
Gabriel, cunha das táboas de carballo que serran en Baralla para fabricar doelas
O carballo é a frondosa autóctona máis abundante nos montes galegos, pero é utilizada principalmente para leña. Desde XERA, a Axencia Galega da Industria Forestal, están desenvolvendo experiencias piloto en distintos montes de toda a xeografía galega para valorar posibles usos da madeira galega de frondosas, como o carballo ou o castiñeiro, en cortas intermedias e para usos de maior valor.
A cuestión é que hai demanda no mercado para distintos usos da madeira de frondosas. Só resta cadrar a demanda coa oferta de madeira que se pode facer desde Galicia. Como exemplo de éxito, nas toradas de maior diámetro destaca o caso da tonelería, unha actividade á que se adican catro serradoiros galegos como actividade principal. Deles, destaca en Baralla (Lugo) Galiquercus SL. Coñecemos como traballan.
A orixe da empresa remóntase á década dos 40 do século pasado cando Manuel Fernández Villares, comezou a cortar madeira cunha carroceta e unha cuadrilla de obreiros. O aserradoiro, que se encontraba noutro lugar do pobo, transladouse á actual ubicación no ano 1981, co seu fillo, Manuel Fernández Martínez, xa no negocio familiar.
Hoxe atópase á fronte a terceira xeración da familia, representada por Gabriel Fernández Rodríguez, que decidiu especializar as instalacións na fabricación de doelas para bocois. A antiga Maderbar, hoxe baixo o nome Galiquercus, fabrica ao ano 2.000 metros cúbicos de doelas de carballo, o que o converte no maior aserradoiro para tonelería de España.
Foron o pai e o avó de Gabriel quenes comezaron a tecer as relacións cos seus principais clientes actuais, os artesáns toneleiros de Andalucía
“A historia da tonelería é moi antiga. Remóntase á época da Armada Invencible e foron realmente os ingleses os que a impulsaron. Os toneis empregábanse naquela época como un contedor para o transporte de mercadorías. Por exemplo o viño de Oporto que levaban desde Portugal ou o Jerez que levaban desde Andalucía. Ao acumularse tal cantidade de toneis nos portos ingleses, decidiron usalos para meter neles os seus destilados, como o whisky, e déronse conta de que melloraban ao envellecer neles”, explica Gabriel.
Foi entón cando as principais destilerías de Irlanda e o Reino Unido comezaron a mercar toneis de viño en Andalucía, onde se usaba sobre todo o castiñeiro para facelos. “Na zona estremeña de Hervás e Béjar hai moito castiñeiro e había aserradoiros para facer toneis nos que se transportaba sobre todo aceite, pero tamén salazóns ou viño. Pero os ingleses querían toneis de carballo, polo que os artesáns toneleiros empezaron a vir ao norte de España en busca de madeira de carballo”, conta.
Destilerías de moito renome comezaron a buscar carballo para fabricar os seus barrís no norte de España e vimos niso un nicho de mercado interesante
Foi a necesidade dos xerezanos de buscar este tipo de madeira para facer os seus barrís os que os puxo en contacto co pai e o avó de Gabriel. Empezaron a serrar para eles, pero eran cantidades pequenas que metían polo medio das partidas de castiñeiro, nogueira, ameneiro ou cerdeira que lles traían os veciños.
“O da tonelería antes era un mercado que non estaba tan en auxe como actualmente”, recoñece Gabriel. Pero hoxe, non hai un bo whisky que se precie no mercado que non envellecera nunha barrica de carballo, unha moda que tamén está saltando a outras bebidas de alta gama, como a xenebra ou mesmo a cervexa, o que refrenda a aposta que fixeron por este sector.
