A segunda edición dos Premios Arquitectura en Madeira CESUGA | Pino de Galicia revelou os proxectos gañadores nas catro categorías do certame, elixidos entre as numerosas propostas presentadas a concurso. Estes proxectos, que utilizan a madeira como material preferente, foron executados na península ibérica entre o 31 de maio de 2023 e o pasado 30 de abril. Os galardóns, que se entregarán no próximo mes de xullo durante a celebración do Encontro da Toxa, un foro económico de referencia en Galicia organizado por CESUGA, pretenden recoñecer aquelas actuacións que poñen en valor as posibilidades da madeira como recurso natural, renovable, reciclable e sustentable.
O xurado, composto por cualificados especialistas do sector, destacou no seu fallo o alto nivel e a gran calidade das propostas seleccionadas, así como a súa “diversidade de escalas, de estándares orzamentarios, de emprego da tecnoloxía e de respostas espaciais”. Presidido polo profesor Venancio Salcines, presidente do consello reitor de CESUGA e da marca Pino de Galicia, formaron parte do tribunal Silvia Blanco, directora do grao de Arquitectura de CESUGA; David Lorenzo, secretario da marca Pino de Galicia; Daniel Ibáñez, director do Instituto de Arquitectura Avanzada de Cataluña (IAAC); Alberto Alonso, director do blog Veredes e docente de Arquitectura en CESUGA; e os arquitectos Juanjo Otero e Cecilia Muíños (do estudio MOLArquitectura, en Ourense), Cristina Ezcurra e Cristina Ouzande (de Ezcurra e Ouzande, en Santiago) e o arquitecto Luis Gil Pita, vogal de Cultura da executiva do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG), socio do estudio Gil Pita-Nieto Peñamaría, con sede tamén en Compostela, e gañador o ano pasado xunto a Cristina Nieto na categoría de deseño de produto polo mueble-confesionario que realizaron para a Catedral de Santiago.
Na categoría de obra nova, foron dúas as propostas gañadoras. Unha delas é o mercado provisional de Horta, en Barcelona, de Ravetllat Arquitectura e Carles Enrich Studio, que destaca polo seu plantexamento como un espazo en dous tempos, combinando unha infraestrutura permanente e un uso temporal como mercado que, unha vez clausurado, pasará a funcionar como pérgola e elemento de sombra urbano, articulando o espazo público que conecta os barrios de Horta, Carmel e a Clota. O xurado valorou o seu “acertado plantexamento de construción, pero tamén de deconstrución, onde a utilización da madeira se ergue como aliado insubstituíble”.
O galardón comparteuse ex aequo con Casa Panchés, vivenda deseñada en Carnota (A Coruña) polo estudio compostelán Arrokabe Arquitectos. Trátase dunha “intervención modélica” na que se valorou especialmente “o uso intensivo da madeira, a integración sensible co entorno, a amplitude espacial e a reinterpretación de tipoloxías tradicionais”. Ademais, destaca pola multiplicidade de madeiras empregadas (eucalipto, piñeiro silvestre, castiñeiro, abeto, iroko) e porque, como se tratase dun puzle, todo encaixa á perfección.
O premio á mellor reforma foi para o edificio da Autoridade Portuaria da Coruña, obra de Roberto Costas Pérez e Óscar Pedrós Fernández, do estudio coruñés Costas+Pedrós. O xurado seleccionouna por demostrar que “a rehabilitación dunha preexistencia pode transformar radicalmente o espazo mediante o enxerto dunha peza autónoma como motor da espacialidade previa”, así como por crear unha nova peza “que contrarresta a desnudez e rudeza do formigón coa calidez da madeira, articulando todos os espazos a través do seu corpo central”.
O expositor COplant, encargo dunha empresa local a Arqxé Arquitectura (estudio de Jorge Enríquez e Adrián Pinaque, situado en Tui) para mostrar as súas plantas de diferentes tamaños, gañou na categoría de deseño de produto e pequena escala. O xurado valorou a simplicidade do seu sistema de módulos de fácil transporte e ensamblaxe, a súa funcionalidade adaptable, o uso dunha “tectónica autoportante reducida á mínima expresión” e a súa capacidade para xerar “unha materialidade ausente, pero tan importante en arquitectura, sexa cal sexa a escala: a sombra”.
Por último, o premio especial Marca de Calidade Pino de Galicia foi para a Casa ID e Taller Grau, de Rellam (estudio de Valencia integrado por Lluis J. Liñán, Xevi Lluch e Andrea Gimeno). Situada en Ames, a estrutura desta casa realizada con paneis CLT -madeira contralaminada, a madeira que xubilará ao formigón- destaca pola súa lixeireza, pola eficiencia no uso dos materiais, a súa pegada de carbono practicamente nula e o respecto ao territorio no que se integra. A madeira CLT de Pino de Galicia foi fabricada por Xilonor, a primeira planta de madeira contralaminada de Galicia, situada no polígono empresarial de Coirós.