Galiforest 2026 converterá o monte nun gran escaparate

A feira reunirá do 2 ao 4 de xullo en Sergude exhibicións en directo, probas de produto e talleres especializados para achegar aos profesionais as últimas innovacións do sector

Publicidade
Galiforest 2026 converterá o monte nun gran escaparate

A oitava edición de Galiforest 2026 reforzará o seu carácter práctico e profesional cun amplo programa de arredor de 200 demostracións de maquinaria, sistemas forestais e novas tecnoloxías que se desenvolverán entre os días 2 e 4 de xullo no Centro de Formación e Experimentación Agraria de Sergude, en Boqueixón. A organización aposta así por ofrecer aos asistentes unha experiencia inmersiva na que os equipos poderán verse traballando en condicións reais, unha das características que distinguen este certame como referente do sector forestal no noroeste peninsular.

A celebración da feira nun entorno forestal permite que expositores e visitantes compartan un espazo de traballo auténtico, no que as empresas poden exhibir o rendemento das súas máquinas e solucións tecnolóxicas mentres os profesionais comproban sobre o terreo as súas prestacións, eficiencia e aplicacións prácticas. Esta combinación converte Galiforest Abanca nun punto de encontro estratéxico para a innovación, a transferencia de coñecemento e o impulso da mecanización forestal.

As demostracións desenvolveranse tanto nunha zona específica do monte como nas parcelas das empresas participantes. O programa inclúe o funcionamento de procesadoras forestais e de leña, serradoiros portátiles, trituradoras compactas e de gran capacidade, manipuladoras telescópicas, cabestrantes, robots desbrozadores e segadores, sistemas automáticos para estacas, simuladores de procesadoras, guindastres robotizados, biotrituradoras, rozadoras de control remoto, cargadoras equipadas con trituradoras forestais ou minicargadoras, entre outros equipos destinados a mellorar a produtividade e a seguridade dos traballos forestais.

A esta programación técnica sumaranse demostracións de motoserras, corte en altura, comparación de sistemas de cambio de aceite, instalación de xardíns verticais, arte floral ou preparación de mostras polínicas de distintos meles. As actividades estarán dirixidas por numerosas empresas especializadas do sector e tamén pola Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), que contribuirá con propostas divulgativas relacionadas co medio natural e a innovación agroforestal.

Ademais da vertente profesional, Galiforest ofrecerá un programa pensado para atraer a un público máis amplo mediante exhibicións, talleres e probas de produto. Entre os principais atractivos figuran os espectáculos de talla de madeira con motoserra, as esculturas en directo e as demostracións do popular deporte da madeira Stihl Timbersports Series, con probas de corte en distintas modalidades. O Agacal completará a oferta con exposicións sobre a vida na colmea e ecoesferas, así como talleres de enxertos, contribuíndo a converter a feira nun espazo de divulgación, innovación e formación arredor do sector forestal.

Consulta aquí o programa completo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información