O auxe actual da tonelería augura un porvir esperanzador para o sector
“Fai 20 anos deixouse de serrar para as minas, que era algo que xa estaba desaparecendo, e para a industria dos mobles castellanos de Toledo, que tamén ía a menos, e tomouse a decisión de deixar de serrar tamén para fóra e centarnos na tonelería, porque vimos que a demanda estaba aumentando. Foi a solución que o meu irmán Alejandro naquel momento atopou para esquivar a crise deses outros sectores aos que nos dedicabamos e coincidiu cun despegue da tonelería de whisky”, explica Gabriel.

Doelas listas para enviar aos clientes para o posterior proceso de secado e confección das barricas
Pouco a pouco, de xeito progresivo, o aserradoiro de Baralla foise especializando nese nicho de mercado e hoxe é a base do seu negocio, tanto que o 95% da súa produción vai destinada a iso. Teñen dúas liñas de produción adicadas a facer doelas cun plantel de traballadores de 18 persoas, todas centradas no proceso de fabricación ou a tarefas administrativas, xa que non dispoñen de equipo de corta en monte.
Non entra ao noso parque de aprovisionamento ningunha peza que non fora antes seleccionada por nós
Gabriel é o encargado dos subministros de materia prima, que proceden en máis dun 50% de subastas en Francia. Tamén mercan pezas a outras empresas forestais en Galicia ou mesmo madeira en pé directamente a propietarios que dispoñen de montes con frondosas, subcontratando despois o apeado e a saca.
Pero, sexa cal sexa a súa procedencia, aclara Gabriel, “non entra ningún tronco ao noso parque de madeira que non fora visto e seleccionado antes por min”. Esa selección previa peza a peza é a base dun negocio que basea a súa rendibilidade na calidade do produto final e en maximizar o aproveitamento, minimizando os refugallos do proceso.
Un recurso local abundante pero de escasa calidade

Toradas de carballo na peladora, ao inicio do proceso de fabricación, a maioría procedentes de Francia
Unhas 370.000 hectáreas de monte en Galicia están ocupadas por carballo (250.000 con Quercus robur como especie dominante e 120.000 por Quercus pyrenaica). Equivalen a unhas existencias totais de máis de 30 millóns de metros cúbicos en volume madeirable (as existencias medias das carballeiras cífranse en 120 m3/ha e 86 m3/ha no caso das reboleiras), o que supón unha grande oportunidade.
Córtanse 170.000 metros cúbicos desta frondosa autóctona cada ano, pero o seu uso principal segue sendo o destinado a leña debido a súa pouca calidade para outros usos, o que obriga a Galiquercus a subministrarse principalmente en Francia.
A maior parte do carballo que se corta actualmente en Galicia carece da calidade necesaria para o seu uso en tonelería
“Nosoutros usamos madeira do país toda canta podemos, pero non temos toda a que necesitamos para o noso proceso industrial”, lamenta Gabriel. “É unha madeira moi específica e non toda cumpre”, aclara.

Toradas de longos que van desde os 50 aos 130 cm logo do paso pola tronzadora
O grosor mínimo necesario que ten que ter unha peza de carballo para poder destinala a doelas sería de 40 cm pero, a maiores, debe cumprir outros requisitos. “Ten que ter unhas características moi concretas: teñen que ser pezas limpas e ter o fío dereito, porque senón rompe ao dobrar as táboas”, explica.
Se o crecemento da árbore ten o fío torcido non serviría, porque ao facer a doela e dobrala para facer o costal do tonel partiría
Tras pasar pola peladora, as toradas son cortadas na tronzadora en longos que van de 50 cm a 1,30 metros, en función da conformación da peza e os posibles defectos que conteña. “O longo non nos condiciona en exceso, porque somos capaces de aproveitala a partir de 70 cm”, detalla Gabriel.
