A Feira Internacional de Galicia ultima a organización da sexta edición do seu monográfico forestal Galiforest Abanca, que se celebrará do 30 de xuño ao 2 de xullo no monte e instalacións do Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Sergude (Boqueixón), próximo a Santiago.
En canto á súa exposición, a algo máis de quince días para a celebración da feira, Galiforest conta con 86 expositores directos confirmados, un 15% máis respecto á cifra final da pasada edición, celebrada no 2018, cando foran 75. Estas empresas e entidades, entre as que se encontran moitas das máis importantes do sector, ocupan unha superficie neta de 13.682 metros cadrados, un 16% máis de espazo que o contratado na anterior convocatoria, xa que entón foran 11.837 metros cadrados.
Estas cifras supoñen que o certame celebrará a súa maior edición, á vez que demostran tanto o respaldo do sector a este monográfico como a súa consolidación como cita forestal.
Programa de actividades
De forma paralela a esta exposición o certame ofrecerá un atractivo programa de actividades, tanto dirixidas a profesionais como a outros perfís relacionados, entre eles os estudantes vinculados co sector.