A xornada sobre desperdicio alimentario, organizada pola Unión de Consumidores de Galicia, celebrouse hoxe no Hotel NH Collection de Santiago de Compostela, congregando a produtores, industria, distribución, canle HORECA e consumidores para analizar as cifras do desperdicio alimentario e buscar solucións efectivas.
O evento foi inaugurado polo Director Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade da Xunta de Galicia, Ramón Martínez Boga, quen destacou a importancia de abordar esta problemática desde unha perspectiva integral que precisa dun debate serio e documentado “como o que ofrece esta xornada”.
Acto seguido, a subdirectora xeral de Calidade e Sostibilidade Alimentaria do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, Ana Díaz Pérez, presentou situación lexislativa actual nesta materia, así como a estratexia que aplica o ministerio para afrontar o desperdicio alimentario baseada en tres piares: medición, divulgación e sensibilización, e lexislación. Durante a súa intervención destacou as cifras positivas de redución do desperdicio alimentario nos fogares españois.
Ao longo da xornada, diversas mesas redondas e sesións de diálogo abordaron o desperdicio alimentario en todas as fases da cadea de subministración. A primeira mesa redonda, centrada no sector primario e a industria, contou coa participación da directora de competitividade e sostibilidade de FIAB, Paloma Sánchez Pello; da coordinadora da área de sostibilidade e economía circular en Clusaga, Perla Ferrer Espinilla; do xefe de departamento de reciclado e valorización de residuos do Instituto de investigacións Mariñas – CSIC, Xosé Antón Vázquez Álvarez; e o director xerente de AGACA, Higinio Mougán. Nesta mesa, moderada polo xornalista David González -codirector do medio dixital de Campo Galego-, sinalouse que este problema representa unha perda significativa de recursos e ingresos, xa que moitos produtos non chegan a ser consumidos, malgastando tempo, diñeiro e esforzo. Analizouse a evolución desta problemática tendo en conta as novas demandas das persoas consumidoras, que cada vez están máis concienciadas sobre a sustentabilidade e a responsabilidade social das empresas. Neste sentido, a industria agroalimentaria está a tomar medidas para reducir o desperdicio, mellorando as técnicas de produción e almacenamento, e adaptándose ás expectativas dos consumidores.
Tamén se abordou a implicación do sector agroalimentario e a industria na loita contra o desperdicio alimentario desde o primeiro elo da cadea. E destacouse a importancia da valorización dos residuos e subprodutos, transformándoos en novos produtos que poden beneficiar a outras empresas. Este enfoque non só axuda a reducir o desperdicio, senón que tamén xera novas oportunidades económicas.
A continuación tivo lugar a conversa entre Adriá Burniol García, investigador da Fundación Espigoladors, e José María Medina Rey, responsable de xestión de coñecementos en Enraíza Derechos. Ambos presentaron datos sobre o desperdicio alimentario e as campañas de concienciación que levan anos realizando as súas entidades. “Medir o desperdicio alimentario ao longo da cadea de valor é moi complexo”, apuntou Medina Rey, debullando esa complexidade ante as persoas asistentes. A aportación de Burniol García correu paralela a esta idea xa que desde a súa entidade están a investigar ao respecto a nivel pequenos produtores.
Unha mesa redonda sobre a distribución de alimentos e o desperdicio cero puxo de relevo as estratexias implementadas por grandes cadeas como Froiz, Gadisa e Mercadona para diminuír o desperdicio alimentario. Moderada polo presidente da Unión de Consumidores de Castela e León, Prudencio Prieto Cardo, contou coa participación da directora de marketing e comunicación de FROIZ, Brígida Nieto; a directora de marketing e RSC de GADISA, Melisa Pagliaro; da directora de relacións institucionais de MERCADONA Galicia, Mariña Rivas; e da responsable de seguridade alimentaria e medio ambiente de ASEDAS, María Martínez-Herrera. Durante a discusión, abordouse a cantidade de desperdicio xerada na fase de distribución, cuantificada a través de auditorías e análise de datos recollidos por diversas entidades. En canto á evolución, salientouse que nos últimos anos se deron pasos importantes para reducir o desperdicio, implementando melloras na cadea de subministración e optimizando os procesos de almacenamento e transporte. Os distribuidores están a adoptar diversas medidas para previr o desperdicio, como a mellora das previsións de demanda, a optimización dos prazos de entrega e o uso de tecnoloxías avanzadas para a xestión de inventarios. Recoñecen que alcanzar o desperdicio cero é un obxectivo ambicioso pero que a normativa e as novas prácticas introducidas achegan significativamente á industria a esa meta.