Das cortas á feito ao proteccionismo excesivo

Un dos parques de madeira da empresa, que traballa cun ano de stock de materia prima
“Nos anos 50, 60 e 70 cortáronse moitas carballeiras á feito, sen ningún tipo de control e sen seleccionar pés de porvir, e iso foi o que nos condenou, o que fai que hoxe en día non teñamos madeira de calidade. O que se serraba naquela época destinábase ás vías do tren e ás minas e valía case todo. Despois, coas normas proteccionistas de carácter ambiental a partir dos anos 90, deixouse de cortar e pasouse ao outro extremo, e hoxe temos carballeiras con 30 ou 40 anos pero nas que non se fixo tampouco selección de ningún tipo. Moitos destes montes teñen un gran potencial, pero é necesario facer cortas intermedias e esperar”, defende.
“As frondosas aportan un rendemento económico final moito máis alto en comparación coas especies de crecemento rápido pero os seus ciclos tamén son moito máis longos. No carballo os turnos de corta son de 150 anos; é necesario incentivar ao propietario dalgún xeito para que aposte por iso e non por poñer piñeiros ou eucaliptos. En comparación con outros países imos por detrás moitos anos, pero para ter madeira de calidade galega no futuro haberá que empezar nalgún momento”, sentenza.
No carballo os turnos de corta son de 150 anos; débese incentivar ao propietario dalgún xeito
Para dispoñer de madeira de calidade, máis que levar a cabo repoboacións e podas, Gabriel é partidario de deixar actuar á natureza, por medio de rexeneración natural e posterior selección, que é onde entra a man do home.
“Está todo inventado. Eu que merco moita madeira en Francia, non vexo alí á xente podando os carballos. O que fan é que traballan de inicio con densidades altísimas que obrigan ás árbores a competir e a medrar cara arriba en busca de luz. Aquí, en cambio, cando plantamos frondosas poñemos unha árbore aquí e outra a 8 metros de distancia e o que facemos é ter árbores achaparradas”, compara.
6 metros cúbicos de madeira galega para conseguir 1 de doelas
Esa diferenza marca o rendemento obtido, xa que o aproveitamento final varía moito en función de como sexa a madeira que entra ao serradoiro. “Na madeira galega os niveis de desperdicio son moi elevados, por iso o prezo que se paga por ela tamén é moi inferior ao dos troncos de carballo procedentes de Francia”, explica Gabriel.
Os rendementos en Galicia son moi baixos, por iso os prezos que se pagan por eses troncos de carballo tamén son moi inferiores
“Seleccionando ben as árbores no monte e traendo xa unha madeira en condicións, de carballo do país necesitamos como mínimo 6 metros cúbicos de tronco para facer un metro cúbico de táboa para doelas, cando con boa madeira procedente de Francia a conversión pode ser de 2,5 metros cúbicos de tronco para obter un de doelas”, detalla.
Compra en poxas públicas en Francia

Gabriel, consultando un dos catálogos que recibe para participar nas habituais poxas que teñen lugar en Francia
Máis da metade da madeira que chega a Baralla procede neste momento de Francia, onde Gabriel compra directamente en distintas poxas que se celebran ao longo do ano, ben de madeira procedente de montes públicos, a través da plataforma de venda do Goberno francés, ben de parcelas de propietarios particulares ou municipios a través de organizacións como Experts Forestiers.
En Francia a madeira no monte cómprase por metro cúbico, mentres que en Galicia o habitual é facelo por tonelada
En conxunto, en Francia existen 11.000 comunas forestais locais, que suman 3 millóns de hectáreas de monte, que supoñen o 20% da superficie forestal do país, e boa parte dos propietarios particulares están asociados en cooperativas que se encargan da comercialización.
Unisylva, por exemplo, realiza unhas 10 subastas de madeira ao ano, onde presenta distintos lotes ofertados por propietarios particulares que son socios da cooperativa, cun volume de vendas anual de máis de 150.000 metros cúbicos. Unhas 800 empresas de toda Europa, entre elas Galiquercus, presentan as súas ofertas, entre as que se escolle o mellor postor.

