Gañadores da cata popular da 62ª Feira do Viño do Ribeiro

Preto de 150 persoas participaron no concurso celebrado na Madalena no que o público final cata e valora os viños brancos e tintos dos produtores presentes con caseta na Alameda de Ribadavia

Publicidade

GANHADORES CATA POPULAR FEIRA DO VINHO RIBEIROEste mediodía tivo lugar a entrega de premios da Cata Popular da 62ª edición da Feira do Viño do Ribeiro, un acto ao que asistiron a presidenta do C.R.D.O. Ribeiro, Concha Iglesias Pousa, o alcalde do Concello de Ribadavia, César Fernández Gil (coorganizadores do evento), o conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, o director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén e outras autoridades.

Na categoría de Viños Brancos de Adegas resultou galardoado co primeiro premio Cunqueiro Terceiro Milenium 2024 de Adegas Cunqueiro e o viño Ramón do Casar Varietal 2024, de Adega Ramón do Casar, recibiu o segundo premio. Pola súa banda, na categoría Viños Brancos de Colleiteiros, levou o primeiro premio Cuñas Davia A Xiada 2024 de Adegas Valdavia. Por último, na categoría de Viños Tintos, o galardón de mellor viño tinto foi para Cunqueiro Centenario Mencía 2023 de Adegas Cunqueiro.

Doutra banda, recoñeceuse como Mellor Catador de Viños Brancos de Adega a Ismael García Hermida, de Abelenda das Penas, Carballeda, e como Mellor Catador de Viños Brancos de Colleiteiro o galardoado foi Brian Leal, veciño da Valenzá, Barbadás. Por último, na categoría de Mellor Catador de Viños Tintos premiouse a Fátima Montero Sordo, visitante chegada de Santiago de Compostela. Estes galardóns outórganse a aqueles participantes que máis se aproximen aos resultados finais globais dos viños premiados nas distintas categorías.

Na súa intervención, Concha Iglesias quixo agradecer a participación das adegas e colleiteiros, apoiando este evento promocional tan importante para a D.O., sobre todo nesta edición que foi un pouco máis longa, así como o traballo realizado tanto por parte dos traballadores do C.R.D.O. Ribeiro como do Concello de Ribadavia para levar a cabo esta nova edición. Felicitou tamén aos gañadores da Cata Popular e instou os visitantes a apurar as últimas horas para probar os seus viños se non tiveron ocasión de catalos aínda.

O alcalde de Ribadavia, César Fernández, súmase ás felicitacións ás adegas premiadas na cata e tamén aos agradecementos, resaltando o arduo traballo dos voluntarios, persoal incansable durante os catro días de feira, así como o saber estar de todos os visitantes que logran, ano a ano, converter este evento nunha experiencia única.

Esta actividade, xestionada polo C.R.D.O. Ribeiro, está dirixida ao público final, que é o que cata e premia os mellores viños da feira segundo o seu propio criterio. A totalidade das 21 marcas presentadas a concurso (10 viños brancos de adegas, cinco brancos de colleiteiros e seis viños tintos) foron valoradas por todos os participantes en cata a cegas, é dicir, sen coñecer a marca do viño que están a probar.

Imaxe participantes CATA FEIRA RIBEIRO 25

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información