Galifresh, unha transformación da froita con selo galego e sen conservantes

A firma viguesa, especializada en purés de froitas e cremas de verduras, acaba de lograr a marca Galicia Calidade, en pleno proceso de expansión. A empresa, do grupo Froitas Neves, prepara o seu traslado a unha nova nave para incrementar a produción e oferta, á vez que se asenta en mercados coma o asiático

Publicidade
Galifresh, unha transformación da froita con selo galego e sen conservantes

Eusebio Méndez, xerente da firma, con algúns dos produtos que elabora e comercializa Galifresh.

Galifresh está especializada na elaboración de produtos a partir de froitas e hortalizas. “A firma xurdiu por casualidade, tras un encargo especial dun dos hospitais de referencia de Vigo. Aí vimos unha oportunidade e aproveitámola”, explica Eusebio Méndez, xerente da empresa.

A petición inicial do hospital foi para realizar os purés de froitas para os pacientes, debido a un problema nas cociñas. O servizo puntual converteuse nun contrato para servirlle os purés e comezaron a detectar tamén demanda destes novos produtos, de aí, que a firma decidise apostar por esta transformación. “A xente achegábase ás nosas froiterías a preguntar polos purés de froita que comeran no hospital. Aí démonos conta que tiñan demanda”, lembra Eusebio.

“A xente achegábase ás nosas froiterías a preguntar polos purés de froita que comeran no hospital”

Despois de 8 anos no mercado, Galifresh atópase en pleno proceso de expansión, procurando tanto novas instalacións como abrirse paso en mercados coma o asiático. Ademais, a firma reivindica tanto a súa identidade galega como a aposta por utilizar produtos procedentes de hortas galegas.

Galicia Calidade

A firma conseguiu neste 2020 o selo de Galicia Calidade para os seus purés de froita, co que certificar así a orixe galega tanto do produto, preparado na comunidade, como de boa parte das materias primas coas que se elaboran. “Tódolos nosos purés de froita teñen unha base de mazá procedente do campo galego, o que nos permitiu acceder a este selo”, declara o xerente á vez que recoñece que este distintivo axuda a situar os produtos no resto de España. “Os produtos de orixe galega teñen un gran recoñecemento no resto de España, o consumidor identifícaos como produtos de calidade”, valora.

INSTALACIONES-Galifresh-

A mazá galega é un dos principais ingredientes dos purés de froita que elaboran.

A mazá galega proporciónalle unhas características diferenciadoras. “A mazá ofrécenos o punto de cremosidadE que buscamos, á vez que o seu punto de acidez facilítanos a conservación do produto sen máis conservantes”, detalla.

Nestes momentos, os purés de froita están a ser o buque insignia da compañía. Producen preto de 4 millóns de unidades de puré de froita ao ano. Elaborados sen azucres engadidos, adictivos nin conservantes, estes preparados de froita obtéñense tras unha pre-esterilización e triturado da froita. Aínda que, punto de acidez das froitas permítelles lograr ao redor de 8 meses de conservación de forma natural.

Producen preto de 4 millóns de unidades de puré de froita ao ano e uns 350.000 quilos de cremas de verdura e sopas

O outro gran produto da compañía son as cremas e sopas de verdura e legumes, das cales producen uns 350.000 quilos cada ano cunha ampla variedade de ingredientes como cabaza, allo porro, cabaciña, lentellas, cenoria ou pataca, entre outros. “Polo momento, a horta galega non é capaz de proporcionarnos todo o ano a cantidade de verdura e hortalizas que necesitamos, por iso recorremos tamén a outros provedores”, explican dende a compañía.

PRODUCTOS-Galifresh-

A firma está especializada na elaboración de purés de froita e cremas e sopas de verduras e hortalizas.

Tampouco nas súas cremas hai conservantes. “Facemos cremas seguindo recetas tradicionais, pero en grandes cantidades. No canto dunha pota pequena, nós preparámolas en marmitas de 150 litros e pronto será unha de 800 litros, na nave nova, pero sempre seguindo unha cocción e elaboración tradicional”, detalla Eusebio. Tras preparar un rustrido e cocer as verduras, a crema pasa por un leve proceso de pasteurización antes do envasado, co que garanten unha conservación media de 40 días. “As nosas cremas non son unha conserva, queremos que se consuman nun breve período de tempo e co mellor sabor, por iso realizamos unha pasteurización suave, coñecida como pasteurización flash, coa que garantir a conservación, pero que evite perdas no sabor”, concreta.

Xunto a cremas e purés, a firma comercializa froitas e verdura cortadas e en espetadas, pensadas para consumir directamente ou listas para cociñar á grella ou na prancha. Ademais, elaboran unha gama de untables vexetais con sabores como a sobrasada vegana ou a olivada, que foron distinguidos como produto innovador en 2019.

En plena expansión

A empresa atópase en pleno proceso de expansión e ultimando o traslado ás novas instalacións, situadas no polígono industrial A Pasaxe, en Gondomar (Pontevedra). “Pasaremos a poder multiplicar por 10 a produción actual”, indica o xerente. As novas dependencias contarán cuns 2.900 metros cadrados, dos que ao redor de 2.000 dedicaranos a obradoiro, fronte aos 350 metros cadrados dos que dispoñen na actualidade.

PRODUCCION-Galifresh

Nas novas instalacións contarán cun obrador máis amplo para a elaboración de novos produtos e incrementar a produción.

“Á vez que buscamos incrementar a produción, queremos automatizar algúns dos procesos e incrementar a nosa oferta de produtos”, concreta o xerente. Así, traballan xa para desenvolver unha gama BIO, procedente de cultivos co certificado ecolóxico.

Corea ou Brasil convertéronse nun dos seus principais mercados internacionais

Parello ao desenvolvemento das novas instalacións, comezaron a abrirse paso en mercados como Brasil ou Corea, que se converteron nos principais destinos exteriores da súa produción. Os seus purés e cremas comercialízanse tamén en países coma Portugal, Chile ou Israel, onde a certificación Kosher, o selo que garante unha preparación acorde coas esixencias do xudaísmo, permitiulles unha importante implantación. “Antes de querer vender nun país debes de contar coas certificacións que che permitan facelo”, explica Eusebio. Precisamente, nestes momentos atópanse pendentes de obter outras certificacións que lle faciliten a implantación en países como Canadá ou Reino Unido.

Integración e sustentabilidade

Galifresh funciona, ademais, como centro especial de emprego. Así, do seu persoal integrado por 40 traballadores, polo menos o 70% ten diversidade funcional. “Demostramos cada día, e agora co noso obxectivo de crecer, que é posible ofrecer unha oportunidade laboral e formativa e conseguir que a actividade sexa rendible economicamente”, reivindica Eusebio.

PREPARACION-Galifresh-

Alomenos o 70% dos traballadores son personas con algún tipo de diversidade funcional.

A firma está a integrar tamén prácticas sustentables na súa produción como o aproveitamento dos residuos orgánicos de froitas e hortalizas. “Os nosos desfeitos convértense en alimento para as miñocas da planta de compostaxe de esterco Ecocelta, pechando así o círculo e apostando pola Economía Circular”, indican.

A redución do plástico é outro dos cabalos de batalla actuais para esta empresa viguesa. “Estamos a reducir o grosor do plástico que utilizamos e buscando outras opcións para o envasado”, argumenta.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información