Galicia, terceira comunidade en exportacións de moble no primeiro semestre

O aumento das vendas ó exterior aumentou un 10 por cento na comunidade, unha porcentaxe similar á suba media en España (12%). Cataluña e Comunidade Valenciana copan a metade das vendas ó exterior

Galicia, terceira comunidade en exportacións de moble no primeiro semestre

Cataluña e Comunidade Valenciana lideran o sector. Galicia, Andalucía e Aragón sitúanse no terceiro escalón.

O mercado español do moble aumentou as exportacións ó exterior un 12,4 por cento no primeiro semestre do ano en relación ó mesmo periodo do 2015. Galicia, que rexistrou unha suba do 10 por cento, participa desa tendencia xeral e mantense como terceira comunidade con máis vendas ó exterior, cun 8,8 por cento do total, segundo os datos difundidos por Confemadera Galicia, a patronal do sector da madeira.

Cataluña e Comunidade Valenciana seguen a liderar o mercado, cun 49,3 % do total entre as dúas comunidades (Cataluña, 25,7% e Comunidade Valenciana, 23,7%). Galicia sitúase en terceira posición das exportacións cunha cota de mercado do 8,8%. Se ben o mercado familiar e da construción non remata de despegar, as empresas galegas que traballan no canal contract, que serve a grandes clientes corporativos públicos e privados, si están a experimentar unha evolución positiva, tal e como destacaba recentemente Confemadera Galicia.

Desde Anieme (Asociación de Industriales y Exportadores de Mueble de España), valoran que hai unha boa marcha do sector tanto nos mercados internacionais coma no doméstico. De feito, as importacións de moble tamén aumentaron arredor do 10% e continúan moi por riba das exportacións. Se no primeiro semestre se exportaron mobles por arredor de 1.000 millóns de euros, as importacións chegaron ós 1.492 millóns, un déficit na balanza que tamén se confirma en Galicia.

En Confemadera Galicia, a patronal galega da madeira, adoitan incidir na necesidade de aumentar o valor engadido da transformación en Galicia, pois se ben a comunidade é a potencia indiscutible na primeira transformación da madeira (aserrado e taboleiros) en España, en canto a mobiliario sitúase a moita distancia do Levante.

Dáse ademais a circunstancia de que boa parte da materia prima empregada na industria galega do moble procede de importacións (madeira de cerdeira, carballo, castiñeiro, bidueiro, etc.).

Mercados
En canto ós mercados de exportación, destaca Francia, cun 26,9% do total, seguido de Portugal (11,8%) e de Alemania (8,5%). Os seguintes países na lista son Reino Unido, Estados Unidos e Italia, con entre un 4 e 5%.

En importacións, o mercado chino, caracterizado polos seus baixos prezos, continúa dominando o sector, cun 22,5% do total. Séguenlle Portugal (14,5%), Alemania (9,9%) e Polonia (9,8%), mercado este último que medrou un 30% no primeiro semestre do ano.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información