A sexta edición do monográfico forestal Galiforest Abanca será finalmente do 23 ao 25 de xuño de 2022. Así o decidiu o seu Comité Organizador nunha reunión celebrada por videoconferencia na que participaron representantes dunha vintena de empresas e entidades do sector forestal, que estiveron acompañados por José Ignacio Lema Piñeiro, director da Axencia Galega da Industria Forestal (XERA) e Ramón Lamelo Otero, xefe da área de promoción da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal).
O certame fora aprazado en 2020 debido á crise xerada pola Covid-19 e estaba previsto celebralo do 8 ao 10 de xullo deste ano. Porén, o seu Comité Organizador avaliou distintos aspectos que o levaron a trasladala cita a 2022. Así, moitas empresas do sector consideran que a día de hoxe segue existindo incerteza respecto á situación sanitaria derivada da Covid-19. Esta opinión compartida supón que numerosas firmas teñan decidido restrinxir ou descartar a asistencia este ano a calquera tipo de evento, o que podería afectar á exposición do certame tanto dende o punto de vista cualitativo como cuantitativo. Así mesmo, distintos fabricantes están a ter dificultades en canto á subministración de materias primas, o que complicaría ou imposibilitaría a fabricación de determinada maquinaria para presentar na feira.
Garantir a alta participación
Por todo iso, Galiforest Abanca atrásase e volve situarse nas súas datas naturais, que foron desde os seus inicios en anos pares e entre os meses de xuño e xullo. Dende a organización buscan con esta decisión garantir a excelente progresión da feira forestal, que na súa última edición, a maior e máis internacional ata o momento, contou coa participación de 254 firmas expositoras, un 40% máis que na anterior convocatoria, e con 76 expositores directos, un 33% máis. Entre estes últimos triplicouse o número de empresas estranxeiras, o que permitiu que o Ministerio de Industria, Comercio e Turismo lle concedera á feira o selo de internacionalidade a efectos aduaneiros. En total os expositores ocuparon 11.875 metros cadrados netos, un 24% máis, e foron visitados por 5.600 profesionais do sector.
Galiforest Abanca converteuse nun referente para empresas, institucións e profesionais do mundo forestal e o seu Comité Organizador pretende é que a cita non se vexa condicionada por aspectos derivados da Covid-19.