe”.
Se non tivese sido pola Feira do Viño de Amandi, hoxe posiblemente a tradición ancestral da olería de Gundivós estaría desaparecida
O alcalde defendeu que “a implicación colectiva de administracións e veciñanza fará que a ansiada declaración da candidatura ‘A paisaxe da auga da Ribeira Sacra’ a Patrimonio da Humanidade (a única de España en tres anos) sexa unha realidade en poucos meses”.
Fernández Guitián lembrou que a primeira Feira do Viño de Amandi celebrada hai 45 anos “trouxo consigo un importante incremento na valoración dos viños desta subzona da Ribeira Sacra”, pero tamén “a recuperación da Olería de Gundivós”. Así o explicou en recordo de Obdulia Rodríguez, Lula de Campoverde, que “hai 45 anos fixo un par de fornadas para traer cacharros á feira” e que “faleceu hai poucos meses”. Tamén Alonso, Agapito, Ventura e Federico volveron á feira, pero “de non ter sido pola primeira Feira do Viño de Amandi, hoxe posiblemente esta tradición ancestral estivera unicamente no recordo”.
Galego









Control OJD