A xornada de tarde foi inaugurada polo Director Xeral de Comercio e Consumo da Xunta de Galicia, Gabriel Alén Castro, quen deu paso á última mesa de debate centrada nos consumidores e usuarios ante o desperdicio alimentario. Nela , participaron o subdirector da Escola Superior de Hostalaría de Galicia, Luis Rial Sierra; o presidente do Balrial (Banco de Alimentos Rías Altas), Manuel Mora; o presidente de CONFAPA e FANPA Pontevedra, Rogelio Carballo Solla; e o presidente da Unión de Consumidores de Aragón, José Ángel Oliván García. Na mesa redonda abordáronse temas cruciais desde a perspectiva dos consumidores, a restauración, os servizos de comedores escolares e os bancos de alimentos. Os participantes destacaron a importancia de xestionar eficazmente os desperdicios de alimentos en cada un dos seus ámbitos. Para os consumidores, a xestión dos desperdicios alimentarios é fundamental para reducir o impacto ambiental e fomentar a sostibilidade. Na restauración e os comedores escolares, a prevención do desperdicio non só ten un compoñente ético, senón que tamén representa un aforro económico significativo. Os bancos de alimentos subliñaron a importancia de redistribuír os alimentos sobrantes para apoiar ás persoas máis vulnerables. Entre as medidas adoptadas para previr o desperdicio, destacaron a planificación de menús, o aproveitamento de sobras para elaborar novos pratos, e a colaboración con entidades que recollen e distribúen alimentos excedentes.
Ademais, coincidiron en que a sensibilización e a educación dos consumidores son esenciais para reducir os desperdicios. Discutiuse a posibilidade de alcanzar o desperdicio cero, recoñecendo que, aínda que é un obxectivo ambicioso, pódese avanzar moito mediante un esforzo colectivo. Tamén se comparou a situación dos consumidores españois en relación aos seus homólogos europeos, destacando que aínda queda camiño por percorrer en termos de prevención de desperdicios. Finalmente, valorouse como insuficiente o traballo divulgativo e informativo das administracións, subliñando a necesidade de intensificar os esforzos para aumentar a conciencia cidadá e fomentar hábitos de consumo máis responsables.
O Delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco Lobeiras, puxo o punto final a este encontro agradecendo a todos os participantes polo seu compromiso e traballo. “É inspirador ver como diferentes sectores da sociedade se unen para abordar un problema tan urxente como o desperdicio alimentario”, subliñou Blanco Lobeiras.
A presidenta da UCGAL, Mª Rocío Arnoso Moure, pechou o evento destacando a necesidade de continuar traballando xuntos: “A loita contra o desperdicio alimentario require dun compromiso continuo e da colaboración de todos os axentes implicados”.
Esta xornada contou co patrocinio da Xunta de Galicia a través da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, a Axencia de Turismo de Galicia e ASUGA. Grazas a todos os asistentes e participantes por facer desta xornada un evento produtivo e inspirador.
Estudo sobre o desperdicio alimentario nos fogares galegos
Unión de Consumidores de Galicia acaba de publicar os resultados do seu último estudo centrado no desperdicio alimentario nos fogares galegos.. O estudo, no que participaron máis de 600 persoas, revela que o 69% dos galegos realizan sempre ou case sempre unha lista da compra, mentres que os menores de 35 anos son os que menos seguen este hábito (57%). Ademais, o 77% dos participantes declaran aproveitar as sobras para elaborar outros pratos, sendo os maiores de 65 anos os que máis aproveitan (84%), fronte aos menores de 35 anos (56%).
En canto a prácticas de compra que afectan o desperdicio alimentario, o 45% dos galegos afirman aproveitar ofertas como o 3×2, mentres que o 73% respectan sempre ou case sempre as datas de consumo preferente, mesmo cando o alimento aínda é consumible. Só o 12% adquire con frecuencia alimentos próximos a caducar, unha práctica que podería reducir o desperdicio na distribución.
Os alimentos que máis se desperdician son froitas, verduras e hortalizas (no 50% dos fogares galegos), seguidos de alimentos cociñados (32%) e carnes (29%). Pola contra, as conservas (9%), lácteos (16%), peixe (17%) e alimentos conxelados (18%) son os que menos se desperdician