Gañadores da cata popular da Feira do Viño do Ribeiro

Publicidade
Gañadores da cata popular da Feira do Viño do Ribeiro

Gañadores da cata popular da Feira do Viño do Ribeiro

Este domingo pola tarde tivo lugar a entrega de premios da Cata Popular desta 56ª edición da Feira do Viño do Ribeiro, ao que asistiron o presidente do C.R.D.O. Ribeiro, Juan Manuel Casares Gándara, o alcalde do Concello de Ribadavia, Ignacio Gómez Pérez (coorganizadores do evento) e outras autoridades.

Na categoría de Viños Brancos de Adegas resultou galardoado co primeiro premio Ramón do Casar 2018, de Adega Ramón do Casar e o viño Alter 2018 de Priorato de Razamonde recibiu o segundo premio. Pola súa banda, na categoría Viños Brancos de Colleiteiros, levou o primeiro premio Eduardo Bravo 2018 de José González Álvarez e ao viño Catro Ferrados 2018 de José Varela Augado outorgóuselle o segundo premio. Por último, na categoría de Viños Tintos, o mellor veu tinto de Colleiteiros recaeu en Cuñas Davia 2017 de Adegas Valdavia e o mellor veu tinto de Adegas resultou ser Priorato de Razamonde 2017 de Priorato de Razamonde.

Doutra banda, recoñeceuse como Mellor Catador de Viños Tintos de Adegas a Reyes Rosas Alonso de Ourense; o galardón de Mellor Catador de Viños Tintos de Colleiteiros levouno Alejandra Otero Vaquero, de Ribadavia. Na categoría de Mellor Catador de Viños Brancos de Colleiteiro premiouse a Darío Vázquez Boullosa, veciño de Ourense e como Mellor Catador de Viños Brancos de Adega o galardoado foi Roberto Taibo Frieiro, de Ribadavia. Estes premios outórganse ás persoas que máis se acheguen aos resultados finais dos viños premiados en cada unha das categorías.

Na súa intervención, Juan Manuel Casares quixo resaltar “o nivel dos nosos brancos que poden competir cos mellores do mundo e a potencialidade de futuro dos nosos tintos”. Ademais, fixo un repaso pola xestión durante os 19 meses que leva á fronte do Consello Regulador, onde fixo fincapé nas medidas implementadas en material económica e de control sinalando que “desenvolvemos unha estratexia contundente contra a fraude no uso da marca Ribeiro e só é Ribeiro aquela botella que leva precinta de garantía”. Por último fixo alusión á campaña “O Camiño do Viño” da que comentou que “constitúe unha aposta decidida por dinamizar o noso territorio a través dun plan de acción que o promocione como destino enoturístico, utilizando o viño Ribeiro e a riqueza da nosa historia como fíos condutores”.

O alcalde de Ribadavia, Ignacio Gómez, súmase ás felicitacións para adegueiros e colleiteiros, e lembrou que “para unha gran feira hai que dedicar moito traballo e esforzo, tanto de adegas e colleiteiros como dos viticultores. Este evento é unha posta en valor do noso produto estrela, o viño e ademais dos premiados, gañadores da cata popular, gañamos todos”. Por último agradeceu “o traballo dos voluntarios incansables na feira así como o saber estar de todos os visitantes que fan deste evento algo moi grande”.

Cata Popular

Esta actividade, organizada polo C.R.D.O. Ribeiro, está dirixida ao público final, que é o que cata e premia os mellores viños da feira. Do total das 40 marcas presentadas a concurso (13 viños brancos de adegas, 11 brancos de colleiteiros, 8 viños tintos de adegas e 8 tintos de colleiteiros) son valoradas en cata a cegas, é dicir, sen coñecer a marca do viño que se está probando.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información