
Álvaro Gallardo, técnico de Syngenta, explica o funcionamento da trampa para o insecto vector da Flavescencia Dourada
O pasado mércores, a comarca do Ribeiro (Ourense) foi escenario da presentación dunha innovadora solución tecnolóxica para loitar contra a flavescencia dourada, unha enfermidade de corentena que ameaza seriamente a viticultura europea e que xa está presente nos viñedos do sur de Galicia. Para frear a expansión desta fitopatoloxía, a Xunta obrigou a realizar tratamentos insecticidas durante esta época do ano. Nun contexto marcado polo cambio climático e a expansión de novas pragas, solucións como esta trampa intelixente abren o camiño cara a unha viticultura máis resiliente, tecnolóxica e respectuosa co medio.
O dispositivo, parte das solucións Cropwise que ofrece esta empresa líder en tecnoloxía agrícola, consiste nunha trampa dixital intelixente deseñada para a detección automatizada do insecto vector Scaphoideus titanus. Este dispositivo foi instalado nun viñedo do Ribeiro no marco da xornada técnica organizada por Syngenta, a cooperativa Viña Costeira e a empresa de solucións para a agricultura Fitoagraria, coa colaboración da administración pública galega. O acto de presentación contou coa participación de expertos en sanidade vexetal, representantes do sector vitivinícola e responsables técnicos do proxecto, para poder valorar o potencial desta ferramenta como parte dunha estratexia preventiva integral.

César Trigo, delegado de Syngenta en Galicia, amosando a nova trampa dixital
Un ecosistema dixital para a toma de decisións
Durante a presentación, Álvaro Gallardo, enxeñeiro agrónomo do equipo de agricultura dixital de Syngenta, explicou como funciona este dispositivo intelixente: unha trampa cromática equipada con dúas cámaras de alta resolución, sensores climáticos e un sistema autónomo de limpeza e alimentación solar. Cada día, a trampa captura imaxes dos insectos atraídos, que son enviadas á nube, analizadas automaticamente por algoritmos de aprendizaxe con intelixencia artificial e posteriormente verificadas por entomólogos especializados. Isto permite xerar alertas automáticas e consultar en tempo real as curvas de voo do insecto vector, mellorando notablemente a precisión á hora de aplicar os tratamentos: “Axuda a optimizar o uso de vehículos sanitarios, neste caso de insecticidas, de forma que poidamos aplicalos no momento exacto, cando comezan os voos da praga, e maximizar a súa eficacia.”
O dispositivo, deseñado especificamente para Scaphoideus, permite ao agricultor acceder remotamente a estes datos a través da App e mellorar a súa toma de decisións: “Podemos ver o acumulado de capturas desde o noso despacho, desde o noso móbil, onde queiramos.”
Segundo explicou o técnico de Syngenta, esta ferramenta forma parte dunha estratexia máis ampla: “Levamos xa varios anos promovendo a agricultura dixital porque vemos que é necesaria para a agricultura española e para o agricultor.” O dispositivo, deseñado especificamente para Scaphoideus, permite ao agricultor acceder remotamente a estes datos a través da App e mellorar a súa toma de decisións: “Podemos ver o acumulado de capturas desde o noso despacho, desde o noso móbil, onde queiramos.” Gallardo tamén destacou a autonomía operativa da ferramenta grazas ao seu sistema autolimpable: “A trampa xira o rolo e desprega un rolo limpo.” Isto reduce os desprazamentos innecesarios ao campo e favorece unha xestión máis sostible: “Aforramos viaxes para ver a trampa, aforramos gasóleo, aforramos andar polos camiños.”
Compromiso do sector vitivinícola
Para Carlos Alberte, director de viticultura de Viña Costeira, esta iniciativa xorde dunha preocupación real por protexer os viñedos galegos: “Queremos tratar de mitigar os efectos desta praga de corentena e evitar que se propague polo Ribeiro.” A demostración práctica do dispositivo levouse a cabo nas propias parcelas da cooperativa, nun xesto de colaboración entre entidades e tamén coa administración pública: “Isto realmente interésanos moito, que tanto as empresas privadas como pode ser Viña Costeira, que é unha cooperativa de moitos viticultores, e a administración sobre todo, accedan a este tipo de dispositivos para tratar de frear da mellor maneira, en tempo e forma, o avance desta praga de corentena.”

