‘Gallaecia’ avalía 194 viños de Rías Baixas

A asociación de sumilleres efectúa unha cata para seleccionar as marcas que pasan á final do certame Distinguidos Gallaecia 2015

Publicidade
‘Gallaecia’ avalía 194 viños de Rías Baixas

Cata de Gallaecia de viños da DO Rías Baixas.

Un total de 194 marcas da Denominación de Orixe (DO) Rías Baixas participaron na primeira fase do concurso Distinguidos Gallaecia 2015, organizado pola Asociación de Sumilleres Gallaecia. A entidade realizou unha cata dos viños, protagonizada por 23 sumilleres divididos en catro paneis de cata, para escoller aos viños de Rías Baixas finalistas do concurso.

Ao certame Distinguidos Gallaecia 2015, un dos principais do ramo na comunidade, concorren viños de todas as denominacións de orixe de Galicia. Na primeira fase selecciónanse aqueles viños cuxa puntuación sexa superior aos 85 puntos sobre 100. Son os que pasarán á fase final, que se desenvolverá os días 31 de agosto e 1 de setembro en Lugo.

Na cata da DO Rías Baixas, servíronse viños brancos, tanto de 2014 coma de anadas anteriores, chegando mesmo ata 2006, ademais de tintos e escumosos.

“Os Rías Baixas teñen un potencial de envellecemento que pode xerar gran valor engadido” (Luis Paadín)

Sobre a cata de 2014, o presidente de Gallaecia, Luís Paadín indicou que os viños rexistran “unha acidez marcada”, unha característica destes viños valorada tanto polos profesionais coma polo consumidor. Algo que os sumilleres de Gallaecia puideron comprobar na cata desta mañá é “a capacidade de garda que teñen os Rías Baixas, algo que non hai noutras rexións de España. O potencial de envellecemento vén cun valor engadido enorme porque permitiría ofrecer en hostalaría unha carta de viños con diferentes anadas. Aquí non se ven, pero no resto de Europa, si”, afirma Paadín.

O presidente de Gallaecia sinalou que nesta denominación de orixe “hai un potencial de variedade, chans e de tecnoloxía que nos vai permitir afinar moito máis esa corda -da calidade dos viños Rías Baixas- que xa soa moi ben”. Ademais, Paadín destacou “a diversidade” existente, especialmente no que ás diferenzas entre as distintas subzonas se refire. “É algo moi relevante e que hai que “fomentar”, concluíu.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información