A demanda de madeira para tonelería aumentou nos últimos 10 anos e os prezos disparáronse trala covid-19
O habitual é que os prezos nestas poxas se movan entre os 250 e os 400 euros metro cúbico para a madeira en pé, chegando a superar os 1.000 euros no caso da apeada a pé de pista. Os prezos soben habitualmente no inverno.
“A madeira de carballo subiu moito durante a covid porque entraron no mercado compradores asiáticos, empezou a escasear a madeira e o prezo disparouse. Hoxe está estabilizado pero non vai baixar, porque é un produto de calidade escaso que é finito”, insiste Gabriel.
A selección en orixe garante á empresa de Barralla madeira que se adapta ás súas necesidades
“Mercamos lotes enteiros, ben sexa madeira en pé no monte ou fustes completos a pé de pista, madeira bord de route que se chama, que é o que máis compramos. Alí seleccionamos e traemos directamente o que nos interesa e o resto do tronco comercializámolo alí para outros usos (chapa, tarima, leña, etc). O segredo deste negocio é saber o que compras e saber identificar os defectos (cebolo, nós, etc) para esquivalos. É un traballo minucioso de selección”, di.
Por iso, asegura, “o verdadeiro valor da nosa empresa son as persoas e a súa experiencia e coñecemento, tanto á hora de seleccionar e comprar a madeira como despois en produción á hora de serrala”, valora.
O proceso está mecanizado no posible pero é moito máis manual que o serrado doutras especies. “Aquí é imposible ter unha canteadora ou unha retestadora automática, como hai no piñeiro, o noso é un proceso moito máis individualizado, no que prima o control de calidade e o descarte das pezas con defectos. Até que a doela acaba no paquete, hai tres persoas que a verifican, primeiro no canteado, despois no retestado e finalmente no empaquetado”, indica.
Serrado radial
Galiquercus traballa habitualmente cun stock de madeira dun ano, de maneira as necesidades de materia prima do serradoiro sempre están cubertas. Os troncos estibados nos seus parques de almacenaxe son regados con auga mediante un sistema automático que garante un secado gradual e homoxéneo que reduce a aparición de fendas.
O proceso de produción industrial comeza pelando os troncos e cortándoos en toradas de entre 50 centímetros e 1,30 metros de longo, en función da conformación da madeira e dos posibles nós e defectos que levarían a descartar as táboas resultantes.
O serrado tanxencial, o que se emprega por exemplo no piñeiro, non serve para facer doelas
O serrado tanxencial, o que se emprega por exemplo no piñeiro, non serve para facer doelas. “Ao exercer torsión sobre a táboa rompería”, explica Gabriel. Por iso, o serrado que realizan neste caso é radial, o que leva a un maior desperdicio de madeira.
Logo de facer toradas de distintos tamaños, divídese o tronco groso en porcións, cortándoo primeiro á metade e facendo despois cuartóns desas dúas metades. O tamaño deses cachos en forma de triángulo dependen do diámetro do tronco, que é o que marca o seu aproveitamento á hora de serrar.
Despois, de cada unha desas porcións de tronco, sácanse as táboas para as doelas tendo a precaución de que os aneis queden en cada doela en paralelo ao canto da táboa, como se fora un milfollas, para que ao dobrala para facer o costal do tonel non parta.
Nese proceso de serrado radial desperdícianse, ademais da parte do corazón e a albura do tronco, aqueles anacos dos cuartóns onde os aneis de crecemento quedarían en perpendicular ou en oblicuo ao canto da táboa.
O grosor das táboas é de 3,5 cm e o longo oscila entre 50 e 130 cm en función do tamaño da barrica e se vai destinada ás tapas ou aos costados
O grosor das doelas é sempre de 3,5 cm, cun ancho mínimo de 6 cm e un máximo de 14, mentres que o longo varía en función do uso final da peza. O normal en destilería é empregar barricas de 500 litros, as chamadas botas jerezanas, que empregan doelas de 1,30 metros de longo e tapas de 70 cm. Galiquercus busca axustarse a eses tamaños, cunha sobremedida de 5 cm, pero tamén fabrica longos de 50 e 60 cm para as tapas e de 1 metro e 1,15 para os costados doutro tipo de toneis.
