Galiforest arranca a súa maior edición en expositores

O certame, que se celebra no Centro de Formación Agroforestal de Sergude (Boqueixón), superará os 9.000 metros cadrados de superficie expositiva. Inclúe un programa de xornadas técnicas a cargo de FSC e da Consellería de Medio Rural

Galiforest arranca a súa maior edición en expositores

Presentación de Galiforest a cargo da conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez. / Arquivo.

A Feira Internacional de Galicia inicia mañá a cuarta edición do seu Monográfico Forestal, Galiforest, que se celebrará ata o sábado 2 de xullo no monte e instalacións do Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Sergude (Boqueixón).

En canto a súa área expositiva, contará cunha superficie de 9.108 metros cadrados netos, o que supón que superará nun 62% o espazo ocupado na pasada convocatoria, cando ascendera a 5.639 metros cadrados. Galiforest tamén acadará este ano as súas mellores cifras en expositores directos, con 56, un 27% máis que no 2014, cando foran 44.

Xornadas técnicas
Xunto coa parte expositiva, Galiforest contará cun amplio programa de xornadas técnicas, que se concentran este xoves e venres. O xoves hai prevista unha xornada organizada por FSC España a partir das 11 horas, na que se abordarán cuestións como o uso de drons no ámbito forestal, as posibilidades da tecnoloxía Lidar ou a mellora da explotación forestal con cable de arrastre. Tamén intervirá unha representante de Ence para falar da innovación forestal por parte da compañía pasteira.

Para o venres, están previstas unhas xornadas técnicas da Consellería do Medio Rural a partir das 11 da mañá. Estas xornadas abordarán cuestións como o futuro Plan Forestal de Galicia, as liñas de investigación do Centro de Investigación Forestal de Lourizán ou a creación da Agencia de Calidade Alimentaria de Galicia. Tamén está prevista unha charla da IXP Castaña de Galicia, a presentación da plataforma de compra-venda de madeira E-monte e a presentación da Asociación Galega de Leñadores.

Pódese consultar o programa completo de demostracións de maquinaria e de xornadas en PDF na web de Galiforest.

O certame foi presentado onte en Santiago pola conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez; o director xeral de Ordenación e Produción Forestal, Tomás Fernández Couto, e o director da Fundación Semana Verde de Galicia, Ricardo Durán.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información