O monográfico forestal Galiforest, organizado pola Feira Internacional de Galicia, prepárase xa para a súa sétima edición, que terá lugar do 27 ao 29 de xuño. Será novamente no Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Sergude, situado no concello de Boqueixón.
Así, a un mes para a súa celebración, a organización continúa co seu labor de contratación de espazos e servizos na feira, aínda que xa está moi avanzada a configuración desta convocatoria, que contará coa presenza das firmas máis importantes do sector. Estas mostrarán as súas últimas innovacións tecnolóxicas e novos proxectos.
Así mesmo, o equipo de Galiforest atópase estes días deseñando o programa de actividades, no que destacarán os talleres prácticos e as demostracións continuadas durante os tres días de feira, ademais do seu Concurso de Innovación. A esta cita sempre concorren atractivas novidades que destacan por achegar importantes melloras ao sector forestal e optimizar os seus recursos.
Unha exposición e un programa con gran interese que se unirán no mellor marco posible, o Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Sergude. Unha localización que, de novo, permitirá mostrar e ver o funcionamento da maquinaria exposta nun monte con excelentes infraestruturas e moi ben comunicado. Non en balde, conta con fácil acceso desde a autoestrada AP-53 tanto para grandes máquinas como para visitantes.
Con todo iso, Galiforest 2024 converterase no punto de encontro forestal de referencia na Península.
Esta sétima edición de Galiforest xa ten dispoñible na súa web o formulario para o rexistro de visitantes. Os interesados en acudir poden entrar en www.galiforest.com e no apartado de visitantes teñen a posibilidade de inscribirse de forma gratuíta cuns pasos moi sinxelos.
Tras a inscrición, recibirán un código QR no seu correo electrónico e soamente terán que ensinalo cando cheguen á feira para poder acceder. De todos os xeitos, aqueles asistentes que non estean rexistrados previamente poderán facelo á súa chegada ao certame.