Volta ás orixes: ensaios con toneis de castiñeiro
A tonelería de Antonio Páez Lobato segue a ser a día de hoxe un dos seus mellores clientes e a madeira serrada en Baralla forma parte do proceso de maduración do whisky Jameson, que fabrica a destilería irlandesa Midleton en Cork.
Gabriel estivo a mediados de setembro alí, cos que manteñen unha colaboración estreita para envellecer o seu whisky en barricas de castiñeiro galego certificado. “Os resultados obtidos nas probas están a ser moi bos e está a aumentar a demanda. Empezamos serrando un metro cúbico para facer 20 barricas e este ano xa estamos nas 700 barricas e a previsión é subir a 1.300 o ano que vén”, avanza.
Estamos comezando a facer doelas de castiñeiro galego certificado para tonelería; a previsión é chegar ás 1.300 barricas o ano que vén
Midleton está a abrir esta nova gama de whiskys madurados en castiñeiro en paralelo á que teñen en carballo e, logo de probar castiñeiros de distinta procedencia, optaron por quedarse co galego.
En Baralla, Galiquercus fai unicamente a primeira transformación da madeira, o serrado das doelas, que envían paletizadas en verde a Jerez de la Frontera, onde os toneleiros fabrican as barricas con elas tras un proceso de secado (oreado natural) que dura entre 18 e 24 meses.
Midleton foi tamén a primeira destilería que envelleceu whisky en barricas de castiñeiro irlandés, que foi serrado tamén en Galicia. Esas botellas están numeradas e mesmo inclúen un mapa que indica onde foi cortada a árbore coa que se fixo a barrica na que estivo o whisky. “A aceptación no mercado destes produtos diferenciais e exclusivos está a ser moi boa porque nos whiskys, igual que nos viños, está moito de moda agora o de volver ás orixes, buscando os sabores de antes, e nestes produtos de alta gama, ademais do propio whisky, as marcas venden tamén unha historia”, argumenta Gabriel.
O serrado radial permite, no caso dos viños, unha mellor microosixenación
No caso da madeira de castiñeiro, a conversión a táboa para doela é algo mellor que no caso do carballo, e incluso non sería imprescindible optar polo serrado radial, no que se desperdicia máis madeira, aínda que Gabriel é partidario del. “O serrado radial permite, no caso dos viños, unha mellor microosixenación. No caso do whisky non ten tanta importancia, porque xa é un alcohol a 80 grados que o que necesita é coller os aromas da madeira e do viño que estivo antes en contacto con ela”, di.
A guerra de Ucraína afectou moito ás vendas de whisky europeo de alta gama que mercaban os oligarcas rusos
Normalmente o whisky está moitos anos en bocois usados de bourbon americano de 200 litros e só o proceso final de afinación é o que se leva a cabo en barricas que tiveron antes viños olorosos. As que se fan en España son normalmente de 500 litros e nese proceso de trafego e mestura é onde entra a man do mestre alquimista.
“Só unha parte do whisky, o de gama media-alta, de 100€ para arriba a botella, é o que chega a ese proceso final, porque as nosas barricas son un produto moi caro e non poden meter nelas toda a cantidade de whisky que destilan”, conta Gabriel. A guerra de Ucraína freou o crecemento do sector, que levaba 10 anos de alza de prezos e forte demanda que se trasladou tamén á tonelería.