Carlos Alberte, director de viticultura de Viña Costeira, mostra unha trampa tradicional nos viñedos
Alberte amosou o funcionamento das trampas tradicionais, baseadas nun soporte de plástico con superficie adhesiva na que quedan atrapados os insectos para un posterior reconto manual máis limitado. En contraposición, gabou as capacidades da nova trampa intelixente facilitada por Syngenta, destacando o seu valor para tomar decisións máis áxiles, específicas e fundamentadas en datos obxectivos. En canto á valoración do evento, para Alberte: “Foi unha xornada moi positiva, viñeron bastantes socios interesados polo tema.” E agradeceu especialmente a resposta e o interese da administración ante esta problemática: “Esa é a reciprocidade que hai que ter.”
“Cada vez é máis importante a sustentabilidade do planeta, evitar ao máximo pasar máis veces (con insecticidas) pola viña… tratar cando é necesario, nada máis.”
Tecnoloxía aplicada á sustentabilidade
Desde a perspectiva comercial e agronómica, César Trigo, delegado de Syngenta en Galicia, subliñou o valor práctico e estratéxico destas trampas dixitais e destacou o seu impacto para unha agricultura máis eficiente e respectuosa co medio: “Cada vez é máis importante a sustentabilidade do planeta, evitar ao máximo pasar máis veces (con insecticidas) pola viña… tratar cando é necesario, nada máis.” Neste sentido, valorou que o novo dispositivo contribúe a un uso máis racional de fitosanitarios e ao respecto pola biodiversidade. Nun contexto con menos substancias dispoñibles e maior presión reguladora, Trigo apuntou ás novas solucións de Syngenta: “Temos xa unha gama bio que axuda a incrementar as defensas da planta… a idea é ir por diante dos problemas, non por detrás.”
César tamén destacou a capacidade destas ferramentas dixitais para atraer ás novas xeracións: “Queremos que a mocidade veña á agricultura, porque antigamente pensábase que a agricultura era para maiores e que non tiña tecnoloxía, pero agora eu diría que, cada vez máis, a agricultura que non é tecnolóxica, vai quedar fóra.” E defende que a precisión é fundamental para o futuro do campo, o que fai imprescindible dixitalizar e monitorizar cada vez máis parámetros agronómicos, como a dose exacta de auga ou de fitosanitarios por hectárea: “Se necesitamos medio quilo, pois medio quilo e non un quilo, porque logo créanse resistencias por mala utilización dos produtos.”
A visión institucional: unha ferramenta complementaria
Desde Sanidade Vexetal, da Consellería do Medio Rural, destacan que a incorporación de trampas dixitais forma parte dunha estratexia complementaria dentro do plan de control oficial contra a flavescencia dourada; “outra fonte de información para adquirir un maior coñecemento do ciclo biolóxico do Scaphoideus titanus.” A administración considera que os datos xerados por estas ferramentas poden abrir novas vías para “unha mellora da eficacia no seguimento do insecto vector.” Non obstante, matizan que “coa información dispoñible ata o momento, estas trampas dixitais aínda non ofrecen unha solución completa para o monitoreo das poboacións do insecto que se está a levar a cabo no plan de control oficial.”
“Estamos agora en conversas coa Xunta de Galicia, con Sanidade Vexetal, para intentar colocar algunha máis e poder axudar a conformar un mapa da praga.
Primeira trampa dixital en España para esta praga
Gonzalo González, xerente de Fitoagraria, destacou o carácter pioneiro do acto: “Para esta praga en España é a primeira trampa dixital que hai.” Subliñou que, aínda que xa teñen traballado con trampas dixitais noutros cultivos como a pataca, esta é a primeira que se vai colocar en viñedo para o control do Scaphoideus titanus. A trampa mostrada no acto será reubicada nunha zona limítrofe con fincas de viñas abandonadas, onde adoita haber máis presión. “Estamos agora en conversas coa Xunta de Galicia, con Sanidade Vexetal, para intentar colocar algunha máis e poder axudar a conformar un mapa da praga.” Fronte aos métodos manuais que ata agora empregou a administración, defendeu a vantaxe do monitoreo continuo: “O que intentamos con estas axudas dixitais é axilizar tempos, ser máis precisos, facelo en tempo real.”

Gonzalo González, xerente de Fitoagraria, amosa a App ás persoas asistentes
González, satisfeito coa asistencia ao evento, agradeceu a implicación e participación de todas as persoas e entidades: “Nós sempre intentamos estar en comunicación coa administración e cos fabricantes. Estar ao lado do viticultor, que ao final é o que fai que isto sexa posible. Intentamos estar en comunicación con todos os entes implicados e tamén botar unha man ao sector no que poidamos. Fitoagraria vai seguir apostando pola dixitalización e pola agricultura de precisión.”
Innovación, prevención e cooperación
A instalación destas trampas en Galicia non só representa un avance na protección do viñedo fronte á flavescencia dourada, senón que sitúa á comunidade na vangarda europea da agricultura de precisión e da dixitalización como ferramentas clave para unha viticultura máis resiliente, eficiente e sostible. A través da colaboración entre o sector público e privado, a integración desta tecnoloxía reforza a capacidade de resposta do sector vitivinícola galego ante ameazas emerxentes e consolida unha aposta firme pola innovación no medio rural.

Galego









Control OJD