Galiforest 2026 bate récords de participación e superficie expositiva

A feira forestal, que se celebrará do 2 ao 4 de xullo en Sergude, contará con 120 expositores e máis de 18.000 metros cadrados de exposición

Publicidade
Galiforest 2026 bate récords de participación e superficie expositiva

A décimo oitava edición de Galiforest chegará ao seu inicio cunhas cifras históricas de participación. A falta de quince días para a súa inauguración, o certame forestal xa confirmou a presenza de 120 empresas e entidades expositoras, superando os 107 participantes rexistrados na edición de 2024.

A feira, que terá lugar entre os días 2 e 4 de xullo no Centro de Formación e Experimentación Agraria de Sergude, en Boqueixón, ocupará unha superficie neta de 18.056 metros cadrados, fronte aos 15.306 da anterior convocatoria. Estes datos converten a edición de 2026 na máis grande da historia do evento, tanto en número de expositores como en espazo expositivo.

Organizada pola Feira Internacional de Galicia, co apoio da Xunta de Galicia, Galiforest consolídase así como unha das principais citas do sector forestal no noroeste peninsular e un punto de encontro de referencia para profesionais, empresas e entidades vinculadas ao monte.

Xunto á exposición comercial, o programa incluirá demostracións continuadas de maquinaria forestal, o Concurso de Innovación e un simposio técnico, entre outras actividades dirixidas tanto a profesionais como a estudantes e persoas relacionadas co sector. A organización destaca que estas propostas contribuirán a fomentar o intercambio de coñecemento e a dinamización do certame.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información