“Non é un crime cortar unha carballeira”

Algúns dos clientes que empregan a madeira de Galiquercus, entre os que se atopan prestixiosas destilerías irlandesas
Gabriel ten formación no ámbito forestal, traballou durante anos no servizo de extinción de incendios e mamou desde neno a experiencia vital dun serradoiro familiar. Con toda esa bagaxe, reflexiona sobre a dicotomía entre conservación e produción de madeira. “Por suposto que ten que haber árbores senlleiras que haberá que protexer e tratar de conservar, pero para min non é un crime cortar unha carballeira; a xente está moi equivocada niso”, asegura.
“As árbores teñen un proceso de vida e chega un punto no que hai que aproveitar iso que xera a natureza, porque se existe un aproveitamento forestal é hai un plan de rexeneración dese monte, paréceme unha estupidez deixar unha árbore enfermar ou caer por unha tormenta, desperdiciar un recurso natural, en definitiva. O que hai que facer despois, iso si, é rexenerar ese lugar para que volva cumprir un novo ciclo de vida”, di.
É preferibe xerar plásticos para facer barrís antes que cortar madeira nos montes? Para min, son incongruencias ecoloxistas
“En Francia levan 300 anos facendo iso e téñeno claro; aquí aínda non. É preferibe xerar plásticos para facer barrís antes que cortar madeira nos montes? Para min, son incongruencias ecoloxistas”, afirma.
Gabriel está convencido de que é posible lograr unha convivencia entre especies no territorio. “O eucalipto en Galicia pagou moitas carreiras, amañou moitas casas e mercou moitos coches”, asegura, pero defende que os ingresos que produce deben servir para manter o monte xestionado, pagar infraestruturas e plantar frondosas. “En Francia se tes máis de 5 hectáreas de monte estás obrigado a contar cun plan de xestión forestal”, exemplifica.
Destaca tamén do país veciño a profesionalización dos propietarios e a súa unión en cooperativas como Unisylva, CFBL, Alliance, Ligneo ou Cofnor e tamén que grandes empresas como Groupama ou Lactalis invisten no monte por ser un sector atractivo e rendible.
Madeira estrutural de castiñeiro: unha nova liña de negocio en ascenso

Vigas de castiñeiro para construción estrutural no serradoiro de Baralla
O serradoiro de Baralla está certificado en madeira estrutural de castiñeiro en verde. “Estamos tratando de impulsar un pouco esa vía de negocio porque pensamos que a construción estrutural en madeira ten futuro pero estamos importando abeto laminado e temos que dar ferramentas aos arquitectos para que poidan prescribir madeira de frondosas locais”, defende.
De feito, foron eles os que subministraron as vigas de castiñeiro coas que a Plataforma de Madeira Estrutural da USC no Campus de Lugo (Pemade) está a ensaiar para poder establecer unha guía de prescrición para uso de madeira estrutural de castiñeiro en verde.
É moito máis caro facer doelas que serrar vigas de castiñeiro
En Francia, País Vasco ou Navarra a construción tradicional empregaba maioritariamente madeira de carballo, pero en Asturias e Galicia o predominante sempre foi o castiñeiro, unha liña de negocio que Maderbar nunca abandonou e que neste momento está tratando de impulsar.
“Fabricamos vigas, pontóns e táboa para lousados. Pensamos que a medida que se forme aos arquitectos e se informe aos clientes finais, o uso de castiñeiro como madeira estrutural tanto en rehabilitacións como en obra nova é algo que vai ir a máis”, opina Gabriel.
Axudas de Xera para modernización de serradoiros

A máquina que Galiquercus adquiriu grazas á axuda de Xera
A Axencia Galega da Industria Forestal (XERA) conta con distintas liñas de axudas, algunhas delas destinadas a serradoiros para a modernización dos procesos industriais de transformación da madeira.
Dentro destas liñas de subvención, Galiquercus obtivo unha axuda para a adquisición dunha máquina coa que descargar os camións e mover os troncos no parque de madeira. “Sírvenos para cargar a peladora, por exemplo. Tratamos de ser cada día un pouco máis eficientes”, xustifica Gabriel.
Galego









Control OJD