Galicia volverá a autorizar batidas contra o lobo por danos reiterados sobre o gando

O Consello da Xunta acorda retomar os criterios que mantiña no seu Plan de Xestión do Lobo, logo de que o Congreso dos Deputados anulara a protección especial das poboacións do cánido ó norte do Douro

Galicia volverá a autorizar batidas contra o lobo por danos reiterados sobre o gando

Peche preventivo para protexer ó gando contra o lobo. / Arquivo.

O lobo volverase a cazar en Galicia con autorización especial, sempre que haxa danos reiterados sobre o gando e que se demostre a necesidade dos controis cinexéticos. É a decisión que adoptou hoxe o Consello da Xunta, que acordou retomar o Plan de Xestión do Lobo que estivera vixente en Galicia ata o 2021, cando se incluíu o lobo no Listado de Especies en Protección Especial a nivel de toda España.

As poboacións de lobo concéntranse en España na parte noroeste da península, principalmente en catro comunidades: Galicia, Asturias, Cantabria e Castilla y León, e en menor medida, noutras próximas, como o País Vasco. Todas elas posicionáronse no 2021 en contra de que o lobo se incluira no Listado de Especies en Protección Especial (Lespre), pero de nada lles valeu, pois houbo unha maioiría de comunidades (sen lobos) que estiveron a favor da proposta de protección do Ministerio de Transición Ecolóxica.

Agora, polas voltas e voltas das votacións no Congreso dos Deputados, levantouse a protección especial do lobo ó norte do Douro, de xeito que se poderá cazar nas condicións marcadas por cada comunidade autónoma.

En Galicia, a Xunta argumenta a súa decisión de volver a permitir a caza do lobo en base á evolución das poboacións do cánido e na evolución dos danos sobre o gando. O Goberno autonómico sinala que nos últimos 20 anos, a poboación de lobo aumentou un 37%, ata as 93 mandas actuais, en tanto os animais atacados polo lobo aumentaron un 57% desde o 2021, segundo a Xunta, cunha media diaria de 10 baixas.

As reses mortas por ataque de lobo medraron un 57% desde o 2021, segundo os datos da Xunta

Este aumento dos avisos de baixas levou a que o presuposto consignado a indemnizar danos medrase de menos de 350.000 euros de media ó ano antes do 2021 a 900.000 no último ano, segundo a Xunta.

En verdade, a decisión galega de volver a incluír o lobo como especie cinexética, con autorización especial de batidas, esperas ou monterías, non cambia moito a situación da especie na comunidade, pois en Galicia a penas había batidas autorizadas contra a especie e as que houbo entre 2010 e 2010 só abatiron 11 lobos.

O cambio de estatus do lobo en principio terá pouco impacto en Galicia. Na década pasada abateuse na comunidade unha media dun lobo ó ano, fronte ós arredor de 40 anuais que sumaban Asturias e Cantabria

Distinta é a situación noutras comunidades, pois entre Asturias e Cantabria, ata o 2020, cada ano viñan cazándose de xeito permitido arredor de 40 lobos. En zonas concretas, comprobouse como a extracción de ata o 20% dos lobos cada ano non afectaba ó censo poboacional da especie.

No sector agrario de Galicia, dáse por descontado que é a caza furtiva a que mantén as poboacións do cánido minimamente baixo control, pois as batidas organizadas demostráronse como ferramentas fallidas, a parte de xerar un importante rexeitamento social entre colectivos animalistas que as fan pouco atractivas para os cazadores.

Outras comunidades, como Asturias, apostan por controis cinexéticos da gardería ambiental cando hai danos reiterados e así se autoriza, se ben Galicia polo de agora non se plantexou un sistema similar.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información